‘O porqué do movemento deseucaliptizador: alternativas para o Plan Forestal de Galicia’

O enxeñeiro de montes Jesús de la Fuente defende neste artigo a necesidade de que o planeamento forestal teña en conta as inquedanzas medioambientais de parte da cidadanía sobre a situación actual do monte galego

‘O porqué do movemento deseucaliptizador: alternativas para o Plan Forestal de Galicia’

Voluntarios traballando nun monte veciñal na eliminación de eucalipto, a maior parte procedente de semente. O máis probable é que no solo existan sementes que sigan brotando, polo que resultaría de interese asombrar o terreo canto antes, pois a falta de luz inhíbe a xerminación das sementes.

Este artigo tenta analizar por que moita xente se lanza ao monte a arrincar eucaliptos, actividade que a priori, podería ser considerada antiprodutiva e en contra dun proceso natural de invasión difícil de combater, sobre todo nas zonas queimadas. Este potencial invasor, puido facer, ata o de agora, que a propiedade se resignase a convivir co eucaliptal froito do abandono, que incluso tamén pode chegar a render algo se non arde de novo. Inercia difícil de vencer.

Comezo por aclarar que estes traballos, normalmente realizados por voluntariado máis ou menos organizado, fanse en zonas onde o eucalipto inzou a superficie sen que a propiedade o desexase. Para afondar nesta cuestión, utilizaremos un documento público que leva debaténdose, “sen coñecemento de boa parte da sociedade galega”, dende o ano 2015; trátase do novo Plan Forestal de Galicia (PFG), pendente de aprobación.

“A uniformidade do monte está a provocar preocupación nunha parte importante da sociedade”

Na diagnose sobre o monte galego realizada para a redacción do plan, detéctase un exceso de superficie ocupada por eucaliptais, que é consecuencia dunha falla de seguemento e control na aplicación do Plan Forestal anterior (1992). Isto levou a superar a superficie prevista para 2032 de eucaliptais puros en máis de 55.000 ha . Existiron dúas tendencias que fixeron isto posible: a económica, promovida por unha industria especializada na primeira transformación, e o abandono do rural ligado á proliferación dos incendios forestais.

Finca particular na que se cortou a madeira queimada. Pódese observar rebrote dalgúns pés de eucalipto, que semella están en fincas colindantes, e con maior forza vese o inicio de rexeneración de acacia negra. O grao de esforzo para eliminar a acacia debería ser bastante maior e é previsible que o banco de sementes do solo teña abundancia desta especie. A presenza de toxo e xesta é de interese para combatir o rexenerado natural de acacia.

Finca particular na que se cortou a madeira queimada. Pódese observar rebrote dalgúns pés de eucalipto, que semella están en fincas colindantes, e con maior forza vese o inicio de rexeneración de acacia negra. O grao de esforzo para eliminar a acacia debería ser bastante maior e é previsible que o banco de sementes do solo teña abundancia desta especie. A presenza de toxo e xesta é de interese para combatir o rexenerado natural de acacia.

Estes eucaliptais acostuman ser moi densos (máis se son froito do abandono), de árbores moi similares (masas regulares ou incluso coetáneas), con pouca variedade de estruturas e tratados a quendas curtas, por medio de cortas a feito ou, no peor dos casos, afectados por incendios con frecuencia. Esta uniformidade do monte, ao meu modo de ver, está a provocar preocupación nunha parte importante da sociedade.

Esta falla de diversidade podemos observala a tres niveis: especies, estruturas e paisaxe. Estudiaremos o novo PFG nestes tres importantes aspectos, o que nos axudará a entender por que un gran sector da sociedade está descontento coa extensión desmesurada da superficie ocupada polos eucaliptais . Para ampliar a exposición que se desenvolve a continuación, pódese consultar o blogue O Sequeiro.

Especies

En relación ao primeiro aspecto, se analizamos o número medio de especies arbóreas presentes nos montes arborados galegos, atopámonos cunha pobreza que é preocupante: entre 3-5 especies en cada zona inventariada, incluídas especies alóctonas (foráneas). Tamén se constatan os seguintes feitos: as zonas de maior riqueza de especies arbóreas son as próximas aos ríos e as ocupadas por frondosas autóctonas; en máis do 90% das masas arbóreas que tenden á monoespecificidade non existe subpiso arbóreo (practicamente non hai piso inferior arbóreo nin arbustivo).

