A Deputación de Pontevedra busca promover o cultivo da camelia no monte

O organismo provincial organiza esta fin de semana en Pontevedra o LV Concurso Internacional de Camelia, centrado nos usos ornamentais da especie. Areeiro investigou as posibilidades da produción de té e aceite

Publicidade
A Deputación de Pontevedra busca promover o cultivo da camelia no monte

O Concurso Internacional de Camelia, durante a inauguración.

O Concurso Exposición Internacional da Camelia volveu abrir este fin de semana as súas portas no recinto feiral de Pontevedra coa camelia consolidada como unha das flores ornamentais máis recoñecidas do país. A especie xera tamén interese polos produtos producidos con ela como materia prima: o té e o aceite. Así o destacou a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, quen salientou que dende hai tres anos, cando a Deputación organizou a anterior mostra, xa se ten avanzado no obxectivo de amosar as posibilidades produtivas da flor, polo que agora é importante tomar un novo “vieiro” e difundir as investigacións atesouradas en Areeiro entre as comunidades de montes para obter outros aproveitamentos do seu cultivo asociadas ao sector forestal e do monte.

Vilaverde recoñeceu que o verdadeiro obxectivo do LV Concurso Exposición da Camelia é reunir as mellores flores de camelia do país e premialas, mais destacou que a mostra internacional tamén é o mellor escenario para trasladar á sociedade e aos diferentes sectores de interese o traballo técnico da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. “Difundir o coñecemento e os resultados das investigacións é a filosofía da EFA e da Deputación”, salientou.

Inauguración da Mostra.

Inauguración da Mostra.

Neste sentido, explicou que esta fin de semana reuniranse tanto afeccionados como a profesionais do cultivo da camelia para participar en charlas técnicas que abordarán desde os principais problemas fitosanitarios, e os seus tratamentos correspondentes, como outras posibilidades do cultivo da camelia “asociadas á nosa realidade natural e territorial, como é o sector do monte e o sector forestal”. Así, iniciarase “un novo vieiro, outro máis nestes tres anos, na difusión do coñecemento que atesouramos na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, onde todo un equipo de profesionais cualificadas pon ao dispor de sectores como cultivadores particulares, viveiristas e comunidades de montes os resultados das súas investigacións”.

A responsable da EFA destacou que a LV Mostra da Camelia, logo do seu paso por Vigo e Vilagarcía, pretende volver destacar a flor “e todo o que este cultivo significa no noso país, que en realidade vén sendo todo un universo que abrangue un amplísimo abano de posibilidades ornamentais, turísticas e produtivas”. Lembrou que “hai tres anos centraramos todos os nosos esforzos en mudar a imaxe desta exposición, coa intención de convertela nun evento acorde coas novas estéticas contemporáneas, espremendo todas as posibilidades creativas da camelia como flor e como cultivo e, o máis importante, amosándolle aos máis de 7.000 visitantes que pasaron por este recinto que a camelia é moito máis que unha flor, isto é, amosándolle todas as súas posibilidades produtivas”.

De feito, insistiu en que desde a anterior edición –no ano 2016- ata hoxe percorreuse un importante camiño na popularización dos usos da camelia, a través da difusión dos produtos derivados do seu cultivo, como son o té cen por cen galego, que xa é unha realidade, ou as investigacións sobre a obtención do aceite a partires das sementes. “Temos que dicir que nestes tres anos foron numerosas as citas nas que puidemos constatar o interese do público en coñecer estes produtos, así como os procesos que implican e as posibilidades de atopalos no mercado”, por iso subliñou a necesidade de seguir a traballar nesa liña e abrir o abano de posibilidades do cultivo tamén dentro do sector forestal.

Showcooking con aceite e outros produtos da camelia.

Showcooking con aceite e outros produtos da camelia.

Menú degustación de camelia
Despois da inauguración e de percorrer as bancadas de flor identificando os diferentes cultivares de camelia tivo lugar o showcooking a cargo do chef Iñaki Bretal. O cociñeiro do grupo Nove preparou un menú degustación a base de camelias como ingrediente formado por un entrante, un primeiro prato, un segundo e un postre que, unha vez rematados, se repartiron entre as persoas asistentes. Os pratos foron vieira afumada coas follas da camelia, peixe con allada de aceite de camelia, carneiro con prebe de camelia e pétalos encurtidos, así como brioche e torrixa con camelia.

O showcooking desenvolveuse con Bretal explicando os pasos para crear cada un dos pratos mentres o seu xefe de cociña, Javier Alonso, realizaba nos fogóns todas as elaboracións e posteriormente dúas persoas montaban os 180 pratos a degustar o que, segundo se prevía, xerou unha grande expectación por parte do público, ao igual que na pasada edición.

Xornada do domingo
A xornada de hoxe domingo comezará ás dez coa apertura de portas, hora dende a que se poderán contemplar as flores presentadas a concurso polas 42 persoas cultivadoras, chegadas de diversos puntos do país. Ás once, terá lugar a xornada técnica ‘Patoloxías e afeccións sanitarias máis habituais na camelia, métodos de control’, a cargo do doutor enxeñeiro de Montes Pedro Mansilla.

A media mañá (12h) realizarase a entrega de premios aos mellores cultivares de camelia presentes no LV Concurso Exposición Internacional, co agasallo da tradicional ‘Camelia de Ouro’ á mellor composición floral, e con esculturas especificamente realizadas para a ocasión ao resto das composicións máis destacadas.

Xa pola tarde, ás 17 horas, realizarase outra xornada técnica sobra ‘O cultivo da camelia como especie restauradora en zonas forestais’, a cargo da xefa do Servizo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Carmen Salinero. Será ás 18.30 horas a quenda para a presentación do libro ‘Xardíns históricos na provincia de Pontevedra’, editado pola Deputación de Pontevedra. Durante todo o día estará habilitado un espazo infantil para crianzas maiores de tres anos atendidas por monitores e monitoras. O peche de portas será ás 21 horas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información