FINSA e a Asociación Forestal de Galicia acordan un plan para revalorizar o piñeiro

O acordo definitivo incluirá prezos e garantía de recollida da madeira por parte de Finsa. Prevese que este acordo pioneiro e aberto a todo o sector se presente antes do 30 de setembro

Publicidade
FINSA e a Asociación Forestal de Galicia acordan un plan para revalorizar o piñeiro

Representantes da Asociación Forestal e de FINSA na visita ás instalacións desta última en Santiago

A Asociación Forestal de Galicia e a empresa FINSA, líder en España e en Galicia na transformación de madeira de coníferas, asinaron este xoves en Santiago de Compostela un acordo polo que se comprometen a impulsar e liderar un plan de revalorización dos montes de piñeiro de Galicia.

O acordo foi asinado por José Carballo García, secretario xeral do Consello de Administración de FINSA, e por Francisco Fernández de Ana Magán, presidente da Asociación Forestal de Galicia.

Ambas as partes identifican unha gran oportunidade de mercado en Europa para a madeira de piñeiro, cun incremento importante da demanda actual e futura, especialmente por parte das grandes superficies comerciais, e dos sectores dos equipamentos e da construción, dentro dun contexto xeral de revalorización da madeira como un elemento construtivo sustentable e respectuoso co medioambiente.

Sen embargo, os baixos prezos da madeira de piñeiro dos últimos anos provocaron que as plantacións de piñeiro en Galicia foran perdendo terreo fronte a outras especies. Ante esta situación, FINSA e a Asociación Forestal conclúen que “resulta urxente e necesario formular un plan de restauración dos montes de coníferas no que puideran participar os propietarios forestais, empresas de servizos e industria da madeira interesada na recuperación destas masas arboradas”.

Trátase, por tanto, dun acordo pioneiro e aberto a todo o sector, que pretende que as distintas partes traballen de forma coordinada, de xeito que a industria se comprometa a adquirir a madeira para a súa transformación en produtos de máis valor engadido e a acordar uns prezos atractivos para o silvicultor, que á súa vez se comprometería a garantir un subministro mediante a aposta pola madeira de piñeiro de calidade.

Esta iniciativa será presentada durante as próximas semanas ás organizacións forestais, comunidades de montes e ao resto da industria do aserrado e do sector viveirista. O obxectivo acordado é que o plan, xa con medidas concretas, será presentado á sociedade galega antes do 30 de setembro.

A sinatura deste acordo prodúcese tras un proceso de colaboración que se iniciou hai oito meses entre a Asociación Forestal de Galicia e FINSA. Ao longo deste período realizáronse visitas conxuntas a montes de socios da AFG nos que se ven practicando métodos silvícolas avanzados para producir madeira de calidade e mantivéronse varias reunións técnicas co obxectivo de poñer en marcha un programa de recuperación da produción de coníferas nos montes galegos, partindo dunha revalorización do prezo da madeira de calidade de piñeiro.

Visita á planta de FINSA en Santiago

Trala sinatura do acordo deste xoves na sede de FINSA en Santiago, a delegación da Asociación Forestal de Galicia realizou unha visita á fábrica de Formarís, unha moderna planta de transformación da madeira de piñeiro que integra aserradoiro, tableiro, impregnado, mobles…etc. Todo o conglomerado de fábricas de FINSA en Santiago dá emprego directo a máis de 900 persoas.

Pola súa parte, os representantes da AFG tiveron a oportunidade de presentar as melloras e innovacións que se están a practicar na xestión do monte galego, en particular as dirixidas a fornecer a industria galega de produtos dos que se poida obter un maior valor engadido, traballando con criterios ambientais rigorosos.

A delegación da Asociación Forestal de Galicia estivo integrada por Francisco Fdez. de Ana Magán, presidente; Antonio Rigueiro Rodríguez, vicepresidente de Relacións Institucionais; Juan Ramón Gallástegui Otero, vicepresidente de Montes Particulares; Xesús Represas Represas, vicepresidente de Montes Veciñais; Manuel Lorigados Cao, vogal; José Luis Solloso Tiagonce, vogal e José Luis Corral Rey, socio da AFG; Francisco Dans del Valle, director, Xosé Covelo Míguez, director técnico; Braulio Molina Martínez, director técnico, e Daniel Rodríguez Cebreiro, coordinador Grupo certificación de SELGA.

Por parte de FINSA asistiron José Carballo García, conselleiro-delegado; Ismael Olveira, director negocio madeira; Francisco Roca, comité de dirección; Javier Silva, responsable de serradoiro; Víctor Torrado, responsable Forestal, e Carlos Iglesias, responsable explotacións propias.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información