Como reducir os conflictos polo uso social dos montes

A Asociación Forestal de Galicia presenta as conclusións dunhas xornadas que organizou en Vigo para analizar o problema. O colectivo elaborou un informe con toda a normativa relacionada coa utilización dos montes veciñais e de propietarios particulares

Publicidade
Como reducir os conflictos polo uso social dos montes

Xornadas celebradas en Vigo pola Asociación Forestal de Galicia (AFG) e a Mancomunidade de Montes de Vigo. / Imaxe: AFG.

En Galicia, sobre todo no entorno das grandes áreas urbáns das Rías Baixas, prodúcense conflictos polo uso social dos montes por parte da cidadanía. Veículos a motor, ciclistas e senderistas atopan un espazo de recreo nas masas forestais, un uso que non sempre é aceptado de bo grao polos propietarios dos terreos, ben comunidades de montes veciñais, ben propietarios particulares. En ocasións, tamén poden existir conflictos entre os distintos usuarios do territorio, por exemplo entre cazadores e senderistas, ou entre veículos a motor e ciclistas.

A Asociación Forestal de Galicia vén de presentar unha análise do problema e unha serie de propostas para reducir o conflicto.A cuestión de fondo é que o monte en Galicia é maioritariamente de propiedade privada ou comunal. O estudo da lexislación que fai a Asociación Forestal de Galicia conclúe que en ningún caso os montes veciñais e privados se poden considerar bens de uso público.

“Debe realizarse un estudo de produtos de seguro de responsabilidade colectiva e valorar as súas posibilidades de aplicación”

Así as cousas, as comunidades de montes veciñais teñen o dereito, por exemplo, de limitar o acceso de veículos a motor as súas pistas forestais por medio de cancelas ou carteis. Por norma xeral, non o fan e non se opoñen a un uso social dos seus montes, pero consideran que os posibles usos teñen que estar regulados e/ou autorizados polas propias comunidades.

Conclusións
As propostas da Asociación Forestal de Galicia, derivadas dunhas xornadas realizadas en xuño en Vigo, nas que participaron todo tipo de colectivos implicados no monte, resúmense nos seguintes puntos:

– Son necesarias campañas de concienciación entre a cidadanía sobre o que son os montes veciñais e como se xestionan. Sinalizar os accesos ó monte pode contribuír a un mellor uso, pero non se poden encher todos os montes de carteis.

– Debe redactarse un código de boas prácticas do uso do monte, procurando a súa máxima difusión. Un punto estratéxico de difusión son os establecementos de artigos deportivos (por exemplo bicicletas).

– Non se debe prohibir o uso social pero si regulalo. Estes usos non poden afectar medioambientalmente ó monte nin economicamente á comunidade.

“Sería convinte fixar un calendario de actividades de uso social nos montes veciñais”

– Debe realizarse un estudo de produtos de seguro de responsabilidade colectiva, así como as súas posibilidades de aplicación. Comunidades de montes, federacións deportivas e Administración deben colaborar na súa implementación.

– Sería convinte fixar un calendario de actividades de uso social nos montes veciñais, dándolle traslado da mesma á Administración.

– As comunidades deben acordar internamente que zonas se poden habilitar para o uso social ou para a práctica de actividades deportivas. Estas zonas deben estar contempladas no proxecto de ordenación e estar reguladas.

– A construción de infraestruturas para prácticas deportivas debe estar amparada en convenios entre as comunidades, concellos e federacións deportivas.

– Proponse a necesidade dunha nova lexislación que regule o acceso non motorizado ós montes, en especial ós veciñais en man común.

image_print

Una idea sobre “Como reducir os conflictos polo uso social dos montes

  1. Enrique Novoa Fernandez

    Es muy necesario profundizar con muchas jormadas como las ultimas provomidas por la Mancomunidade de Montes de Vigo y organizadas. Por la AFG.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información