Medio Rural apela á concienciación cidadá sobre as normas de prevención de lumes

A Consellería lembra a necesidade de manter franxas de prevención en torno ós núcleos rurais. Asegura que “intensificará ata onde poida” o control das plantacións ilegais en terras agrarias

Publicidade
Medio Rural apela á concienciación cidadá sobre as normas de prevención de lumes

Tomás Fernández Couto, en rolda de prensa.

A Consellería do Medio Rural presentou hoxe o operativo que combatirá este verán os incendios forestais en Galicia. O acto serviu tamén para poñer de manifesto a necesidade de avanzar en dúas cuestións que lle farían a vida máis fácil ós servizos de extinción: a mellora da prevención e a colaboración cidadá na localización dos incendiarios. O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, pediu unha maior concienciación cidadá sobre ambos problemas.

“Desde o ano 2007 é obrigatorio manter unhas faixas de protección sen mato en torno ós núcleos de poboación. Tamén hai que respetar unha distancia de 30 metros das plantacións de piñeiros e eucaliptos ás vivendas” -recordou Fernández Couto-. “Trátase dunha responsabilidade do propietario e haise que ir mentalizando en cumprir a lei, non só cando o lume chega”.

O director xeral lembrou ademais a necesidade de que as masas existentes e as novas repoboacións respeten as distancias coas vías de comunicación: “En autovías, estradas nacionais, provinciais e locais hai que manter 10 metros dos piñeiros e eucaliptos ata a calzada. É unha obriga desde o 2012 para as novas repoboacións e desde o 2014 terían que estar adaptadas tamén as masas preexistentes á Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012)”, precisou.

Denuncias
En zonas afectadas por lumes, o Plan de Defensa contra Incendios de Galicia do pasado ano incluía a posibilidade de que Medio Rural denunciase ós propietarios que tivesen incumprido a súa obriga de xestionar as franxas de prevención en torno ós núcleos habitados. Tamén no caso de que non respetasen a distancia do arborado a vías de comunicación ou de que mantivesen abandonados terreos de concentración parcelaria.

Esa vontade de denuncia mantense, aínda que polo de agora non se actuou. “Temos que contar cun sistema que nos permita estudar con garantías o estado previo da vexetación, antes do lume, e localizar ós propietarios para aplicar a lei co máximo rigor” -sinala o director xeral de Ordenación e Produción Forestal.- “A nosa vontade é actuar nos casos en que o estado dunha parcela agrave a propagación dun lume”, confirma.

Forestación en terras agrarias
Outro capítulo importante da prevención radica en manter discontinuidades nas masas forestais, aspecto no que as terras agrarias cumpren un destacado papel. “O mantemento de zonas abertas é importante, así que intensificaremos o control das plantacións forestais ilegais en terras agrarias ata onde poidamos chegar”, asegurou Fernández Couto.

O descontrol na forestación de terras agrarias, con máis de 30.000 hectáreas plantadas de xeito ilegal en toda Galicia, é unha das cuestións que onte lle afeou a oposición á Xunta no Parlamento ao respecto dos problemas existentes na prevención dos lumes.

Colaboración na localización de incendiarios
O director xeral pediu asimesmo unha maior colaboración na localización de incendiarios. “Temos menos incendios que hai unha década, pero en situacións de condicións extremas de calor e vento, segue a haber unha alta actividade incendiaria, con ata 60-70 lumes ao día. Os incendiarios representan un perigo para toda a sociedade e poden incurrir nun delito de homicidio potencial”, advirte Fernández Couto.

“Hai que facer un chamamento contra estes individuos. Dóeme moito cando nun sitio din que todo o mundo sabe quen prende o lume pero que non o van dicir”, critica.

En Galicia hai identificadas 73 parroquias de alta actividade incendiaria pola reiteración e dimensión dos lumes nos últimos anos. A gran maioría sitúase na provincia de Ourense, principalmente na súa parte sureste.

Autorizacións para lumes en áreas recreativas de Marín e Vigo

En Galicia non se poden facer barbacoas nas áreas recreativas do monte na época de alto risco de lumes (1 de xullo a 30 de setembro). Esa circunstancia vén suscitando periódicas queixas de comunidades de montes, como as da área de Vigo, que piden un cambio da normativa.

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal avanzou hoxe que se regulará a posibilidade de crear instalacións específicas para favorecer o uso recreativo do monte. “Serán instalacións que se autorizarán de xeito individual e nunhas condicións rigurosas. Probablemente, teñan que ter tres paredes e cuberta, garantíndose ademais que non estean en contacto co chan nin con materiais inflamables”.

Se as previsións se cumpren, para o verán do 2018 xa poderían estar funcionando instalacións deste tipo en áreas como a do Lago Castiñeiras (Marín) ou en parques forestais do entorno de Vigo, segundo apuntou Fernández Couto.

Melloras na seguridade e coordinación dos servizos de extinción

Este ano culmínase o cambio do sistema de comunicacións dos servizos de extinción. Abandónanse as emisoras analóxicas e pásase a un sistema de comunicación integramente dixital. As vantaxes son varias. O sistema inclúe unha aplicación de xestión que permite ter localizadas sobre o terreo a todas as persoas con emisoras, de xeito que se mellora a súa seguridade e coordinación.

A aplicación posibilita ademais facer simulacións da evolución dun lume en función de parámetros como a previsión meteorolóxica e a topografía. Mellórase tamén a privacidade das comunicacións, pois usarase un sistema cifrado.

Recursos
O dispositivo de extinción será este ano idéntico ó do pasado exercicio en medios e recursos, segundo asegurou hoxe en rolda de prensa Tomás Fernández Couto, que cuantificou o investimento en prevención e extinción en 100 millóns de euros.

En canto ós medios, haberá unhas 7.000 persoas no dispositivo, 30 medios aéreos e 360 motobombas. Na presentación do operativo de extinción, Fernández Couto tivo palabras para agradecerlle o seu traballo ás brigadas galegas que foron traballar ó incendio de Portugal, que están hoxe de volta en Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información