Ademais do anterior, no diagnóstico do novo Plan Forestal de Galicia (PFG)indícase que “a superficie ocupada polas plantacións de eucaliptos non debe seguir aumentando” e conclúe que “deberían establecerse criterios técnicos e normas para limitar a súa expansión, xa que non é posible reducir a súa ocupación actual con carácter retroactivo, salvo que se trate de medida voluntaria suficientemente subvencionada, posiblemente en masas mesturadas con piñeiros e carballos”.

“A expansión dos eucaliptais non foi contrarrestada por incentivos que promovesen outro tipo de usos ligados a vexetación diferente”

O novo plan, entrando en contradición co expresado máis arriba, propón incorporar 25.000 hectáreas de Eucalyptus nitens, a engadir ás 300.000 ha de eucaliptais puros que xa existen en Galicia. Este impulso repoboador centraríase nos primeiros 5 anos de aplicación dos 20 que abrangue esta planificación. O fomento desta especie, menos sensible ás xiadas que o Eucalyptus globulus, fai que o límite altitudinal das plantacións de eucalipto ascenda, de xeito que á expansión que xa existe nas zonas costeiras se estenda practicamente sen límite cara ao interior. Se a este feito lle sumamos que non se endurece a normativa existente en canto a regulación das plantacións de eucalipto, é de supor, que a superficie ocupada por esta especie seguirá aumentando, pois se reforza a tendencia económica que xa existía.

Por outra banda, inda que de forma xeral o número de incendios diminúe, non o fan os grandes incendios forestais, que incrementan como efecto indirecto do cambio climático, polo que tamén se reforza a outra tendencia, a ligada ao abandono e ao inzamento provocado tras este tipo de catástrofes. A máis, o novo Plan prevé incorporar 125.000 hectáreas (ha) de repoboacións de especies arbóreas, das que tan só 50.000 ha serían de especies frondosas autóctonas, e sen garantir diversidade de especies dentro das novas plantacións.

En definitiva, sorprende que cando se analiza o grao de cumprimento do PFG de 1992, non se estudien cales foron os aspectos que fallaron para que se disparase a superficie ocupada polos eucaliptais. As dúas tendencias que fixeron que isto ocorresenon foron suficientemente contrarrestadas por incentivos que promovesen outro tipo de usos ligados a vexetación diferente. A falla desta análise, é percibido dalgún xeito por unha sociedade que ao fin, busca solucións ante o que xa está diagnosticado coma problema.

Chaín (Pontecaldelas). Zona afectada por incendio que asolou máis de 20.000 hectáreas en outubro do 2017. Fotos de xaneiro do 2019, uns 15 meses despois do incendio. En primeiro plano, rexenerado de eucalipto procedente de semente sobre un antigo piñeiral cortado meses antes. A semente procede na súa maior parte dun enclavado particular de masa mixta eucalipto – piñeiro.

Chaín (Pontecaldelas). Zona afectada por incendio que asolou máis de 20.000 hectáreas en outubro do 2017. Fotos de xaneiro do 2019, uns 15 meses despois do incendio. En primeiro plano, rexenerado de eucalipto procedente de semente sobre un antigo piñeiral cortado meses antes. A semente procede na súa maior parte dun enclavado particular de masa mixta eucalipto – piñeiro.

Estrutura das masas forestais

O segundo aspecto que se analiza, é o estrutural. Neste sentido, séguense a potenciar especies destinadas a producir madeira para pasta ou trituración, a quendas curtas e densidades altas, con individuos todos eles moi parecidos e pouco espacio para outras especies, formando o que se chaman masas regulares. Este tipo de formacións arboradas aprovéitanse polo sistema de cortas de rexeneración (fanse para producir unha nova xeración de árbores) coñecido co nome de cortas a feito (córtanse todas as árbores dunha vez en superficies continuas que abren un gran claro no bosque), utilizada para especies amantes da luz, coma os eucaliptos e moitas especies de piñeiro.

“Debería promoverse un xiro no sistema produtivo, fomentando especies de crecemento medio-baixo que proporcionen madeira de calidade”

Neste tipo de masas regulares, temos un só piso de vexetación con moi reducida diversidade estrutural. De feito, na diagnose detéctase este problema, como vimos máis arriba, o que se recoñece coma un empobrecemento dos ecosistemas forestais. A cuestión é que o novo PFG podería empeorar esta situación, ao potenciaren os cultivos enerxéticos, nos que o obxectivo é producir madeira en pouco tempo para queimar nunha central eléctrica de biomasa. Nestes cultivos interesa producir moito e moi rápido, e isto significa quendas máis curtas e masas máis densas, co que o sistema se simplifica aínda máis. Concluímos, polo tanto, que a revisión, a pesar de localizar na súa diagnose o problema, non vai resolvelo, se non complicalo máis, ao introduciren os cultivos enerxéticos coma unha medida para aproveitar a biomasa, cando en realidade só se consigue producila con maior rapidez.

