Impulso á dobre certificación FSC e PEFC dos montes galegos

O grupo de certificación forestal impulsado polas asociacións empresariais da madeira ultima o proceso para aplicar os dous selos nunha mesma parcela forestal

Impulso á dobre certificación FSC e PEFC dos montes galegos

A certificación da madeira é clave para o acceso ós mercados internacionais.

O Grupo Galego de Certificación Forestal e Cadea de Custodia, creado polas asociacións empresariais da madeira, ultimou o proceso para poder certificar unha mesma parcela forestal baixo os dous principais sistemas internacionais, o PEFC e o FSC. A dobre certificación poderase facer dun modo “áxil, sinxelo e económico” para propietarios e empresas, segundo destaca o grupo de xestión forestal. Esa posibilidade dunha dobre certificación permite que os propietarios se adapten ás necesidades das empresas, que a través dos selos FSC e PEFC melloran as posibilidades de exportación.

A maior parte dos propietarios que forman parte do Grupo Galego de Certificación Forestal adscribíronse ata o de agora ó selo PEFC, que conta con 11.460 hectáreas de máis de 7.100 propietarios; en tanto o grupo FSC ten 32 propietarios con 118 hectáreas. O tamaño medio das parcelas en ambos os casos ronda as 0,5-0,6 hectáreas. O Grupo, que vén de superar a primeira auditoría de seguemento de FSC e renovou a PEFC, aspira agora a impulsar a dobre certificación nos próximos anos.

Os 7.100 propietarios que conforman o grupo suman arredor de 11.500 hectáreas certificadas

O traballo do Grupo Galego de Certificación Forestal céntrase nos pequenos propietarios forestais, maioritarios no monte galego. O Grupo, nado no 2010, deseñou plans de xestión conxunta para as pequenas propiedades das distintas comarcas xeoforestais en que dividiu Galicia (costa norte, costa atlántica, meseta interior, etc.). Os plans conxuntos permiten un abaratamento do proceso de certificación e facilitan o acceso do minifundio ós selos FSC e PEFC. Actualmente, os propietarios do 70% dos concellos de Galicia poderían acceder a un destes plans, segundo destaca o Grupo Galego en nota de prensa.

Os xestores do Grupo Galego de Certificación Forestal preséntano como líder en España na certificación do minifundio. En Galicia, a certificación forestal está implantada en arredor do 12% da superficie forestal, maiormente en montes veciñais conveniados coa Administración autonómica, aínda que de xeito progresivo tamén vai gañando peso a certificación dos pequenos propietarios. O Grupo Galego impulsado polas empresas madeireiras xestiona arredor do 7% do monte certificado en Galicia.

Para a industria do sector, o impulso á certificación forestal na comunidade é un proceso clave, xa que hoxe en día os selos PEFC e FSC son imprescindibles para o acceso da madeira e dos seus produtos (pasta de papel, mobles, etc.) ós mercados internacionais.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información