Ence aparca os tres centros de estelado de biomasa comprometidos en Galicia

A compañía pasteira anunciara no 2016 a creación de plantas en Baamonde, Ortigueira e Vimianzo, cun investimento de 20 millóns de euros, pero o seu Plan Estratéxico 2019-2023 deixa fóra ese proxecto

Publicidade
Ence aparca os tres centros de estelado de biomasa comprometidos en Galicia

Planta de Ence en Lourizán. / Arquivo.

Cando Ence pugnaba por prorrogar a concesión da súa planta en Lourizán, hai un par de anos, a compañía lanzouse nun carrusel de anuncios de investimentos que o tempo está a deixar en entredito. Daquela, Ence comprometera un autodenominado “Pacto Ambiental con Galicia”, que tiña como un dos seus principais investimentos a creación de tres centros de estelado de madeira de piñeiro e de eucalipto. Dous anos despois, eses proxectos quedaron aparcados.

A iniciativa anunciada na primavera do 2016 pola compañía pasteira consistía na creación de “tres centros de bioenerxía” destinados ó estelado de madeira para usos domésticos e industriais de biomasa. As instalacións, que se ían ubicar en Baamonde (Lugo) e Ortigueira e Vimianzo (A Coruña) concebíanse ademais como centros de servizos forestais para os propietarios, con seccións de aluguer de maquinaria forestal e de venda de planta de eucalipto. Nos tres centros de estelado de biomasa, Ence tiña prevista a creación de 24 empregos e un investimento de 20 millóns de euros. En titulares da prensa daquela época, os centros estaban orientados a “transformar o sector forestal galego”.

O caso é que dous anos despois, o Plan Estratéxico 2019-2023 que vén de anunciar Ence aparca a posta en marcha dos tres centros de estelado de biomasa comprometidos en Galicia, pois a compañía non prevé a execución destes proxectos entre os seus próximos investimentos. Preguntada polo estado da iniciativa, a dirección de Comunicación de Ence recoñece carecer de nova información en relación ó anunciado no 2016.

Centrais de xeración de enerxía eléctrica
A creación dos tres centros de bioenerxía estaba desvinculada das centrais de biomasa para a xeración de enerxía eléctrica que xa tiña ou proxectaba daquela a compañía.

Ence xestiona na actualidade centrais de biomasa agroforestal para a produción de enerxía eléctrica en Andalucía, Extremadura e Castilla La Mancha. Tamén baralla tres novos proxectos en Córdoba, Lucena e Almería (Andalucía), que dependerán das subastas gubernamentais de megawatios renovables, segundo anuncia a compañía pasteira no seu Plan Estratéxico.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información