Manexo das masas de piñeiro: plantación, podas e rareos

A produción de madeira de calidade esixe unha xestión enfocada a acadar pés rectos, libres de nós e de bo diámetro. Resumimos unhas recomendacións básicas a ter en conta coa axuda de Esteban Gómez García, Dr. Enxeñeiro de Montes do Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Manexo das masas de piñeiro: plantación, podas e rareos

Piñeiral procedente de rexeneración natural no que se abriron rúas para permitir os traballos forestais.

A especie de piñeiro Pinus pinaster, coñecido como piñeiro do país, piñeiro marítimo ou mesmo piñeiro galego, representa aproximadamente as dúas terceiras partes das masas de coníferas de Galicia. Repasamos criterios a seguir no tratamento das plantacións ou das rexeneracións naturais deste piñeiro a raíz dun curso sobre técnicas e tratamentos para o monte galego que se vén de celebrar no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán (Pontevedra).

De cara a mellorar a xestión silvícola en Galicia, a Xunta lexislou a obrigatoriedade de que todos os montes conten cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal (Decreto 52/2014). Aqueles propietarios con menor superficie de monte (menos de 15 hectáreas), que son a maioría dos propietarios particulares galegos, poden optar no seu lugar por adherirse de xeito expreso a algún dos modelos silvícolas ofrecidos pola Administración a través da Orde do 19 de maio do 2014.

Roza mecanizada nun piñeiral. / Imaxe: CIF.

Roza mecanizada nun piñeiral. / Imaxe: CIF.

Os modelos silvícolas son programas de actuación forestal que fixan cuestións como a densidade inicial de plantación, a altura á que se han de acometer as podas ou o peso do sistema de rareos. Sobre as orientacións dos modelos silvícolas, pódense efectuar variacións dun máximo do 25%. Cómpre ter en conta que a partir do ano 2020, aquel propietario que non teña un instrumento de ordenación nin se adherise a un modelo silvícola, non poderá facer aproveitamentos comerciais no monte, segundo sinala a Disposición transitoria sexta da Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012, de 28 de xuño).

Para a produción do piñeiro do país Medio Rural ofrece dous modelos silvícolas, o PP1 orientado a madeira de trituración, cunha pequena porcentaxe para serra, que ten o obxectivo de acadar o máximo volume de produtividade por hectárea; e o PP2, dirixido a lograr madeira para trituración, serra e chapa, cunha maior quenda de corta (35-50 anos en lugar dos 30-35 anos do modelo anterior) e cunha menor densidade final de pés por hectárea. Os modelos ofrecen unha planificación das principais labores a ter en conta, como a plantación, as rozas, as podas ou os rareos e claras.

Plantación

Nas plantacións, a separación mínima recomendada entre liñas é de 3 metros, a fin de permitir a mecanización dos traballos posteriores á plantación, tales como rozas. “Incluso é mellor dispoñer de mais de 3 metros entre liñas, por exemplo 3,5 metros, xa que hai que ter en conta factores como o crecemento en diámetro das árbores ou pequenas variacións na distancia entre liñas para adecuarse ó terreo” -valora Esteban Gómez-. “Se a separación entre liñas queda moi axustada, vaise dificultar o acceso posterior da maquinaria”.

A distancia entre plantas na mesma fila recomendada polos modelos silvícolas de Medio Rural oscila entre 2 e 3 metros. É dicir, os marcos de plantación mínimos serían de 3×2 ou 3×3, resultando entre 1.670 e 1.110 plantas por hectárea, respectivamente.

Traballos de poda. / Imaxe: CIF.

Traballos de poda. / Imaxe: CIF.

Polo tanto, a orde deixa liberdade para decidir unha maior ou menor densidade inicial, sempre respectando unha distancia mínima entre liñas. Con maiores densidades, a repoboación será un pouco máis custosa e haberá que facer rareos de pés, sen aproveitamento comercial, ó cabo duns anos. Como vantaxes, lógranse árbores cun fuste máis recto, con menor ramosidade e disponse dun maior número de árbores de cara a seleccionar os mellores pés.

Rozas
Entre os 2 e os 5 anos, cómpre facer rozas mecanizadas cando sexa preciso, a efectos de evitar que o mato domine en altura ós piñeiros e introduza un exceso de competencia por luz e nutrintes. En rexeneracións naturais, recoméndase efectuar un rareo sistemático (e rozas) por rúas e entre rúas no período dos 3 ós 6 anos, de xeito que a densidade final sexa similar á do modelo. Este rareo será preferiblemente mecanizado e as rúas que se abran procurarán ter un mínimo de 3 metros de ancho.

