Innovacións contra a seca e a vexetación competidora en plantacións forestais

O Centro Tecnolóxico Forestal de Cataluña ensaia cubertas biodegradables do chan como alternativa ós desbroces mecánicos e químicos. Valórase o uso de acondicionadores sintéticos do solo, que reteñen a auga, en zonas proclives á seca

Innovacións contra a seca e a vexetación competidora en plantacións forestais

Cuberta de bioplástico en torno a unha planta forestal.

O éxito dunha plantación forestal enfróntase nos seus primeiros anos con tres ameazas principais, a seca, a vexetación competidora e os danos da fauna salvaxe. Para facerlle fronte á vexetación competidora e á seca, que pode ser un problema nalgunhas zonas de Galicia, están ensaiándose novas técnicas, pouco empregadas de xeito tradicional, pero que presentan un interese crecente para os técnicos. Son os acondicionadores do solo e as cubertas do chan.

As cubertas do chan xeran un efecto sombra e barreira que dificulta que prosperen especies como toxos, xestas ou fieitos, que poden competir polo sol, por auga e nutrintes coa planta forestal. O Centro Tecnolóxico Forestal de Cataluña evaluou o seu resultado a nivel de custo económico e de eficacia en comparación cos dous métodos empregados de xeito máis habitual, o desbroce mecánico e o uso de herbicidas.

A taxa de crecemento arbóreo maior logrouse co tecido de xute tratado con resina, superando á lograda con herbicida

Diversidade de cubertas
As posibilidades nas cubertas do chan son múltiples. Existen cubertas orgánicas tradicionais, como estelas ou casca, e nos últimos anos estanse ensaiando novos materiais, como tecidos de xute tratados con resina e bioplásticos, que son biodegradables e alternativos ás tradicionais cubertas de plástico convencional que se usan na horta. Tamén se están a valorar cubertas de longa duración, por exemplo de goma, se ben este material esixe dunha retirada posterior, xa que non é biodegradable.

En Cataluña, ensaiouse o uso de bioplásticos e cubertas de xute, entre outros materiais, en catro áreas con diferente produtividade e con niveis de choivas anuais que se sitúan entre os 300 e os 900 mm. (A media galega ronda os 1.200 mm.). A súa eficacia fronte á vexetación competidora resultou alta en tódolos casos, equiparable ou superior á que se logra co uso de herbicidas.

En plantacións que requiran dunha roza anual os primeiros cinco anos, o custo do sistema pode ser competitivo

A taxa de crecemento arbóreo maior logrouse co tecido de xute tratado con resina, se ben esta cuberta ten a eiva de que a súa duración mínima límitase a 3 anos, en tanto para os bioplásticos calcúlanse 5 anos.

Custos
O custo das cubertas biodegradables é a cuestión que máis lastra a viabilidade do sistema. En áreas que requiran dunha roza cada dous anos, o uso de cubertas de chan non é economicamente axeitado. Nas plantacións que precisan dunha roza anual durante os primeiros cinco anos, o custo das cubertas estímase similar ó dunha roza mecánica, polo que comeza a ser unha posibilidade a ter en conta.

Para emprazamentos nos que se queiran facer un par de rozas cada ano durante os primeiros anos, o uso de cubertas é unha das alternativas que presenta menor custo, se ben hai que ter en conta tamén factores coma o prezo da man de obra e a accesibilidade das parcelas.

Outra alternativa para evitar as rozas mecánicas e químicas pode consistir tamén no establecemento dun cultivo de cobertura con plantas de baixa competitividade, creando unha cuberta que impida a xerminación de vexetación espontánea.

Acondicionadores sintéticos para aumentar a retención de auga

acondicionador solo

Os acondicionadores sintéticos aplícanse co obxectivo de reducir os perigos da seca ou evitar a necesidade de facer regos de apoio. Estos produtos inclúen polímeros que absorben a auga, ata o punto de que cando chove, poden absorber un volume de auga ata 50 veces superior o seu tamaño. Nas seguintes semanas, a medida que o solo se vai secando, a auga do biopolímero permanece en boa medida e pode ser aproveitada polas raíces.

O funcionamento do biopolímero apréciase na imaxe do lateral. A 2 gramos de biopolímeros engádenselle 100 gramos de auga. Tras 30 minutos (tubo 2), o 90% da auga xa foi absorbida.

En zonas con episodios de seca, o uso dos acondicionadores sintéticos pode ser útil. A súa aplicación é sinxela e realízase durante a plantación da árbore, mesturándose o acondicionador coa terra do burato de plantación. Os ensaios realizados en Cataluña consideran suficiente unha dose de 40 gramos por planta.

O punto clave dos acondicionadores pasa por conseguir un equilibrio na súa capacidade de absorción e retención de auga, de xeito que sexa suficientemente forte para limitar as perdas, pero non tanto como para competir coas raíces da árbore durante épocas de seca.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información