A saturación do mercado da castaña destapa problemas de calidade en Galicia

O sector rexistra dificultades na exportación. Os operadores da comunidade destacan que o produto galego é organolepticamente “bo con maiúsculas”, pero advirten de que hai que coidar a selección de froitos no campo

A saturación do mercado da castaña destapa problemas de calidade en Galicia

O sector aposta pola selección de castaña de calidade.

A campaña de castaña 2015 está a ser en Galicia a peor con diferencia dos últimos anos. Houbo boa colleita en toda Europa e de castaña de calidade, un escenario que reduciu a demanda da produción galega e que levou ó desplome de prezos. Do entorno de 1,50 euros por quilo nos que comezou a pagarse a castaña a comezos da campaña, o produto caiu en Galicia na actualidade ata os arredor de 60-70 céntimos. Parte dos comercializadores achaca a caída das cotizacións á falta de calidade dos froitos.

“Houbo unha gran especulación e moitos produtores, con excepcións, despreocupáronse de producir ben” (Miguel Areán)

Os operadores consideran que no mercado da castaña de Galicia “pasou o que tiña que pasar”. “Vimos duns anos nos que se desencadeou unha gran especulación coa castaña e moitos produtores, con honrosas excepcións, despreocupáronse de producir ben” -valora Miguel Areán, industrial da castaña de Chantada e un dos principais operadores da comunidade-. “Na provincia de Lugo, vemos que moitos produtores en zonas como Sarria, Samos, Baralla ou Becerreá, toda castaña que cae da árbore métena no saco, o que leva a altas porcentaxes de froitos con danos de insectos, podremias e outros problemas”, advirte.

A apreciación dunha falta de coidado na selección de castañas é compartida no sector. “No noso caso, optamos por pechar a campaña xa hai 15 días porque non responden nin a castaña nin o mercado” -explica María Pilar Silva, comercializadora de Rios (Ourense)- “Antes había unha tradición de selección das castañas, pero nos últimos anos algúns compradores acostumaron á xente a vender o produto sen seleccionar, co cal nos atopamos con que moitos produtores meten castañas abichadas, abertas ou bolecas. Ese produto non serve para exportar, non dá a calidade”, suliña Pilar Silva.

“Antes había unha tradición de selección do froito. Agora moita xente mete no saco castañas abichadas, abertas ou bolecas” (Pilar Silva)

Competencia da castaña galega
A competencia da castaña galega, sen embargo, semella estar a outra altura, segundo a visión dos operadores. “Seis anos atrás, máis ou menos, cando se rexistraran tamén problemas de comercialización como este ano, outras zonas de España comezaron a producir en fincas ordeadas e coidadas e cun produto monovarietal. Extremadura, por poñer un caso, produce ben, barato e con calidade”, destaca Miguel Areán.

“Tampouco hai que ir tan lonxe. En Portugal, aquí o lado, temos o exemplo dun bo traballo agronómico” –engade Areán- “Onte mesmo merqueille a un agricultor portugués castaña con menos dun 5% de danos e con 60-65 pezas por quilo a 2,20 euros. Podería estar mercando castaña en Galicia a 65 céntimos, pero non quero ese produto, que pode ter ata un 30% de danos”, sinala. “En Galicia temos a mellor castaña do mercado, pero tamén a peor. O produto é organolepticamente bo con maiúsculas; só precisamos que o produtor traballe ben. Se a castaña vale, nós pagámola ben”, conclúe.

“En Portugal pago 2,20 euros por castaña de calidade. Podería mercar en Galicia a 0,65 euros, pero non quero ese produto” (Miguel Areán)

En anos anteriores, un dos principais países produtores de castaña, Italia, sufriu serias caídas de produción polo impacto da avispilla da castaña, unha situación que disparou a demanda e os prezos en Galicia. Sen embargo, a volta a normalidade da produción italiana e a boa colleita do 2015 no conxunto de Europa trocaron as tornas. “Parecía que a xente tiña a galiña dos ovos de ouro e este ano moitos teñen que vender a 70 céntimos o quilo se non queren que lles quede na casa” -conta Pilar Silva-. “Entendo que a xente estea descontenta cos prezos, pero a situación é a que é. Se a castaña non responde, non ten saída”, conclúe.

