A industria forestal posiciónase ante a saída da Administración dos montes veciñais

A papeleira lusa Navigator, que xa xestiona centos de hectáreas en Galicia de propietarios particulares, iniciou contactos con comunidades de montes e prevé tamén arrendamentos a través do Banco de Terras. Ence e Europac, outras firmas con intereses nos montes

Publicidade
A industria forestal posiciónase ante a saída da Administración dos montes veciñais

Monte veciñal. / Arquivo.

O proceso de extinción dos convenios que a Administración mantén coas comunidades de montes abre incógnitas sobre o futuro da xestión do monte veciñal. Parte das comunidades, as máis capitalizadas e cunha xunta rectora activa, están dispostas a asumir directamente o manexo dos seus terreos, pero outra parte dos montes veciñais, sen fondos e/ou con escasas persoas implicadas, afrontan un futuro máis incerto. A industria forestal ofrécese a tomar o relevo da Administración, alomenos nos montes con maiores produtividades.

A Xunta de Galicia xestiona na actualidade a metade do monte veciñal de Galicia por medio de convenios coas comunidades de montes. Son en total 315.000 hectáreas, das que a Administración proxecta unha saída progresiva ao longo das próximas décadas, para quedar nunhas 100.000 hectáreas con xestión pública no prazo de 20 anos, segundo o proxecto do Plan Forestal de Galicia.

Ence xestiona unhas 10.000 hectáreas en Galicia e no sector forestal prevese un aumento da súa presenza

Os actuais convenios expirarán todos a máis tardar o 31 de decembro do 2021, aínda que a Administración proxecta sustituír unha parte deles por contratos de xestión -aínda pendentes de concreción- coas comunidades de montes. Entre tanto, a industria forestal estase a posicionar para ofrecer convenios privados de xestión dos montes veciñais.

Ence
A industria pasteira Ence xa viña xestionando en Galicia arredor de 10.000 hectáreas de monte, a maioría por medio de convenios con comunidades de montes, e as previsións do sector forestal pasan por un aumento da súa presenza nos montes veciñais, unha cuestión sobre a que Ence, consultada por ‘Campo Galego’, elude pronunciarse.

Navigator
Outra industria que manifesta o seu interese en chegar a acordos coas comunidades de montes é a portuguesa Navigator. A empresa xa xestiona na actualidade centos de hectáreas de propiedades particulares en Galicia por medio de acordos cos seus propietarios, segundo lle confirmou a ‘Campo Galego’ a comezos de novembro, e ten iniciados contactos con comunidades de montes para chegar a acordos de xestión.

“A Navigator quere ser un actor de referencia na xestión forestal de Galicia, contribuíndo a reducir o abandono”

“A Navigator pretende convertirse nun actor de referencia na xestión forestal de Galicia. Temos establecido xa acordos de centos de hectáreas con propietarios privados e actualmente estamos iniciando rondas de contacto con comunidades de montes”, explica o director de abastecemento e loxística de madeira da firma lusa, Hermano Mendonça.

A industria portuguesa considera que a súa entrada en Galicia permitirá reducir o abandono do monte e a mellorar a produtividade do eucalipto: “A Navigator, que ten unha experiencia de máis de 40 anos en silvicultura e investigación xenética, vai contribuír á recuperación de áreas de eucalipto que se atopaban sen xestión. Queremos ser un actor activo na reducción do abandono de terras, o que incrementará a cota do sector forestal no PIB galego. A nosa xestión activa do monte creará empregos entre prestadores de servizos e contribuirá a aumentos de produtividade do eucalipto”, valoran.

A empresa lusa confirma igualmente que ten previsto optar a arrendamentos a través do Banco de Terras

Os contratos de xestión que ofrece Navigator presentan varias alternativas, tendo en conta sempre as condicións produtivas e loxísticas do monte. A práctica habitual en Galicia nos contratos con Ence viña sendo o pago ós montes veciñais dun 50% da madeira tras a súa corta. A Navigator ofrece tamén a fórmula de pagarlle ó propietario unha porcentaxe da madeira cortada, pero presenta ademais a alternativa de abonar unha renda anual fixa desde o comezo da plantación. Outra posibilidade pasa por unha fórmula mixta que combine ambas alternativas.

Europac Group e o piñeiro
Os intereses da cadea do eucalipto por aumentar a súa presenza nos montes veciñais apuntan a unha posible expansión da superficie da especie nos próximos anos. A maior parte dos montes en convenio coa Administración están plantados con piñeiros, pois a Xunta hai anos que deixou de utilizar o eucalipto nos montes conveniados. Esa decisión convertiu á Administración autonómica na práctica nun dos baluartes do piñeiro na comunidade.

A perda de superficie de piñeiro leva a que Europac, consumidora da especie, proxecte implicarse na xestión forestal, segundo fontes do sector

A retirada da Xunta dos montes veciñais abre incógnitas sobre o futuro do piñeiro nas provincias atlánticas e nas zonas de Lugo aptas para o eucalipto nitens. Fontes do sector forestal sitúan a Europac Group, unha industria consumidora do piñeiro do sur galego, como interesada tamén na posta en marcha de convenios de xestión con montes veciñais, na procura de garantirse o seu suministro de madeira.

Europac Group, que xestiona unha planta de papel en Viana do Castelo, consume piñeiro para trituración tanto de Portugal como do sur de Galicia. Consultada a empresa hai tres semanas por ‘Campo Galego’ sobre o seu posible interese na suscripción de convenios con comunidades de montes veciñais, Europac garda silencio.

