O Plan Forestal, visto para sentencia

Este venres remata o prazo de alegacións ó proxecto, que mantén numerosas incógnitas sobre o seu desenvolvemento. Setenta colectivos piden a súa retirada, en tanto a maior parte da cadea da madeira ultima alegacións en demanda de incentivos contra o abandono

Publicidade
O Plan Forestal, visto para sentencia

O Plan mantén as incógnitas sobre o futuro do eucalipto en Galicia.

O Plan Forestal de Galicia afronta a súa última fase de trámites, unha vez que este venres remate a fase de alegacións públicas. O proxecto está a xerar na maior parte do sector forestal unha sensación de indefinición, pois o documento plasma unha serie de ‘boas intencións’, pero postérgase a concreción das medidas a aplicar a futuras normativas ou ós Plans de Ordenación dos Recursos Forestais, que se acometerán en cada un dos 19 distritos forestais de Galicia. En termos futbolísticos, tírase a pelota para diante e todo quedará á vontade do Goberno autonómico que saia das urnas no 2020.

As alegacións conforman dous grandes bloques, un contra o eucalipto e outro contra o abandono do monte

O proceso de alegacións ao Plan conclúe con dous grandes bloques de propostas. Dun lado, a Organización Galega de Comunidades de Montes, o Sindicato Labrego e outros 68 colectivos medioambientais, sociais e comunidades de montes que veñen de solicitar en conxunto a retirada do Plan Forestal por entender que fomenta os monocultivos de eucalipto e que non hai un proxecto de ordenación do monte galego.

Doutro lado, o resto de colectivos da cadea da madeira, asociacións de propietarios e de empresas, que traballaron na presentación conxunta de alegacións orientadas a lograr maiores incentivos para a xestión forestal, na idea de reducir o abandono que experimenta parte do monte.

Ábrese agora o periodo para que a Xunta analice as alegacións presentadas e afronte no que resta de ano a redacción definitiva do Plan Forestal. Non se agardan grandes novidades nos eixos do documento, que, en resumo, ambiciona extender en 100.000 hectáreas as plantacións de piñeiro, en 50.000 as de frondosas caducifolias (carballos, castiñeiros, cerdeiras, etc.) e aumentar os pasteiros no monte ata 225.000 hectáreas.

O Goberno galego tamén ten manifestado a súa vontade de conxelar a actual superficie ocupada polo eucalipto. O Plan contempla que o eucalipto ocupe 35.000 hectáreas máis, se ben, dado que o último inventario forestal é de hai case unha década, dáse por feito que esas 35.000 hectáreas adicionais que se propoñen no Plan probablemente xa foran superadas.

Catro incógnitas por despexar

Todos eses propósitos definidos no Plan xeran numerosas incógnitas no sector forestal, sen que polo de agora se teñan despexado.

1) Como se vai aumentar a superficie de piñeiros en 100.000 hectáreas cando na última década é unha especie en retroceso? A expansión do eucalipto nitens en Galicia está levando a que boa parte dos piñeirais que se cortan no interior de Galicia se estean a replantar con eucaliptos.

2) Prevese un aumento de 50.000 hectáreas das frondosas caducifolias, pero que xestión forestal se vai facer desas masas, castiñeiros a parte? Na actualidade, nas masas de frondosas hai unha taxa de corta do 13% (De cada 100 toneladas que medran ó ano tálanse 13). As masas de piñeiros e eucaliptos superan o 50% e a aspiración sitúase en chegar a taxas de corta que ronden o 80%.

3) A Xunta declara que quere acadar 225.000 hectáreas de pasteiros no monte. O sector gandeiro calcula que, con sorte, na actualidade haberá a metade desa superficie de monte a pastos. Como se pretende duplicar a superficie de pastos? O Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia consignou no 2018 só 675.000 euros a esta liña -29.000 euros menos que o ano anterior-, unha cifra que só permite mínimas accións puntuais.

4) A Xunta declara que proxecta conxelar a superficie de eucalipto, pero é unha cuestión que xera polémica. En tanto hai unha parte dos colectivos forestais (Organización Galega de Comunidades de Montes, Frouma) e da sociedade que estarían a favor desa medida, de facerse efectiva, o groso da cadea da madeira está en contra de calquera limitación ó eucalipto. Como se resolverá a ecuación?

E a pregunta final, despexaranse todas estas cuestións ou o Plan Forestal repetirá o fracaso do anterior, de 1992, que quedou en papel mollado?.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información