Melloras
Que se precisa para mellorar a calidade da castaña galega? “Hai que facer tratamentos fitosanitarios nos soutos e labores culturais que melloren o froito, como podas e limpezas. Débese investir para despois recoller” -sinala Miguel Areán-. “Na parte industrial, todos somos capaces de facer un bo traballo, pero precisamos que se actúe rápido e ben na parte da produción”.

“En Galicia temos a mellor castaña do mercado, pero tamén a peor. Hai que investir para recoller” (Miguel Areán)

A separación da colleita por variedades é outra das demandas tradicionais entre os comercializadores, unha cuestión na que se foi avanzando nos últimos anos.

Problema xeral do mercado
Sobre a situación da campaña 2015, hai tamén unha parte dos operadores de Galicia que destaca os problemas xerais do mercado, pero que non cuestiona a castaña que se lles entrega, da que aseguran que, en xeral, presentou boa calidade este ano, superior a campañas precedentes. É o caso de Castañas Rafael, no Barco (Ourense), ou de Rudecas, en Larouco (Ourense). “A campaña foi moi complicada por factores como o aumento da produción en Europa ou a baixada do consumo. As altas temperaturas do outono non animan ó consumo de castañas”, sinalan desde Rudecas.

“O aumento da produción en Europa e a baixada do consumo complicaron a campaña. O futuro? Difícil” (Marina, Rudecas)

O produto competitivo que presentan outros mercados é visto ademais como un atranco para a exportación galega. “Italia ou Francia teñen boa castaña, que pela ben, e tamén está entrando castaña doutros países, como Albania ou Turquia, que compiten en prezos e que teñen froitos con moi boa conservación. Haberá que ver que sucede en próximas campañas, pero o futuro preséntase complicado” -valora Marina, de Rudecas-. “Hai xente que se queixa do baixo prezo da castaña, pero eu este ano tiven que vender parte da castaña a un prezo máis baixo do que paguei por ela”, revela. “Os prezos non son baixos por capricho”, advirte.

“A campaña chegou moi adiantada e xuntouse todo o produto no mercado á vez” (Castañas Rafael)

O adianto da colleita é outro factor que tamén afectou ás cotizacións, ó entender de Castañas Rafael: “A campaña chegou moi adiantada e xuntouse toda a castaña no mercado na mesma época, tanto a nosa como a doutras zonas, o que levou a que se pechasen mercados. Ó principio pagouse ben, pero ó final a única preocupación era sacar a castaña, sen prezo. Este ano ademais foi un ano de moita castaña. Na anterior campaña, houbera zonas como Verín ou Viana con pouca produción, pero este ano houbo castaña en todas as zonas”.

Facer marca e posicionarse no mercado a través da IXP Castaña de Galicia, algúns dos retos do sector

Indicación Xeográfica
Entre as necesidades do sector, os operadores inciden na importancia de facer marca para posicionarse no mercado, unha cuestión para a que resulta clave a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia. “Este ano estamos comercializando castaña da IXP a través de Alcampo, en bolsas de medio quilo, cun bo produto, ben seleccionado, que está tendo éxito e que está transmitindo unha boa imaxe da castaña galega. Ese é o camiño” -destaca Miguel Areán-. “Na nosa empresa, ante niveis de calidade similares, primamos a compra a produtores que están inscritos na IXP, que obteñen ademais un maior prezo”.

Para a elaboración desta reportaxe, non foi posible obter onte a opinión do presidente da IXP, Jesús Quintá, tamén industrial do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información