“As empresas de servizos forestais somos un instrumento no que xa confían moitas comunidades”

O papel que poden xogar as empresas de servizos forestais no futuro dos montes veciñais é outra das cuestións que está sobre o taboleiro. Alfonso Fernández, vicepresidente de Serfoga, unha asociación que agrupa a empresas de servizos forestais de Galicia, defende o seu papel e concreta algunhas das principais preocupacións do sector.

“No proceso de extinción de convenios dos montes veciñais, a cuestión de fondo é que Europa quere que os fondos adicados ó monte vaian directamente ós propietarios, en lugar de ser xestionados pola Administración. Na actualidade, en Galicia un 40% dos fondos Feader adicados ó monte están dirixíndose en teoría para os montes con convenios. Que vai pasar con eses fondos cando desaparezan os convenios? Van ser transferidos ó sector para axudar ás comunidades de montes na xestión dos seus terreos?”, pregúntase Alfonso Fernández.

“En Galicia, un 40% dos fondos forestais van ós montes con convenio. Que vai pasar con eses fondos? Van serlle transferidos ó sector?” (Alfonso Fernández, Serfoga)

O vicepresidente de Serfoga incide en que parte dos montes atópanse descapitalizados, polo que só teñen posibilidades de afrontar investimentos coa axuda de fondos europeos. “Que apareza tamén capital privado de industrias que aposten por investir no monte é un proceso normal. A industria forestal xa cumpría un papel no monte e seguirao facendo”, valora Fernández.

En canto ás empresas de servizos forestais, o vicepresidente de Serfoga sitúaas como un apoio ás comunidades de montes. “Non tomamos decisións. Somos un instrumento máis que está aí. Xa hai moitas comunidades de montes que confían en nós para encargarnos a súa xestión fiscal, proxectos de enxeñería forestal ou traballos de campo que nos encomendan, pero son os propietarios os que toman as decisións”, conclúe.

Para unha correcta toma de decisións nas comunidades de montes, Alfonso Fernández incide na necesidade de seguridade xurídica. “Estamos á espera dun Plan Forestal claro, con consenso, que planifique o monte galego e que nos indique condicións de produción, medioambientais e que nos dea seguridade xurídica de que non van aparecer un sinfín de trabas administrativas na xestión dos montes” -conclúe-. “Esta é unha postura conxunta do sector forestal galego, que nos últimos anos estamos funcionando coma un ente unido, unha cuestión que é moi importante para o país”, valora.

Situación dos montes queimados

A situación na que quedarán os montes con convenio que se viron afectados recentemente por grandes lumes é unha das cuestións do proceso de desconvenio que preocupa á Asociación Forestal de Galicia (AFG). O colectivo advirte de que a saída da Xunta deses montes deixaría ás correspondentes comunidades descapitalizadas e sen posibilidade de afrontar a súa recuperación.

A AFG agarda que a Xunta poña en marcha un plan de restauración dos montes afectados pola vaga de lumes do 2017, “comprometido hai un ano” -asegura a Asociación-, pero que aínda non se fixo efectivo.

O sector tamén está a agardar para coñecer os contratos de xestión que a Xunta lle ofrecerá a parte dos montes veciñais con convenios e demanda unha saída pactada da Administración dos montes veciñais. Pídese que as contas estean claras, que a Xunta afronte o pago das débedas que ten con parte das comunidades de montes e que lle deixe ás comunidades de montes un plan de ordenación das superficies que estaban conveniadas, tal e como está regulado pola normativa vixente.

A polémica da xestión dos montes en estado de abandono

No marco das políticas de prevención dos incendios forestais, a Xunta decidiu hai un ano que os montes veciñais en mancomún que non estean explotados axeitadamente poderán declararse en “estado de grave abandono”. Eses montes poderán ser incorporados ó Banco de Terras e poderá ofertarse a súa xestión a terceiros durante 50 anos, sempre e cando non exista unha comunidade de montes que poida manter unha xestión activa dos seus terreos.

En Galicia, hai arredor dun 10% do monte veciñal -unhas 70.000 hectáreas-, que pode estar nesa situación, segundo os datos que manexa a Administración autonómica. Trátase de comunidades de montes que están inactivas, ben porque nunca tiveron xuntas reitoras nalgún caso, ben porque a despoboación ou a falta de relevo xeneracional deixáronas fóra de xogo.

A decisión da Administración de ofrecer o arrendamento desas terras durante 50 anos xera unha oposición xeralizada no sector forestal. A posición máis contundente é a da Organización Galega de Comunidades de Montes, que fala dun intento de “privatización do monte veciñal”. Contra esa medida, a Organización Galega de Montes Veciñais protagonizou unha manifestación a pasada primavera.

Desde Serfoga, o seu vicepresidente, Alfonso Fernández, manifesta tamén reticencias a entrega dos montes veciñais por periodos tan longos. “En primeiro lugar, habería que dar a alternativa de que se un lugar queda abandonado, ese monte veciñal sexa xestionado pola parroquia. Se non fose así, debería pasar á Administración forestal” -valora-, “nunca ós Concellos, pois a experiencia dinos que os Concellos usan o monte como unha fonte de financiamento, sen investir no mesmo”, advirte ante futuribles modificacións da normativa.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información