Escaparate para a cadea forestal galega na visita real

O rei, Felipe VI, fixo un percorrido hoxe en Boqueixón por traballos forestais de poda e rareo dunha masa de piñeiro de Oregón. O acto protagonizou a celebración estatal do Día Internacional dos Bosques

Escaparate para a cadea forestal galega na visita real

O rei, Felipe VI, con autoridades e representantes da cadea da madeira, durante a visita ós traballos en monte. / Imaxes e vídeo: Casa Real.

O monte galego aparece con frecuencia nos medios de comunicación asociado a noticias negativas coma os lumes ou a polémica do eucalipto, pero o traballo de toda a cadea da madeira, desde propietarios particulares e comunidades de montes ata as industrias de transformación, adoita quedar nun plano secundario. O sector forestal galego aproveitou hoxe a celebración do Día Internacional dos Bosques coa presenza do rei, Felipe VI, para realizar unha serie de demostracións de traballos en monte cos que reinvindicar a importancia da xestión forestal. Foi esta mañá en Boqueixón (A Coruña), no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.

A comitiva real, na que tamén participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o ministro de Agricultura, Luis Planas, incluíu unha visita a traballos de poda en altura e rareo con procesadora forestal dunha masa de piñeiro de Oregón.

O rei conversa co operario da procesadora forestal.

O rei conversa co operario da procesadora forestal.

“O obxectivo dos traballos de rareo é retirar do monte os peores árbores para deixarlle máis espazo ó resto, de xeito que poidan desenvolverse correctamente”, explicáballe ós medios de comunicación Víctor Torrado, capataz das operacións forestais, minutos antes da visita real. “A xente pensa que plantar unha árbore está ben, pero que cortala está mal, cando o certo é que a xestión forestal proporciónalle á sociedade produtos renovables, como a madeira, e á vez servizos tan importantes como a absorción de gases de efecto invernadoiro, fundamental para combatir o cambio climático”, lembrou.

Tras a visita ó monte da comitiva real, desenvolveuse unha pequena xornada técnica no auditorio do Centro con asistencia do rei e de toda a cadea galega da madeira e do resto de España, que está agrupada na plataforma Juntos por los Bosques, promotora do acto,

Explicación ó rei dos traballos forestais.

Explicación ó rei dos traballos forestais.

Na xornada, que contou con tres intervencións, Antonio Abril, presidente da Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas, abundou na mesma liña argumental exposta por Víctor Torrado no monte. “As perspectivas exclusivamente conservacionistas están condenadas ó fracaso. Só é posible a xestión forestal sostible se o monte é rendible para o propietario” -defendeu-. “Socialmente, é lícito dicir que o monte é de todos, pero ten un propietario detrás”, lembrou.

Abril incidiu en que a cadea galega da madeira conta con máis de 3.000 empresas, xerando cada ano para os propietarios uns ingresos de preto de 300 millóns de euros pola venda de madeira, “dos que uns 200 millóns corresponden ó eucalipto”, precisou.

Cabezal de corte da procesadora forestal.

Cabezal de corte da procesadora forestal.

O acto contou tamén coa intervención de Juan Picos, da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo), que falou en representación das universidades galegas e destacou un recente acordo de colaboración suscrito entre o seu centro e a Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago). Pechou as intervencións o portavoz de Juntos por los Bosques, Eduardo Rojas, que incidiu na importancia dos bosques na era da bioeconomía e nun periodo no que a loita contra o cambio climático se constatou como imprescindible.

O Día Internacional dos Bosques, que en anos pasados enfocouse en destacar a importancia da foresta na loita contra o cambio climático ou na regulación do ciclo da auga, partía este ano co lema ‘Os Bosques e a Educación’. A ese respecto, Antonio Abril lembrou que en España a educación ambiental está case desaparecida da formación dos rapaces, en tanto a silvícola é directamente inexistente. “O bosque, se aparece na educación, só aparece de xeito conservacionista ou bucólico”, lamentou.

O evento, que contou con toda a participación da cadea galega da madeira, desde asociacións de propietarios, viveiros ou selos de certificación forestal ata as asociacións empresariais, pechouse cunha comida e unha foto de familia co rei.

Vídeo da visita real

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información