A cadea da madeira aposta pola certificación forestal fronte ó “intervencionismo público”

O sector demanda políticas que poñan o foco en combatir o abandono do monte. Pide medidas que permitan un aproveitamento económico das frondosas caducifolias e apoio para a recuperación dos piñeirais

Publicidade
A cadea da madeira aposta pola certificación forestal fronte ó “intervencionismo público”

De esquerda á dereita, José Carballo (Unemadera e Finsa), Francisco Dans (Asociación Forestal de Galicia), José Manuel Iglesias (Clúster da Madeira), Jacobo Feijoo (Asefoga) e Isabel Álvarez (Vifoga).

Chegado o fin de ano, a cadea da madeira de Galicia convocou un acto informativo para facer balance do exercicio e situar os retos inmediatos. O evento, no que participaron representantes de asociacións de propietarios forestais, de viveiros e da industria, concretou como gran inquedanza do sector o combate do abandono do monte, para o que se avoga por potenciar unha xestión forestal activa. A dúbida que manifesta a cadea galega da madeira é sobre o papel que vai xogar a Administración en tal obxectivo. Vai obstaculizar a xestión forestal ou incentivala?, pregúntase o sector.

Os colectivos de propietarios forestais, representados no encontro por Francisco Dans, da Asociación Forestal de Galicia, e por Jacobo Feijoo, da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), entenden que o modelo de intevención da Administración debe pasar por ofrecer incentivos a unha xestión forestal activa.

“As sociedades máis avanzadas gobérnanse pola certificación forestal. Se en Galicia cargamos cunha mochila de pedras a maiores, xogamos en desvantaxe” (José Manuel Iglesias)

“En Galicia, o 97% do monte é privado ou de propiedade comunal. Case non temos monte público, a diferenza do que pasa noutras autonomías, como Cantabria, que ten a metade de monte público, ou Asturias, cun 30%. Esa singularidade obriga a que a Administración lle deixe marxe ós propietarios para tomar as súas decisións”, advirte Jacobo Feijoo.

O sector posiciónase contra un excesivo intervencionismo público na planificación forestal e reinvindica o aval dos sistemas de certificación forestal como criterio regulador. “As sociedades máis avanzadas gobérnanse polos sistemas de certificación forestal, coa vantaxe de que todos temos que competir con esas normas” -valora o presidente do Clúster da Madeira de Galicia, José Manuel Iglesias.- “A certificación forestal é unha demanda dos consumidores, que van por diante das regulacións públicas. Se en Galicia, se lle carga ó sector cunha mochila de pedras a maiores en forma de limitacións e regulacións, estamos competindo en desvantaxe”, cuestiona.

Auditoría dun monte certificado. / Arquivo.

Auditoría dun monte certificado. / Arquivo.

Da mesma idea é José Carballo, presidente da patronal da madeira, Unemadera, e director xeral de Finsa. “A certificación forestal está implantada en todo o mundo e implica un control de aspectos sociais, legais e ambientais, como a conservación da biodiversidade. Fixo máis en Galicia polo mantemento das masas de frondosas caducifolias a certificación forestal que toda a regulación da Xunta”, aseverou Carballo, que lembrou que os sistemas de certificación esixen a conservación dunha porcentaxe de frondosas autóctonas nas superficies certificadas.

“Hai que entrar no tema da ‘madeira de sangue’. Tivemos dúas alertas e a Xunta e a cadea da madeira teñen que tomar medidas” (José Carballo)

Trazabilidade da madeira
Carballo incidiu en pedir un maior control de toda a madeira que se move en Galicia, con garantías da súa trazabilidade e certificación, nos casos en que se trate de madeira certificada: “Hai que entrar no tema da ‘madeira de sangue’. Non se pode eludir esta cuestión e a cadea de madeira e a Xunta teñen que tomar medidas”, advertiu en alusión ó movemento de madeiras tropicais ilegais. “Tivemos xa dúas alertas de madeira ilegal e hai que atallar o problema”, demandou.

Incentivos a frondosas e piñeiros
A cadea da madeira amosa consenso na necesidade de impulsar a certificación forestal en Galicia como criterio de sostibilidade ambiental. “Estamos a favor da ordenación forestal, é dicir, da xestión de cada unidade de monte de acordo con criterios sostibles, pero estamos en contra dunha planificación pública que nos diga que especie ten que ir en cada parcela” -resumiu o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.- “O reto da Administración ten que ser o de mobilizar ós propietarios, ofrecéndolles incentivos e axudas que fagan rendibles as plantacións das distintas especies”, valorou.

