Guía de cultivo do eucalipto

Falamos con Viveros Mañente, a principal referencia en Galicia na produción de planta de eucalipto, para ofrecer unha serie de recomendacións na planificación da plantación e do seu mantemento

Guía de cultivo do eucalipto

Plantación de eucaliptos con mellora xenética. / Imaxes: Viveros Mañente.

A planificación dunha plantación de eucalipto esixe ter en conta aspectos como a elección da planta ou o abonado do terreo. Falamos con Viveros Mañente (Foz, Lugo), que acumula máis de 30 anos de experiencia no seu cultivo, para resumir recomendacións básicas a ter en conta.

Antes da plantación

O eucalipto é unha planta esixente en nutrintes, polo que no caso de que a plantación se vaia facer sobre un terreo talado previamente, é recomendable deixar os restos de corta triturados na parcela, de xeito que aporten materia orgánica e nutrintes ó solo.

Xerminación do eucalipto en invernadoiro.

Xerminación do eucalipto en invernadoiro.

Un dos elementos máis importantes para o eucalipto é o calcio. “O eucalipto ten unhas necesidades altas de calcio, polo que é convinte facer un encalado da parcela, a razón de 3-4 toneladas por hectárea” -valora Enrique Candía, xerente de Viveros Mañente.- “O calcio, ademais, axudará a desbloquear o resto de nutrintes do terreo, que en moitas ocasións están bloqueados por un pH baixo”.

Preparación do terreo
De xeito previo á plantación, haberá que facer un desbroce da parcela, ben unha roza mecanizada con desbrozadora de cadeas, ben cun herbicida total.

De existir auga estancada, terase que facer unha drenaxe mediante a apertura de regos que desvíen a auga. O último paso de preparación do terreo será a realización de buratos cunha retro equipada cun cazo de 60 centímetros. Outra alternativa é o subsolado cun ripper na liña de plantación.

Planta cunha raíz pivotante.

Planta cunha raíz pivotante.

Plantación

A elección da planta é un factor clave no eucalipto. “Cando se merca eucalipto, é importante rachar o cepellón dunha planta e comprobar que ten unha boa raíz pivotante, xa que hai moi poucas plantas no mercado con boa raíz”, destaca Enrique Candía.
A raíz pivotante consiste nun eixo vertical primario rodeado de raíces secundarias. Unha boa raíz permitirá que a árbore aguante mellor os ventos fortes e mellorará a captación de auga e nutrintes.

Mellora xenética

A segunda cuestión a coidar na elección da planta é a mellora xenética, orientada a lograr as maiores producións posibles de madeira nos menores prazos. “No noso caso, temos un programa de mellora xenética continuada que comezou hai máis de 40 anos e que supera as 1.000 hectáreas de probas”, explica Enrique Candía, de Viveros Mañente.

“O noso programa de mellora xenética iniciouse coa selección de sementes australianas de distintas procedencias que despois plantamos en Galicia en horto sementeiros. Desas plantas, seleccionáronse as proxenies que máis destacaban en densidade e volume e a partir de aí emprendimos un programa de mellora xenética continua, tanto en globulus como en nitens, co que podemos ofrecer plantas melloradas adaptadas ás condicións da Cornisa Cantábrica”, describe o xerente de Viveros Mañente.

“O traballo en xenética é un programa permanente, como pode ser o da selección de touros para as granxas de leite” -compara Candía.- “Hai pouca xente en Galicia que traballe mellora xenética e no caso do eucalipto nitens -máis resistente á praga do gurgullo e adaptado ás zonas de altitude- somos o único viveiro cun programa de mellora xenética continuado”, defende.

grafico abonado eucalipto

Abonado
As esixencias en nutrintes do eucalipto fan convinte un abonado inicial en burato de plantación de 40 gramos por planta. Mañente aposta para esa fase por un abono propio, o Agroblen Eucalipto, un NPK 8-28-7 con boro e magnesio. “Trátase dun fertilizante alto en fósforo e boro, o que estimula o desenvolvemento das raíces e reduce a bifurcación do tronco”.

O marco de plantación aconsellado é de 3×2,5 metros (1.333 plantas por hectárea) ou 3×3 metros (1.111 plantas por hectárea). En canto á época de plantación, recoméndase a primavera.

Mantemento posterior á plantación

Ós dous meses da plantación, haberá que repoñer os fallos e abonar de novo as plantas repostas. Para o segundo ano, é recomendable facer un desbroce que reduza a competencia do mato por nutrintes e auga, así como un novo abonado.

Endurecemento da planta en viveiro ó aire libre.

Endurecemento da planta en viveiro ó aire libre.

Para o abonado do segundo ano, Mañente aconsella o abono Agromaster Eucalipto, un NPK 13-10-24 + boro e azufre. “É un abono de liberación controlada que ten o obxectivo de desenvolver a copa da árbore e formar a madeira”, sinalan desde o viveiro.

Se a fertilización na fase de plantación é bastante habitual no eucalipto, o abonado do segundo ano, que pode repercutir nunha maior produtividade da árbore, é aínda unha práctica menos extendida.

Para calquera dúbida, é recomendable consultar co viveiro no que se adquira a planta.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información