A empresa de maquinaria Millares Torrón, con sede en Lugo, presenta estes días en Galiforest a gama de trituradoras forestais FAE, marca líder en vendas a nivel mundial, da que é importadora para o norte de España. A oferta de FAE céntrase en trituradoras de superficie, trituradoras de profundidade e en equipos terminais hidráulicos, coma destoconadores, para acoplar a excavadoras ou miniexcavadoras.
A oferta de trituradoras forestais de FAE salienta pola súa versatilidade, con equipos de distinto ancho de traballo, maiormente entre 2,25 e 2,50 metros; e adaptables a tractores de potencia diversa, desde 110 cabalos ata 600.
“En trituradoras forestais, hai dúas posibilidades principais, ou ben trituradoras de superficie, que permiten por exemplo rasear o terreo tras unha corta, ou ben trituradoras de profundidade, que acadan ata 40-50 centímetros e que deixan o terreo listo para unha plantación. Eliminan o tocón, deixándoo triturado como abono, e trituran tamén as pedras”, explica José Angel Millares, xerente da firma lucense.
Demostracións
Millares Torrón, que é importador exclusivo para o norte de España de FAE, ofrece demostracións da trituradora para os profesionais interesados na mesma. A empresa está estes días cun stand en Galiforest, a feira forestal da Semana Verde, que remata este sábado 30 de xuño en Sergude (Boqueixón).