Vintecinco entidades instan a Medio Rural a recuperar os apoios ó asesoramento agrario

Tres mil explotacións beneficiáranse no último ano das axudas para aconsellamento. A Xunta anunciara a posta en marcha destas subvencións por un periodo de 5 anos, pero tralo primeiro ano, decidiu eliminalas de xeito unilateral

Publicidade
Vintecinco entidades instan a Medio Rural a recuperar os apoios ó asesoramento agrario

A decisión de Medio Rural de eliminar as axudas para o asesoramento agrario xerou unha reacción en cadea no agro. Arredor de vintecinco colectivos, entre entidades de aconsellamento e outras asociacións do sector, acordaron nos últimos días un posicionamento conxunto en contra da supresión dos apoios ó asesoramento. O sector entregou un escrito na Xunta no que insta á Consellería a rectificar e a volver a convocar as axudas. Demandan tamén unha reunión inmediata co conselleiro, José González.

O asesoramento agrario ás explotacións por parte de técnicos está considerado no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 como unha prioridade máxima, xa que enténdese que ese asesoramento contribuirá á innovación das explotacións, a mellorar o seu resultado económico e ó cumprimento de boas prácticas ambientais.

A primeira convocatoria das axudas para o asesoramento agrario chegou a mediados do 2018, cun total de 3 millóns de euros, logo de que a Xunta reunira en Santiago a tódalas entidades de aconsellamento para informalas de que convocaría as axudas anualmente no periodo 2018-2022. Pasado o primeiro ano, no que 3.000 explotacións se beneficiaron das axudas para asesoramento, recibindo o servizo de xeito gratuíto, Medio Rural decidiu inesperadamente suprimir os apoios por medio dunha redistribución dos fondos destinados para tal fin no Plan de Desenvolvemento Rural.

A Xunta anunciara no 2018 que ía convocar axudas para o asesoramento durante cinco anos consecutivos, pero pasado o primeiro ano, eliminou os apoios

Esa reprogramación do Plan de Desenvolvemento Rural, que colleitou un rexeitamento total do agro, orientouse a trocar o destino de parte dos fondos presupostados, que veñen nun 75% de Europa. Así, entre outras decisións, eliminouse o asesoramento agrario, reducíronse os apoios para zonas con limitacións naturais, eliminouse o apoio a organizacións de produtores e acordouse destinar máis cartos para axudas agroambientais -só para o 2020- e para medidas de prevención de lumes, que se levaron 17 millóns de euros a maiores.

Os cambios suscitaron no agro un rexeitamento unánime que Medio Rural non tivo en conta. Ante esa situación, o sector pediu o amparo da Comisión Europea, á que instou a rexeitar a reprogramación do PDR proposta pola Xunta. Á espera de que a Comisión tome unha decisión, máis dunha vintena de entidades de aconsellamento, respaldadas por outros colectivos do sector (organizacións agrarias, cooperativas, asociacións, etc.) acordaron presentar un escrito ante a Xunta solicitando que se rectifique a supresión do asesoramento agrario.

O escrito, no que se amosa a indiganción do sector, está asinado por máis de 20 entidades de Aconsellamento e Xestión, así como outros actores clave no sector agrario galego coma a Escola Politécnica Superior de Enxeñería da USC, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Lugo, Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, Ovica, Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Asgafon, Agromace e outras asociacións gandeiras.

Os colectivos asinantes inciden en que os principais países europeos teñen moi desenvolvido o sistema de apoio técnico ás ganderías (apoio público principalmente pero tamén privado) e que a supresión das axudas ó asesoramento supón unha desvantaxe competitiva moi forte para o sector agrogandeiro galego.

Que cobre o asesoramento agrario?

Medio Rural estableceu nas axudas convocadas no 2018 tres modalidades de asesoramento para o agro, o básico, o intermedio e o integral. Calquera delas debía estar prestada por un técnico universitario dunha entidade de aconsellamento, establecéndose que para prestar correctamente o servizo, cada técnico podería levar un máximo de 40 explotacións en asesoramento integral (45 se se trataba de asesoramento intermedio e ata 60 no asesoramento básico).

En calquera das modalidades de asesoramento, o técnico debía facer un mínimo de tres visitas é explotación. Medio Rural apoiou este servizo o ano pasado cuns importes máximos de 670 euros (asesoramento básico), 850 euros (asesoramento intermedio) e 1.000 euros (asesoramento integral), segundo figura na orde das axudas.

Asesoramento básico: cubre as obrigas derivadas dos requisitos legais de xestión e de boas condicións agrarias e ambientais. Tamén o apoio específico a agricultores que se instalen por primeira vez, incluíndo a elaboración dun plan empresarial.

Asesoramiento intermedio: a maiores do anterior, inclúese o aconsellamento a explotacións beneficiarias de axudas agroambientais ou de agricultura ecolóxica, a fin de cumprir os compromisos que esixen este tipo de axudas. As explotacións beneficiarias de agroambientais están obrigadas a contar co asesoramento, polo que a partir de agora terán que abonalo do seu peto.

O asesoramento intermedio inclúe tamén a posta en marcha dun plan estratéxico de asesoramento da explotación, analizando os seus indicadores agronómicos, ambientais, económicos e os relacionados coa fiscalidade e contratación laboral.

Asesoramento integral: a maiores dos servizos anteriores, inclúese un apoio dirixido a mellorar o rendemento global da explotación, abordando factores como o manexo de pastos e alimentación animal, plans de fertilización ou o uso sostible de fitosanitarios.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información