O eucalipto nitens amosa potencial para o seu procesado en biorrefinerías

Investigacións galegas constatan a posibilidade de obter bioetanol e outros compostos químicos a partir de restos de corta. A extracción de prebióticos para a industria alimentaria é outra das liñas de traballo

O eucalipto nitens amosa potencial para o seu procesado en biorrefinerías

As serraduras de eucalipto sométense a un proceso de autohidrólise para separar os compoñentes.

Boa parte da biomasa forestal residual, como a casca ou as pólas das árbores, adoitan quedar nos montes tralas cortas ou, xa na industria, pasan a se converter nun residuo que debe xestionarse logo de separar a madeira. Por iso, o aproveitamento dos restos forestais é un dos eixos nos que se están a centrar distintas investigacións en Galicia. O uso desta biomasa en biorrefinerías para obter bioetanol e outros compostos químicos é unha das alternativas que se contemplan.

No Grupo de Investigación EQ-2, do departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, centrado na valorización dos restos de biomasa forestal, abordaron o aproveitamento da biomasa do eucalipto nitens, dado que é unhas das especies con maior presenza nas plantacións forestais en Galicia. Con anterioridade, neste grupo xa analizaran a viabilidade do aproveitamento de restos do piñeiro (‘Pinus pinaster’) ou do eucalipto glóbulus (‘Eucalyptus globulus’), entre outros.

“Os restos de eucalipto nitens teñen moita potencialidade e poden ser aproveitados por distintas industrias” (Lucía Penín)

“Procuramos buscar unha aplicabilidade e un valor engadido para os restos de biomasa dentro do ámbito das biorrefinerías”, explica a investigadora Lucía Penín que participou nun dos estudos realizados. A investigación desenvolveu un proceso para separar e caracterizar os compoñentes estruturais do nitens co obxectivo de determinar que aproveitamento se podía facer de cada un dos elementos. “Estes restos teñen moitas potencialidades e poden ser aproveitados por distintas industrias”, indica a investigadora.

Definir os compoñentes

O proceso para separar os compoñentes esenciais da madeira, tal e como explica Penín, comeza cun tratamento de hidrólise, no que se somerxen en auga e a altas presións/temperaturas os restos de madeira. No seu caso, centrouse en empregar serraduras e restos de madeira do eucalipto.

Con este procedemento conseguen separar os compostos básicos da madeira. Por unha banda quedan a celulosa e a lignina (fracción sólida) e por outra solubilízanse as hemicelulosas (fracción líquida). Este proceso é clave para un aproveitamento de cada unha das fraccións de xeito independente.

A obtención de ‘building blocks’, compostos químicos de alto valor engadido, é outra das posibilidades dos restos de eucalipto nitens

Polo de agora, como se trata de estudos previos, queda pendente avaliar a rendibilidade económica de levar a cabo estes procesos. Porén, dende o grupo de investigación tamén apuntan a que poden resultar viables, dado que ademais é un xeito de xestionar a biomasa residual.

Proceso de separación dos compoñentes do Eucalyptus nitens, realizado por Lucía Penín.

Proceso de separación dos compoñentes do Eucalyptus nitens, realizado por Lucía Penín.

Obtención de biocombustibles

Os restos de biomasa do nitens poderían ser aproveitados, ó igual que acontece cos do eucalipto glóbulus, por distintos sectores. Penín centrouse nas posibilidades da parte sólida obtida, constituída pola celulosa e a lignina. A investigadora someteu a celulosa a un proceso de hidrólise enzimática para acadar altas concentracións de glucosa. Este azucre poderíase empregar para diferentes procesos de fermentación e así obter biocombustibles como o butanol, bioetanol, etc.

O estudo contempla outros usos para estas fraccións unha vez separadas. Así, a celulosa podería ser empregada directamente pola industria do papel e a lignina pola industria de materiais.

Segunda investigación

Outro traballo de investigación que explora as posibilidades do eucalipto nitens en biorrefinerías é froito dunha colaboración do departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo coa Universidade do Minho (Portugal). “Nós estabamos a traballar xa sobre a produción de etanol a partir dos compostos celulósicos cando nos solicitaron abordar en detalle o tratamento dos restos do nitens, dada a presenza que ten en Galicia”, explica a investigadora Aloia Romaní, que liderou o traballo.

A investigación centrouse, neste caso, no aproveitamento da casca do eucalipto nitens, posto que representa o 10% do volume da madeira en plantas de celulosa como a de Ence, en Pontevedra. De aí tamén que a empresa fose a que subministrase a materia prima para ambas investigacións. Na actualidade, estes restos de biomasa adoitan empregarse para a obtención da enerxía na propia fábrica.

En Portugal traballan nun proxecto sobre biorrefinerías con produtos como o etanol obtido da biomasa do eucalipto

O proxecto desenvolvido polo equipo de Romaní procurou eliminar a lignina da casca para optimizar o proceso de sacarificación da celulosa en glucosa, o que permite a súa fermentación para a obtención de etanol. O obxectivo é lograr que este etanol producido a base da biomasa do eucalipto resulte con características similares ó chamado etanol de primeira xeración, que xa se emprega en refinerías e así conseguir a valorización desa biomasa.

“Hai que ter en conta que a casca é un residuo, polo que non ten un custo inicial, de aí que sexa tan interesante buscar o seu aproveitamento”, indica Romaní. De feito, o etanol sería xa un destes usos, aínda que trátase dun combustible líquido que non ten un prezo moi elevado, polo que se sigue investigando noutros aproveitamentos destes residuos que permitan obter un maior valor engadido.

Logo desta investigación e nesta mesma liña, Romaní traballa agora dende Portugal nun proxecto máis amplo no que estudan o desenvolvemento de biorrefinerías nas que se poidan obter non só etanol a partir da biomasa do eucalipto, senón outros biocombustibles.

Outras utilidades

Xunto co aproveitamento para a obtención do etanol, as diferentes fraccións do eucalipto tamén resultan de utilidade para a obtención dos ‘building blocks’, compostos químicos de alto valor engadido que están moi en auxe debido a que se poden empregar para a elaboración de diferentes materiais que habitualmente son obtidos a partir do petróleo, incluíndo os materiais plásticos. “Dependendo da fracción da biomasa que se queira estudar, poderíase empregar para diferentes usos dentro do ámbito da biorrefinería”, apunta Penín.

Das hemicelulosas poderíanse extraer prebióticos para a industria alimentaria

Con estes procesos conséguese un aproveitamento de cada unha das fraccións da madeira: celulosa, lignina e hemicelulosas. Das hemicelulosas, polisacáridos de cadea máis curta que a celulosa, poden obterse compostos para a industria alimentaria, coma os prebióticos, uns compostos que favorecen o aumento de bacterias saudables no sistema dixestivo.

image_print

Una idea sobre “O eucalipto nitens amosa potencial para o seu procesado en biorrefinerías

  1. tomas

    hola, pois será unha das especies máis plantadas pero eu, non vexo esas plantacións… onde foron feitas? E non será o revés, non será que hai intención de que sexa unha das máis plantadas e por fanse este estudos a ver se lle atopan máis gañancia…

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información