Estas masas de estrutura regular que o novo Plan Forestal reforza, poden render se hai unha industria que consuma a madeira producida, inda que saibamos que por estes crecementos pagamos un prezo moi alto en forma de maior impacto ambiental, maiores perdas de solo, montes menos resilientes e un maior grao de propagación dos incendios forestais.

Pero no caso de Galicia, é que ademais non se está obtendo un rendemento “xustificador” destas debilidades do sistema productivo, e o novo plan tampouco presenta unha previsión de consumo que xustifique o aumento deste tipo de arborado ata o millón de hectáreas, o 33% do territorio galego (masas monoespecíficas de prioridade produción madeira). É por isto que se debería promover un xiro no sistema produtivo, fomentando especies de crecemento medio-baixo que producirían menos biomasa para arder, e máis madeira de calidade que podería ser consumida a un ritmo axeitado, á par que se reduciría o impacto ambiental, as perdas de solo e o grao de transmisión dos incendios forestais, logrando un monte máis resiliente e máis rico en estruturas (tendencia á representación de individuos con diferentes formas e tamaños).

Bidueiros que non sobreviviron ao incendio de Chaín e que formaban parte de piñeiral, que agora se ve substituído por eucaliptos, a maior parte procedentes de semente.

Bidueiros que non sobreviviron ao incendio de Chaín e que formaban parte de piñeiral, que agora se ve substituído por eucaliptos, a maior parte procedentes de semente.

Paisaxe

En conexión cos dous niveis anteriores, temos o terceiro, a paisaxe, gran esquecida no documento, pois a pesar de que se cita en varias ocasións, non se describe unha estratexia para a súa potenciación e vertebración. Incluso fálase de que a continuidade e extensión das masas monoespecíficas podería estar comprometendo a capacidade de recuperación do monte galego, pero non se toman medidas. O novo plan podería deseñar un monte con paisaxe en mosaico, vertebrado gracias a unha densa rede fluvial, con vexetación de fondo de val que formaría verdadeiros corredores de flora e fauna e efectivas áreas cortalumes.

“O novo plan podería deseñar un monte con paisaxe en mosaico, dándolle peso á vexetación de fondo de val”

Tamén caberían as masas monoespecíficas, eminentemente produtivas, limitadas por outras formacións arboradas máis diversas, nas que entre outros, estarían os bosques de frondosas autóctonas, os prados, os soutos ou as zonas agrícolas, as masas mixtas conífera-frondosas autóctonas, as turbeiras, …, así como outras formacións arboradas e non arboradas con diferentes usos. Unha paisaxe así deseñada reduciría a fragmentación de hábitats e a falla de conectividade entre poboacións, á vez que xeraría un monte máis resistente ao paso do lume.

Propostas

Para concluír, cito algunhas medidas que se poderían tomar en cada un dos tres niveis citados.

Especies: A nivel especies, a potenciación do rexenerado natural de piñeiros e frondosas autóctonas, así como o fomento de plantacións mixtas con diversidade de usos, incluída a produción de madeira. Produción que sería máis lenta, pero tamén máis acorde coa capacidade de procesado e consumo, de xeito que non se xeraría biomasa non aproveitada, condenada a arder no seguinte gran incendio forestal.

Estruturas: A nivel estruturas, pois bosques diversos precisan sistemas de corta diferentes das talas a feito, que potencien máis as cortas intermedias e que deixen masa remanente, é dicir, arborado que se salva da corta de rexeneración, ben para morrer no monte, ou para servir de “nodriza” temporalmente, facilitando así a supervivencia das novas árbores que precisan de certa protección nas primeiras fases da súa existencia.

Estas masas “menos regulares” posibilitan a existencia de maior biodiversidade, é dicir, maior número de especies de flora e fauna, pero tamén, maior diversidade de estruturas: depresións, pequenas turbeiras, zonas con liques, plantas que viven nas árbores (epífitas), herbáceas, matogueiras, arbustos, gabeadoras, restos leñosos, materia orgánica en descomposición, ocos nos troncos, árbores mortas, tocóns, solos non alterados ricos en micelios, …

Paisaxe: A nivel paisaxe, se podería empezar polos ríos e polas aldeas, vertebrando así o territorio e protexendo o rural. As medidas non poden ser tímidas e reducidas ao entorno dos 15 m a cada lado das correntes de auga de certa entidade, onde o novo PFG propón cumprir a lei e eliminar acacias, piñeiros e eucaliptos, pois isto non xera protección suficiente para os cauces fluviais, nin supón un freo para o lume.

