Serradoiro-Moneixas-Castinheiro-Luis-Gonzalez-

Moneixas, un dos últimos bastións da madeira de castiñeiro

O serradoiro de Moneixas (Lalín) é un dos poucos centrados na produción de madeira de castiñeiro, un mercado cada vez máis escaso. Luís González, á fronte desta serra, descóbrenos algún dos aspectos que se valoran cando se traballa con esta especie

Abrigado por unha carballeira, onde agardan os troncos cortados e as táboas serradas de castiñeiro, o serradoiro de Moneixas, en Lalín (Pontevedra), é un dos poucos centrados na produción de madeira de castiñeiro en Galicia, un mercado cada vez máis escaso.

Luís González leva máis de 30 anos traballando coa madeira de castiñeiro e outras frondosas

Este serradoiro é coñecido como Maderas Manuel Riádigos, o nome do antigo propietario e fundador, un veciño da zona finado hai xa uns anos e todo un experto na materia, como apuntan os que o coñeceron. Na actualidade, á fronte desta serra atópase Luís González, que leva máis de 30 anos traballando no serradoiro. Estes anos de experiencia permitíronlle a Luís coñecer as claves do aproveitamento do castiñeiro, que aínda ten a súa demanda nun mercado cada vez máis aberto a madeiras tropicais, unha materia prima caracterizada por altas rendibilidades e beneficios coa que resulta complicado competir, como asegura o madeireiro.

A rendibilidade dos soutos de castiñeiros galegos

Boa parte da madeira que se procesa neste serradoiro procede dos montes da comarca do Deza, e sobre todo de Lalín. “Na zona hai madeira de boa calidade e non compensa ir buscar a madeira a outras zonas de Galicia porque, aínda que cha traían ó serradoiro, non sabes como é e o rendible que che vai resultar”, comenta. Por iso, adoita encargarse de seleccionar e tombar no monte a madeira que van cortar no serradoiro. É un labor para o que puntualmente contratan máis persoal, pero que, polo xeral, asume xunto con José Carballude, que traballa a cotío no serradoiro.

Troncos-castinheiro-

Algúns dos troncos de castiñeiro no serradoiro.

A escasos metros de Moneixas atópase un dos montes máis senlleiros e protexidos de Galicia, que conta con frondosas de gran tamaño, a Fraga de Catasós, e que evidencia a calidade dos castiñeiros da zona. Luís ten claro onde atopar madeira de castiñeiro de calidade na comarca: “En tódolos Outeiro normalmente hai bos castiñeiros”, sentenza. Este nome asóciase a zonas ventiladas e soleadas. “No Outeiro de Moneixas, no de Filgueira, en Barcia, en Lalín de Arriba… atópase boa madeira”, enumera así o madeireiro distintos lugares de parroquias lalinenses que contan con bos exemplares. Pola contra, nas zonas próximas a regatos, onde se rexistran baixas temperaturas e onde as árbores a penas reciben o sol do nacente, resulta máis complicado atopar madeira axeitada.

Unha das principais dificultades da produción do aserradoiro é contar con árbores de calidade, o que en opinión do madeireiro, limita as perspectivas de futuro. “En Galicia deberíamos de ter apostado por plantacións de castiñeiro como as que se facían hai anos en Francia, onde se combinaba o castiñeiro co piñeiro. Nos primeiros anos o pino abriga ó castiñeiro e faino medrar recto. Logo córtanse os pinos e déixase que o castiñeiro siga medrando”, explica. Deste xeito, redúcense notablemente os nós que poidan ter os castiñeiros e desbótase menos cantidade de madeira.

“En Galicia deberíamos de ter feito plantacións de castiñeiro como as de Francia, onde se combinaba o castiñeiro co piñeiro”

“É difícil atopar exemplares que medren rectos e sen nós. Moitas veces a xente á que lle mercas a árbore non comprende que, aínda que ti o teñas que cortar por completo, pode que non aproveites todo o tronco para serrar”, comenta. De feito, parte dos restos de madeira que non empregan para serrar, así como os recortes deste proceso, comercialízanos directamente como leña, entre particulares da zona. Outra parte destínana a procesadoras de madeira coma Finsa, unha alternativa que cualifica como pouco rendible, xa que que os prezos por tonelada de madeira para estas industrias páganse agora case á metade que hai 30 anos -valora Luís-, mesmo para as madeiras destinadas a chapas e pese a que os custos derivados se incrementaran.

A estas dificultades súmase a incidencia das ameazas biolóxicas, como a enfermidade do chancro, que tamén están a condicionar a pervivencia e a calidade desta madeira. Tamén o prezo das plantas e o ciclo longo do castiñeiro motivan que os propietarios se cuestionen moitas veces se volver repoboar os montes con esta frondosa ou optar por outras madeiras. Todos estes factores supoñen trabas para unha produción, a de madeira de castiñeiro, que cada vez é máis escasa e limitada, pese a ser unha das árbores autóctonas dos bosques galegos.