As podas

A primeira poda do piñeiro faise cando a árbore ten entre 5 e 7 metros de alto e un diámetro normal medio duns 10 centímetros. A poda eliminará as polas só nos 2 primeiros metros do tronco. Unha actuación maior, como as que se poden ver en ocasións no monte, retrasaría o crecemento da árbore. Como norma xeral a poda non debe afectar á metade superior do tronco e só se actuará no primeiro terzo ou, como máximo, na primeira metade do tronco.

Poda correcta. / Imaxe: CIF.

Poda correcta. / Imaxe: CIF.

Esta poda inicial, ademais de contribuír a evitar nós na madeira, facilitará a accesibilidade á plantación e reducirá os riscos dos lumes forestais. O modelo PP2 sinala unha segunda poda alta, ata uns 6 metros, cando os pés acaden unha altura de 12 15 metros e un diámetro de 18 centímetros. O modelo tamén sinala que esta segunda actuación pode evitarse no caso de rexeneracións naturais de piñeiro con boa poda natural.

Época de poda e selección de pés
A poda non se fará en todos os pés, senón só naqueles que se teña previsto deixar ata o final. As árbores que se van eliminar en rareos non precisan de poda, pois aínda no caso de ter aproveitamento comercial, irán destinadas á trituración. En canto ó periodo de poda, hai varias posibilidades. “Pódese facer a finais de outono – inverno ou en primavera. A vantaxe da primavera é que hai máis movemento de savia na planta e cicatrizan antes as feridas de corte. Pola contra, tamén existen máis riscos de ataques de patóxenos e a presenza de maquinaria e de restos vexetais no monte xera máis risco de lumes forestais” -valora Esteban Gómez-. “A tendencia é a podar os piñeiros a finais do outono ou en inverno”, apunta.

Poda mal realizada. / Imaxe: CIF.

Poda mal realizada. / Imaxe: CIF.

Ferramenta de poda
Para as podas, o material aconsellado son as tesoiras, de unha ou dúas mans, e o serrucho de poda. Tamén se pode empregar motoserra, sempre que non se use por riba da altura do ombreiro por cuestións de seguridade e de ergonomía, e motoserra sobre pértega para as podas altas. En calquera caso, cando se acometan traballos silvícolas débese contar co EPI (Equipo de Protección Individual) oportuno, que no caso da motoserra inclúe, entre outros elementos, casco, pantalón anticorte e luvas. En xeral, para a poda débense descartar ferramentas de impacto como son as machadas.

A poda nas coníferas farase cun corte paralelo ó tronco, non perpendicular ás polas, respectando as ‘engurras de cicatrización’ e evitando as feridas no tronco por axustar o corte en exceso.

Rareos

En castelán diferénciase entre clareos –sen aproveitamento comercial– e claras, en pés dirixidos á trituración, ben para taboleiros, ben para biomasa (pellets). En galego, aínda que o termo rareo adoita designar tanto a eliminación de pés sen aproveitamento comercial como daqueles que van ter saída no mercado, nos modelos silvícolas de Medio Rural faise a distinción entre rareo e clara para diferenciar ambos.

Os rareos potenciarán as mellores árbores, eliminando os pés con peor forma ou que menos medraron, polo que tamén se denominan “rareos polo baixo”. Eses rareos débense coidar en especial en zonas ventosas, xa que un rareo excesivo pode comprometer a estabilidade da plantación e provocar a caída de árbores por unha maior penetración do vento.

En Galicia non hai moita tradición de facer rareos, pola falta de rendibilidade directa da operación. Son traballos, sen embargo, que redundan nunha maior calidade da madeira final. Os modelos silvícolas da Xunta ofrecen as seguintes recomendacións:

Rareos
Pódese facer un primeiro rareo ós 8-10 anos ata unha densidade de 1.000-1.200 pés por hectárea, sendo evitable se se partía dunha densidade inicial baixa.

Claras
No modelo silvícola PP1, orientado principalmente á madeira para trituración, a primeira clara, polo baixo e selectiva, farase entre os 10 e 20 anos co obxectivo de deixar entre 750 e 900 pés por hectárea. Se hai riscos de derribo por vento ou procedencia dos pés de rexenerado natural, débese moderar a clara ata os 900-1.100 pés por hectárea. Pódese facer unha segunda clara opcional ós 20-25 anos, se as perspectivas de madeira para serra así o xustifican, para deixar 650-700 pés por hectárea, ou algúns máis se a primeira clara foi moderada. A idade de corta final será ós 30-35 anos.

En plantacións máis orientadas á produción de madeira para serra e chapa (modelo silvícola PP2), a segunda clara, ós 20-30 anos, reduce a densidade ata os 550-700 pés por hectárea. De forma opcional, proponse unha terceira clara, se a calidade da madeira o aconsella, ós 25-35 anos para deixar 400-500 pés por hectárea. A corta final farase ós 35-50 anos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información