Tampouco será suficiente cumpri-la lei no referente ao entorno das aldeas, e limpar tódolos anos as faixas de xestión de biomasa, entre outras cousas porque é insostible economicamente, polo que xa se está a falar de promover usos que manteñan o combustible a raia, e aquí xogará un papel imprescindible o gando. Gando que non se potencia no novo PFG, pero que sen dúbida será unha das ferramentas a utilizar.

O entorno dos ríos e das aldeas pode se-la base da vertebración da paisaxe galega, creando así unha infraestrutura verde que se potencia dende Europa, e mesmo dende Galicia, cun proceso de participación pública que podería dar ideas para xerar un novo PFG de veras “participado”.

Para conseguir estas melloras, a sociedade galega ten que facer un esforzo e diversificar os modelos de uso e xestión do monte. Resulta moi sinxelo cortar todo o arborado á vez; é moi doado facer plantacións cunha soa especie que ademais é pouco esixente e require poucos coidados; non nos temos que preocupar por máis usos que o de producir madeira … Sabemos que é moito máis complexo facer repoboacións mixtas ou darlle saída a un rexenerado natural que hai que traballar e “domar” para conseguir algo parecido ás ringleiras “simplificadoras” das repoboacións.

Tamén que unha xestión diversa require dun maior esforzo do persoal técnico, da administración forestal, dos rematantes de madeira e das empresas, da propiedade forestal, pero creo que realmente paga a pena, e que desa diversidade de xestión depende o futuro do monte. Noutros países, como Alemania, Suiza, Francia ou Eslovenia levan décadas apostando por modelos de monte máis diversos e máis próximos á natureza.

Un/ha lector/a crí[email protected] plantexaríame a seguinte pregunta: como pode vostede utilizar o novo Plan Forestal de Galicia (PFG) coma xustificación do movemento deseucaliptizador? … De verdade cre vostede que [email protected] [email protected] son coñ[email protected] do documento?

A miña resposta, é que desgraciadamente non, porque o novo PFG é un gran descoñecido para unha maioría da poboación galega, incluso para aquelas persoas que se lanzan ao monte a arrincar eucaliptos … E a continuación veñen as miñas preguntas:

Que pasaría se este novo PFG estivese na axenda política e na rúa? Como afectaría ao movemento deseucaliptizador? Que outros movementos a prol dun monte máis diverso e mellor para o conxunto da sociedade galega poderían xurdir?.

image_print

*Jesús de la Fuente

Jesús de la Fuente é enxeñeiro de montes, preside o colectivo A Rente do Chan - Pladever e é coautor do blog forestal 'O Sequeiro'.

2 ideas sobre “‘O porqué do movemento deseucaliptizador: alternativas para o Plan Forestal de Galicia’

  1. Pavlete

    B.D.,
    Por propoñer, e esaxeranado un pouco:
    Crear o uso “plantación” segundo categorías de especie ligado a cada parcela a declarar polo propietario e cun nivel impositivo diferente segundo o interese social. E en toda parcela non declarada nada, prohibirse a presencia de especies invasoras (incluídas as forestais permitidas nas paltacións).
    Así, todo terreo agrícola/forestal con presencia de, por poñer, un eucalipto, e non declarado e liquidado como plantación, o propietario estaría obrigado, ou a facer esa declaración/liquidación, ou a retirar a árbore en custión.
    Insisto, esxarando algo.
    1 S.

    Contestar
  2. María Freire

    A xente que arranque o que queira da súa propiedade, e que plante carballo ou o que lle dei a gana, pero que respete a propiedade dos demáis.

    En canto ao Plan Forestal, a Xunta non é quen de planificar nas fincas da xente. A ninguén lle din dende a Xunta si ten que botar millo, herva ou patacas. O máis que pode pedir é que quen plante eucaliptos, o faga de xeito sostible, sen causar problemas no chan, e certificándose. A partir de ahí, nin esta Xunta nin ninguna outra, ten nada que decir sobre o que o propietario ten que facer. Que administren o seu, que produce 10 veces menos do que debería. Ou rouban ou son inútiles. Ou as dúas cousas.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información