Medio Rural acláralle ós silvicultores do Morrazo que apoiará agrupacións de 10 hectáreas

A Asociación de Propietarios do Morrazo, que desde o 2015 busca fomentar a xestión conxunta do monte, trasladoulle á Administración a necesidade de maiores apoios

Publicidade
Medio Rural acláralle ós silvicultores do Morrazo que apoiará agrupacións de 10 hectáreas

Reunión da Asociación de Propietarios con Medio Rural.

A Lei de Mobilidade de Terras que está a preparar Medio Rural posibilitará a creación de agrupacións forestais dun mínimo de 10 hectáreas unificadas, en couto redondo. Así llo trasladou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, á Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo (APMM), coa que mantivo unha reunión na Casa de Cultura de Ardán (Marín). En casos xustificados, a Administración tamén está disposta a admitir a constitución de agrupacións que xunten nun inicio un 50% desa superficie (5 hectáreas), segundo indican desde a APMM.

A nova figura de agrupación abre en principio portas para implantar unidades de xestión conxunta no Morrazo (Pontevedra). Os montes privados da comarca teñen parcelas medias de arredor de 700 metros cadrados. unha superficie que imposibilita calquera xestión forestal. No 2015, un grupo de propietarios de Marín e Bueu constituíu a Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo na idea de impulsar a xestión conxunta do monte. Problema, a Xunta só apoiaba agrupacións cun mínimo de 50 hectáreas, as chamadas Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), unha superficie complicada de acadar en zonas de minifundio extremo.

A ampliación das figuras de agrupación forestal é considerada positiva pola Asociación, pero o colectivo advirte da necesidade de apoios públicos. “Na reunión non nos quedou claro como poderán afrontar os propietarios os investimentos iniciais de explotación”, sinalan desde o colectivo, que agarda unha orde específica de axudas para apoiar ás agrupacións que se poidan constituír.

A Asociación de Propietarios do Morrazo, en base ó traballo da súa directiva e socios, logrou aglutinar nos últimos anos varias zonas de monte nas que os propietarios están dispostos a apostar por fórmulas de xestión conxunta. É o caso dunha zona dunhas 15 hectáreas preto do parque industrial de Bueu, en Forqueiros, e doutras zonas en Cela e Marín. “Xuntar estas superficies de monte, tendo en conta o minifundio que temos, é case un milagro”, valoran desde o colectivo.

Coa nova figura de agrupación, igual que sucede coas Sofor, os propietarios que queden enclavados na agrupación e non queiran integrarse na mesma, terán dereito a manter a súa xestión individual. A Administración, non obstante, trasladoulle á APMM que a eses propietarios esixiráselles o correcto mantemento das súas parcelas, baixo ameaza de sanción.

Experiencias piloto
O director xeral de Desenvolvemento Rural trasladoulle á Asociación que a a Xunta está impulsando experiencias piloto de xestión conxunta en áreas afectadas polas franxas de protección de incendios dos núcleos de poboación. Pérez Dubois pediulle á APMM que valorase se algunha das zonas nas que traballa pode ser susceptible de ser apoiada no marco destas experiencias piloto. Desde a Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo comprometéronse a trasladarlle a Medio Rural toda a información precisa á maior brevidade, de cara a valorar esa posibilidade.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información