“Cómpre ofrecer incentivos, en lugar de continuar impoñendo novas restriccións en normativas, decretos e directrices” (Jacobo Feijoo)

O sector puxo como exemplo o plan para a recuperación do piñeiro que está a impulsar o conxunto da cadea da madeira, unha iniciativa para a que se pediu o apoio da Administración. Tamén se demandaron medidas da Xunta para a valorización das masas de frondosas caducifolias, que representan arredor dun terzo do monte arborado en Galicia, pero pouco máis do 2% de cortas con destino industrial. “Se non hai unha aposta da Administración, é imposible acadar a sostibilidade económica”, advertiu o sector.

Abandono do monte
A gran inquedanza que manifesta a cadea da madeira é o abandono do monte por factores coma o envellecemento, a falta de relevo xeneracional e o minifundio. “Cómpre ofrecer incentivos, en lugar de continuar impoñendo novas restriccións á xestión forestal nunha serie de normativas, decretos e regulacións difusas, como as Directrices da Paisaxe”, advertiu Jacobo Feijoo. “O manexo do monte depende dos seus propietarios e se non logramos unha xestión forestal activa, Galicia enfróntase a poucos anos vista ó drama de convertirse nun deserto verde, coa perspectiva de lumes imposibles de controlar”, conclúe o presidente do Clúster, José Manuel Iglesias.

“Se non logramos unha xestión forestal activa, Galicia enfróntase ó drama de convertirse nun deserto verde” (José Manuel Iglesias)

O sector advertiu de que no caso de novas limitacións ós propietarios forestais, sería precisa a habilitación de compensacións, un principio que figurará no Plan Forestal de Galicia. O Plan Forestal, aínda en tramitación, prevese que se debata no Parlamento a comezos do próximo ano, para ser aprobado a continuación en Consello da Xunta.

Desde os viveiros forestais, a presidenta da asociación Vifoga, Isabel Álvarez, tamén plantexou a necesidade dunha folla de ruta clara por parte do sector que permita unha correcta programación dos viveiros, de cara a atender as demandas de propietarios forestais, empresas de servizos e comunidades de montes.

“Agora mesmo, en Galicia estase cubrindo toda a demanda de planta forestal. Temos viveiros especializados en eucalipto, en coníferas e en castiñeiros, tanto en híbridos como enxertados, pero houbo épocas en que non se daba atendido a demanda de planta ou na que houbo que tirar moita planta sobrante”, sinalou Álvarez. “Se temos unha demanda que non se pode cubrir, entrará planta de fóra sen as axeitadas garantías de calidade”, advertiu.

O sector aumentará facturación no 2018, pero detéctase un freo no ‘contract’

Á hora de facer balance do 2018, José Carballo, presidente de Unemadera e tamén presidente da asociación Monte Industria, fixo un primeiro avance das cifras de facturación do sector galego no presente exercicio, que aumentarán en torno a un 5–8 %, un dato positivo pero que deixa motivos para a inquedanza no segundo semestre do ano, no que se detecta un freo ó crecemento, sobre todo na segunda transformación e no ‘contract’.

O ‘contract’, especializado no suministro de mobiliario e interiorismo a cadeas empresariais, protagonizou no periodo 2015 – 2017 un forte crecemento, gañando unha presenza destacada nas exportacións galegas da madeira. Factores como a crise dos centros comerciais a nivel internacional ou o aumento de vendas electrónicas, en detrimento das vendas en establecementos, están levando a un parón no sector, segundo advertiu José Carballo.

Entre os retos para o próximo exercicio, Carballo empraza á Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) a impulsar un proceso de reorientación do sector do contract, no que aposta por un maior peso do deseño e pola edición dun catálogo.

A definición dun plan estratéxico para toda a cadea e a atracción a Galicia de investimentos en bioeconomía son outras cuestións nas que Carballo considera que se debe centrar Xera no próximo exercicio.

Para a nova Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o presidente de Monte Industria sitúa como un dos principais deberes a realización dun inventario forestal galego, xa que o último inventario forestal nacional realizado en Galicia data de hai unha década.

Xestión forestal e lumes
A separación da xestión forestal e do combate dos lumes en dúas direccións xerais diferentes é saudada polo sector como unha cuestión positiva, “que se leva reivindicando dúas décadas”. “Tiñamos o problema de que o aparato de extinción de incendios viña absorbendo boa parte do que deberían ser investimentos forestais, algo que advertiu o propio Tribunal de Contas” -sinala Carballo.- “Que se dividan as competencias era unha condición necesaria, pero non suficiente”, valora Carballo, que lembra o conxunto de propostas que está a facer a cadea da madeira.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información