As Cabanas de Broña, exemplo de integración na contorna

Con motivo do Día Mundial da Construción Sustentable, o Clúster dá Madeira distingue estas construcións, situadas en Outes, dos arquitectos Salgado e Liñares, que apostaron pola madeira e por fusionar o complexo co ambiente no que se sitúan

Publicidade
As Cabanas de Broña, exemplo de integración na contorna

Asistentes ó acto de distinción destas construcións, ó pé dunha destas cabanas.

O Clúster dá Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) distinguiu, con motivo da celebración do Día Mundial da Construción Sustentable, as Cabanas de Broña, en Outes (A Coruña). A entidade celebrou un acto simbólico de recoñecemento a estes apartamentos turísticos pola súa “perfecta integración coa contorna e por empregar a madeira cunha gran sensibilidade, tanto no interior coma no exterior”, argumentan dende o Clúster.

Os propios arquitectos encargados da súa construción, Francisco Liñares e Alfonso Salgado, explicaron que o proxecto aposta pola conservación e posta en valor dos elementos existentes. Así, nas construcións empregáronse materiais reciclados en armazón de vigas, acabados interiores e exteriores ou en elementos estruturais.

A madeira, unha aliada contra o cambio climático

No acto, o presidente do CMD, José Manuel Iglesias, destacou a obra como “un exemplo da sensibilidade e o compromiso dos arquitectos coa madeira, así como polo seu coñecemento do material, sabéndoo adaptar á perfección aos diferentes elementos”, concretou.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Construción Sustentable, Iglesias quixo destacar unha serie de características da madeira que a converten nunha gran aliada na loita contra o cambio climático. Neste sentido, indicou que un maior uso dos produtos de madeira estimula a expansión dos montes e a redución dos gases de efecto invernadoiro.

O 15% da madeira procedente de edificios e demolicións poderíase volver utilizar como madeira de serradoiro

O uso da madeira na construción permite aforrar enerxía ao longo da vida útil do edificio, xa que a súa estrutura celular proporciona un gran illamento térmico: 15 veces mellor que o formigón, 400 veces mellor que o aceiro e 1.770 veces mellor que o aluminio. As estimacións que manexan os expertos apuntan a que as emisións de CO2 xeradas pola construción dunha casa de formigón e aceiro permitirían a construción da mesma casa en madeira e quentala durante 27 anos.

Ademais, o 15% da madeira procedente de edificios e demolicións poderíase volver utilizar como madeira de serradoiro e un 36% podería reciclarse en taboleiros. Mentres, outra boa porcentaxe podería xerar enerxía limpa.

Camiño da bioeconomía

No marco do encontro, púxose de relevo a importancia de camiñar cara á bioeconomía, tal e como indican os diferentes foros internacionais nesta materia. O futuro atópase en revalorizar os terreos forestais e dar unha viabilidade económica a través dun sector forestal potente que substitúa á economía fósil.

No acto, ademais do presidente do Clúster tamén participou o alcalde de Outes, Manuel González, así como os arquitectos responsables da obra.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información