Convocatoria da Deputación de Pontevedra para a creación de parques forestais

O vicepresidente do organismo provincial, César Mosquera, anuncia unha partida de 800.000 euros para a terceira edición da iniciativa nos montes veciñais da provincia

Publicidade
Convocatoria da Deputación de Pontevedra para a creación de parques forestais

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar hoxe en Xunta de Goberno a súa terceira e última convocatoria para crear parques forestais nos montes da provincia. O vicepresidente do organismo provincial, César Mosquera, explicou que a partida económica para axudar aos concellos ascende a 800.000 euros. O obxectivo da iniciativa é a mellora e posta en valor de terreos forestais que estean abandonados ou deteriorados.

A liña de creación de parques forestais oriéntase a que os Concellos da provincia impulsen a habilitación de espazos verdes de lecer de común acordo coas comunidades de montes veciñais correspondentes. Mosquera explicou que esta última convocatoria responde ó interese amosado por diferentes municipios que están a traballar na redacción de proxectos para a recuperación de montes ou que están a programar xa a execución de actuacións en tal sentido.

As bases da nova liña de axudas sairán publicadas no Boletín da Provincia a finais da vindeira semana e abrirase un prazo amplo para presentar as solicitudes e os informes sectoriais necesarios.

Nas bases explícase que serán accións subvencionables os proxectos destinados á creación de parques forestais que teñan como obxecto preservar, mellorar e destacar valores naturais (paisaxísticos, ambientais, edafolóxicos e forestais) e culturais; as formacións arbóreas (carballeiras, soutos, fragas etc.); a preservación de especies con valor ecolóxico; a preservación do patrimonio: xacementos arqueolóxicos (castros, mámoas, petróglifos etc.), monumentos, lugares, conxuntos, tradicións ou técnicas artesanais; a adopción de medidas fronte a incendios: silvicultura preventiva, faixas de protección, devasas vexetais ou a creación de puntos de auga; a diversificación de usos: produción de cogomelos, plantas aromáticas, silvopastoreo, aproveitamento de froitos ou apicultura; así como a creación de zonas de uso e aproveitamento para a cidadanía coma sendas peonís, miradoiros, parques, rutas ou aulas de interpretación, entre outros.

Para desenvolver estas actuacións aprobáronse dúas liñas de actuación. A ‘Liña 1’ inclúe a redacción dos proxectos de parques forestais, subvencionados ata un máximo do 70 % do seu custo e cun límite superior de 6.000 euros por proxecto, e a ‘Liña 2’ de subvencións para a execución das actuacións contempladas en proxectos xa redactados, subvencionados ata un máximo do 70% do custo, cun límite superior máximo subvencionable de 1.500 euros por hectárea. Esta cifra, explicou o vicepresidente, eleva considerablemente o máximo das axudas anteriores, que se se fixara nos 900 euros por hectárea.

Por outra parte, segundo explicou Mosquera, outra das novidades das bases aprobadas hoxe é que para o cálculo do límite superior na ‘Liña 2’ teranse en conta só as hectáreas nas que se van realizar actuacións e non a totalidade do parque forestal. Por tanto, no caso de actuacións puntuais que non acaden grandes superficies (posta en valor dun xacemento, unha fonte ou un tramo de escalada, por exemplo) determinarase un área de influencia coherente ao redor que terá que vir reflectida no proxecto, e será esta a que se terá en conta para o cálculo do límite da axuda.

En ambos os casos, o 30 % restante non subvencionable ata completar o orzamento dos proxectos e actuacións -ou a cantidade que resultase no caso de se superaren os límites fixados- terano que achegar os concellos solicitantes, ben dos seus fondos, ben mediante acordos coas entidades titulares dos predios obxecto da actuación pretendida.

Os concellos beneficiarios destas axudas deberán ter executadas as actuacións antes do 31 de decembro de 2019 para a Liña 1 e antes do 30 de xuño de 2020 para a Liña 2. Ademais, deberán xustificalas no prazo de tres meses desde a súa finalización e, en todo caso, antes do 31 de marzo de 2020 e do 30 de setembro do 2020 respectivamente.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información