“O carballo e o cerquiño teñen mecanismos para resistir o cambio climático”

Unha tese de Gonzalo Pérez de Lis (Escola Politécnica Superior, USC) analiza os efectos do clima no crecemento e no uso de reservas en ambas especies, actualmente en expansión na comunidade

“O carballo e o cerquiño teñen mecanismos para resistir o cambio climático”

Carballeira. / Arquivo.

Cal é a capacidade de resistencia dos carballos a fenómenos meteorolóxicos extremos, como as secas? Unha tese realizada na Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago) vén de demostrar que tanto o carballo (Quercus robur) coma o cerquiño (Quercus pyrenaica) dispoñen de mecanismos que lles permitirán resistir ó futurible cambio climático. Falamos co autor da investigación, o enxeñeiro vigués Gonzalo Pérez de Lis, que contou no seu traballo coa tutela de Ignacio García (USC) e de Vicente Rozas (Universidad de Valladolid).

“En xeral, hai tendencia a pensar que as especies caducifolias van perder presenza polo cambio climático. Os nosos resultados conclúen que o carballo e o cerquiño si se ven afectados polas secas, pois medran menos cando sofren déficit de auga, pero tamén comprobamos que teñen gran capacidade de resistencia, polo que non é de esperar que queden desprazados de xeito dramático co cambio climático”, valora Gonzalo Pérez de Lis.

A investigación centrouse en tres masas de carballo ubicadas nas Fragas do Eume, en Lugo e en Ourense

A investigación do enxeñeiro vigués analizou durante dous anos a formación de madeira en tres masas de carballo ubicadas en distintas zonas climáticas de Galicia, unha situada nas Fragas do Eume (A Coruña), de clima atlántico, outra nas proximidades de Lugo cidade e outra nas cercanías de Ourense, xa cun clima máis mediterráneo e con estíos máis secos. As tres masas tiñan presenza de carballo (Quercus robur) e do cerquiño (Quercus pyrenaica), tamén denominado rebolo ou carballizo.

Mecanismos adaptativos
Unha das primeiras descobertas da investigación foi a comprobación da plasticidade do crecemento nestas árbores. “En Ourense, no verán vimos que se limitaba o crecemento e a produción de madeira, pero observamos que en outono os carballos tiñan capacidade para volver a crecer” -explica Gonzalo Pérez de Lis.- “Sabiamos que ese comportamento se daba noutras especies de bosques mediterráneos ou en coníferas, pero non esperabamos que se producise en carballos, que son especies características de climas tépedos”.

“O cerquiño medra menos, pero semella gardar maiores reservas para situacións de necesidade”

Outro mecanismo nos carballos para a adaptación á seca vén determinado polo sistema de conductos que transportan a auga, o denominado sistema vascular da árbore. Os carballos xeran conductos de moi diverso tamaño, co cal poden aproveitar a abundancia de auga na primavera e, simultaneamente, contar con vías axeitadas nun verán seco para canalizar as escasas capturas hídricas.

En canto á comparación de resultados entre as dúas especies obxecto da tese, o carballo e o cerquiño, o investigador apunta ó cerquiño como a especie máis resistente. “É unha árbore característica de zonas montañosas de Lugo e do interior de Ourense, adaptada a soportar grandes fríos no inverno e fortes secas no verán”, describe Gonzalo Pérez de Lis. “Na tese comprobamos que ten unha estratexia máis conservadora que o Quercus robur. Sempre medra menos, pero semella gardar maiores reservas para casos de necesidade”.

“Resulta interesante preguntarse en que medida este bosque que está aparecendo pode verse afectado por un clima cada vez máis extremo”

Expansión
O carballo e o cerquiño están en expansión na comunidade nos últimos anos, segundo revelan os últimos Inventarios Forestais. Esa expansión, en boa medida debida ó abandono de terras e á progresiva colonización das mesmas polos carballos, abre cuestións de futuro. “Non era o obxectivo da miña tese, pero resulta interesante preguntarse en que medida este bosque que está aparecendo pode verse afectado por un clima cada vez máis extremo”, reflexiona Gonzalo Pérez de Lis.

“Se hai unha superficie cada vez maior de carballo e de cerquiño, cobra importancia a súa xestión, para o que resulta fundamental coñecer o comportamento destas especies e a súa vulnerabilidade dende o punto de vista ecolóxico”, conclúe.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información