Os segredos da madeira de castiñeiro

A diferenza do que acontece con outras madeiras, “o castiñeiro é máis difícil de traballar, xa que é complicado saber como vai resultar un pau antes de tombalo e que cantidade vas poder aproveitar”, explica Luís. Este serradoiro traballa principalmente baixo demanda e centrado na madeira de calidade: “a madeira sen nós, variacións de cor ou fendeduras”, apunta o madeireiro.

O aproveitamento da madeira de castiñeiro é máis limitado co doutras especies.

O aproveitamento da madeira de castiñeiro é máis limitado co doutras especies.

Predicir como será a madeira da árbore antes de tombala, para avaliar o prezo a abonar ó propietario e tamén o rendemento que se vai obter dela é clave. Pero tamén saber a orientación na que se deben facer os cortes na serra será fundamental para lograr un maior aproveitamento, segundo explica González. Os anos traballando no monte e na serra permítenlle coñecer xa, sen moito erro, como vai resultar o interior da árbore antes de iniciar os cortes.

Os nós que vai presentar a peza veñen determinados polas ramas e as cicatrices que teña a árbore, pero as variacións de cor, que moitas veces tamén determinan a calidade da mesma, é un aspecto que vén marcado por outros factores como a ubicación da árbore. “Se está en zonas húmidas, vai ter zonas na madeira que sexan máis escuras”, concreta Luís.

O rústico, o seu principal mercado

A meirande parte da madeira que traballan neste serradoiro está destinada a un mercado centrado nas restauracións, nos mobles e carpintería tradicional e mesmo a artesanía. Así, moita da madeira de mellor calidade destínase para realizar soportais que combinan vigas e puntais de madeira. Outro dos usos que teñen especial demanda é a madeira para restaurar hórreos, como sinala Luís. Tamén se segue empregando a madeira de castiñeiro para os tellados, aínda que para ese uso non adoitan requirirse pezas de tanta calidade e admítense madeiras con nós ou variacións cromáticas.

Traballan centrados na madeira de calidade, que se emprega sobre todo para restauracións.

Traballan centrados na madeira de calidade, que se emprega sobre todo para restauracións.

Hai mesmo demanda para esas pezas máis diferenciadas, que se atopan a medio camiño entre a singularidade ou os defectos, dependendo do prisma dende o que se mire. “Gardamos algunhas destas madeiras que son máis diferentes porque hai xente que vén buscando precisamente pezas distintas”, indica Luís. Isto obrígaos a ter bastante stock de madeira, xa que “hai xente que vén e mira se o que tes se lle axusta ó que precisa”, explica.

A madeira de castiñeiro atopa algúns dos seus principais consumidores na carpintería tradicional e na artesanía. Entre os clientes deste serradoiro, espallados por toda Galicia, hai artesáns que veñen na procura de madeira para tallas.

Parte da madeira destínase tamén para fabricar con ela chapas que logo se empregan en sectores como o ‘contract’. Neste caso, hai unha esixencia clara de madeira de calidade para que os acabados sexan de categoría suprema.

No castiñeiro o prezo estipúlase en metros cúbicos, a diferenza doutras madeiras como o pino ou o eucalipto, onde se fixa por tonelada. A calidade da madeira que obteña o aserradoiro variará o prezo, pero tamén outros factores como a lonxitude e o diámetro das pezas que se logren. Deste xeito, as pezas rematadas oscilan entre os 300 e os 1.000 euros por metro cúbico. Os datos da Asociación Forestal de Galicia de prezos de castiñeiro en monte, en cargadoiro de camión, apuntan a valores medios en Galicia de entre 80 e 120 euros por metro cúbico.

Boa parte da madeira de castiñeiro destínase para soportais, hórreos ou tellados, así como para carpintería ou tallas artesás

O serradoiro vende unha gran parte da madeira xa directamente en verde e logo pasa por un secadoiro antes de poder empregarse, pero tamén dispoñen no serradoiro dalgunha madeira que comercializan en seco. “O problema da madeira seca, que xa serve para traballar directamente, é que hai que agardar varios anos a que estea lista para vender, e nese tempo non obtés beneficio algún. Ademais, a diferenza de prezo tampouco é significativa”, sinala. Aínda así, contan con algunha madeira serrada e amoreada, agardando que seque. De feito, unha parte importante dos máis de 6.000 metros cadrados dos que dispón este serradoiro destínanse a almacenar este tipo de pezas. Segundo explica o madeireiro, o tempo de secado variará en función do grosor, calculando que por cada centímetro precisará un ano para secar.