190814_Jose_Gonzalez_Soutomaior_1

Nas próximas semanas aumentarán os avisos para limpar os terreos arredor das aldeas

A Consellería do Medio Rural entregou a todos os concellos adheridos ao convenio de protección das aldeas a aplicación informática que lles permite coñecer aos propietarios e iniciar a remisión de requerimentos para iniciar a limpeza de xeito subsidiario, en relación coas parcelas que integran as faixas secundarias arredor das aldeas para previr o risco polos incendios forestais.

Así o adiantou o conselleiro José González durante unha visita ao concello de Soutomaior, para supervisar os traballos de roza que se están levando a cabo nas parroquias priorizadas deste municipio pontevedrés, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto.

Segundo explicou José González, esta nova aplicación, creada pola Xunta ex profeso para este fin, facilitará moito aos gobernos locais a execución das súas competencias neste ámbito, algo co que se comprometera a Xunta ao abeiro do acordo. En concreto, aclarou o conselleiro, poderán realizar as notificacións masivas previas á acción subsidiaria, aos propietarios que incumpran as súas obrigas de xestión da biomasa nos seus terreos.

Así, o conselleiro explicou que un dos maiores problemas cos que se atopaban os gobernos locais era o de identificar estes terreos e, a continuación, ao seu propietario. Agora, segundo sinalou o titular de Medio Rural, “todo o relacionado coa tramitación administrativa queda solucionado con esta aplicación”. Polo tanto, grazas a esta ferramenta, os técnicos municipais poderán realizar as inspeccións sobre o terreo e, en caso de que o propietario non cumprise coas súas obrigas de limpeza de biomasa, proceder ao correspondente aviso ou resolución. Así mesmo, José González trasladou que, “No caso concreto das parroquias priorizadas, as notificacións de resolución comezarán de xeito inmediato para proceder á limpeza de forma subsidiaria naqueles terreos nos que o particular non se teña adherido ao convenio nin realizado a roza”.

Durante a súa visita, o conselleiro fixo un balance positivo do convenio de protección das aldeas en base aos últimos datos. Así, José González sinalou que a implementación do convenio tras a firma da súa addenda (efectuada o pasado 15 de abril) e os encontros organizados pola Xunta -cos alcaldes e cos veciños- na materia, provocaron que os propietarios de parcelas nas parroquias priorizadas se sumasen ao sistema público de xestión da biomasa ao abeiro do convenio a través da sinatura dos correspondentes acordos.

Medran un 52% os contratos coa Xunta para limpar as parcelas

En concreto, o titular de Medio Rural adiantou que a Xunta ten asinados uns 350 contratos con particulares para executar a limpeza de faixas en 1.100 predios a través do convenio e esta cifra ascende cada día, unha cifra que medrou na última semana por riba do 52% no caso dos contratos e en case un 45% no dos predios. Neste sentido, tamén lembrou que segue a medrar o número de concellos interesados no sistema público de xestión de biomasa e a día de hoxe xa son arredor de 220 os municipios que solicitaron sumarse. Ao tempo, o conselleiro tamén lembrou que ademais a Xunta xa entregou 97 plans municipais de prevención e extinción de incendios a outros tantos concellos.

A maiores, José González apuntou que tamén no marco deste convenio xa está declarada a primeira “aldea modelo” de Galicia (Osmo, no concello ourensán de Cenlle). E puxo en valor que hai arredor doutros dez municipios interesados nesta iniciativa, que permitirá optimizar a xestión da biomasa preto das vivendas en todos eses núcleos de poboación, ao tempo que se fomenta a creación de actividade agrogandeira nesas faixas.

Ata 75 patrullas do Exército vixiarán os montes galegos

O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu esta mañá ao despregue das tropas da Operación Centinela, na base militar General Morillo de Pontevedra, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto. Alí destacou o papel que xoga este operativo nos montes galegos, facendo un labor de disuasión que contribúe a contrarrestar a actuación delituosa dos incendiarios.

Neste sentido, o conselleiro adiantou que ao abeiro deste acordo co Exército contarase cun dron específico para desenvolver estas tarefas de vixilancia e disuasión nos montes galegos, reforzando a coordinación entre os militares e os axentes das Brigadas de Investigación de Incendios Forestais (BIIF).

Esta Operación Centinela nace do convenio de colaboración subscrito entre a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Defensa para reforzar a vixilancia nos montes galegos. O despregue de 27 patrullas, formadas por militares sobre vehículo, permite vixiar e identificar os potenciais axentes causantes dos lumes forestais, ao tempo que se busca que a propia presenza destes medios disuada aos incendiarios deste tipo de prácticas delituosas.

Durante o acto, José González puido coñecer as tropas que, a partir de mañá, estarán vixiando os montes galegos ata o vindeiro 30 de setembro. Este dispositivo está composto, fundamentalmente, por unidades da BRILAT, pero tamén participan patrullas do Tercio Norte de Infantería de Marina, con base en Ferrol.

Teléfono de denuncias anónimas contra presuntos incendiarios: o 900 815 085

Todo este persoal, que en caso de situacións de risco alto ou moi alto poderá chegar ás 75 patrullas e 2 helicópteros de vixilancia, sumarase ao dispositivo de loita contra incendios baixo o mando único da Xunta. Un operativo de loita contra incendios que na tempada de alto risco acada os 7.000 efectivos despregados nos montes galegos entre persoal propio da Xunta, da Administración do Estado e dos concellos, apoiados por unha trintena de medios aéreos e 360 motobombas, entre outros medios.

Así, José González insistiu en que na loita contra os incendios forestais toda axuda institucional é importante, ao igual que a colaboración cidadá. Por iso este ano púxose en marcha o teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas contra conductas incendiarias, o 900 815 085, ademais do xa coñecido 085 ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal.