Vilar de Donas acolle o 11 de agosto a XXVIII Feira do Cabalo da comarca da Ulloa

Xinetes de toda Galicia competirán no hipódromo da localidade nas nove probas de velocidade e beleza que reparten 2.250 euros en premios

Publicidade

Feira Cabalo Vilar de Donas2A Feira do Cabalo da comarca da Ulloa achégase á súa terceira década de vida coa veteranía dunha cita consolidada pero coa frescura dunha competición que segue gañando adeptos edición tras edición. A deste ano volverá xuntar o vindeiro 11 de agosto a xinetes procedentes de toda a comunidade nas 9 probas que se celebrarán durante todo o día no hipódromo de Vilar de Donas, convertendo de novo a esta localidade pertencente ao concello de Palas de Rei nun lugar de referencia no panorama ecuestre galego.

É unha cita organizada polo Concello de Palas de Rei coa axuda da Asociación de Veciños A Capela, de Vilar de Donas. O seu presidente, Raúl López, alma máter da feira desde a súa primeira edición no ano 1991, agarda o éxito do ano pasado, con máis de 250 participantes nas distintas probas e centos de asistentes como público.

“A cita naceu fai case 30 anos porque viamos que o número de cabalos ía a menos e quixemos agradecerlle a este animal o moito que leva feito polo medio rural”

Na pasada edición e malia ter coincidido coa feira de Teixeiro e coa de Friol, Vilar de Donas superou as expectativas dos organizadores cunha concurrida feira e unhas competicións que estiveron moi animadas. Coma todos os anos, un completo programa de diversas probas lograron despertar a participación e o interese dos centenares de aficionados ao mundo equino congregados que ao longo da xornada foron pasando polo recinto do hipódromo palense. Diferentes probas de andadura, velocidade, trotóns e mesmo beleza e carreiras de burros que trouxeron até a comarca da Ulloa a xinetes e amazonas de distinta procedencia, mesmo internacional, desde todos os puntos de Galicia (Melide, Arzúa, Monterroso, Sobrado dos Monxes, Guitiriz, Oza Cesuras, Carballiño, Cambre, Ferrol, Castro de Rei, Abegondo, Teixeiro) até de Portugal e Noruega. As probas de velocidade e a carreira de burros foron as que máis público congregaron.

A cita ecuestre complétase todos os anos con algún posto de artesanía, con produtos elaborados en madeira, liño ou coiro, e cunha feira anual onde se fan moitos contactos entre compradores e vendedores que logo rematan en transacción.

Raúl lembra o sentido co que naceu a Feira fai xa 28 anos: “Esta é unha zona de moita tradición cabalar e o cabalo foi un animal moi importante nas nosas vidas, porque era case o único medio de transporte persoal e de mercadorías que durante centos de anos houbo no medio rural. Viamos que minguaba o número de cabalos e tiñamos medo a que desaparecera, así que por simple amor ao animal que tanto nos deu quixemos poñer o noso gran de area para devolverlle o moito que fixo por nós”, argumenta o presidente da asociación A Capela.

Un hipódromo construído no 2012

Unha das carreiras celebradas na pasada edición

Unha das carreiras celebradas na pasada edición

Vilar de Donas conta cunhas instalacións formidables para acoller as distintas competicións, cun hipódromo construído no ano 2012 con pistas de 12 metros de ancho. O notable interese polo mundo equino neste municipio, levou a que o Concello abrise unhas instalación que deran cabida a competicións de diversa índole.

“Son unhas instalacións únicas en Galicia, existen poucas destas características, construidas respectando a normativa europea. Comezamos facendo as carreiras no prado dun veciño pero a feira foise consolidando e necesitabamos un lugar idóneo para evitar o sufrimento dos cabalos correndo por asfalto ou por pistas duras”, explica Raúl.

As pistas, únicas en Galicia, están dispoñibles durante todo o ano para calquera xinete ou afeccionado que queira adestrar

Destináronse a este hipódromo 130.000 euros a través dunha subvención europea e do seu coidado encárgase a propia asociación A Capela, que durante todo o ano realiza tarefas de mantemento, desde cortar a herba a regar ou repoñer peches e valados.

“Foi un investimento importante que está aí para ser usado durante todo o ano. O hipódromo está aberto e dispoñible para todo aquel xinete ou afeccionado que queira adestrar. Ademais das pistas conta con tres cuadras e unha zona onde duchar os cabalos”, explica Raúl, que convida a calquera afeccionado que o desexe a usar estas instalacións. “Gústame dicilo, porque hai moita xente que igual non sabe que pode facer uso delas gratuitamente”, insiste.

2.250 euros en premios

O feito de contar con este circuito foi enfocando a Feira da Ulloa cara as competicións de velocidade e andadura. “Nós non facemos doma nin demostracións, que é algo no que se centran outras citas que non teñen instalacións onde facer carreiras”, explica Raúl. Dende que se creou, cabalos e eguas de diferentes razas e procedencias compiten neste circuito palense por acadar os mellores resultados e lograr os 2.250 euros en premios que se reparten nas 9 probas.

As competicións de velocidade e andadura son o sinal de identidade da Feira de Vilar de Donas, con presenza de xinetes internacionais

“Aquí viñeron competir en andadura e morfoloxía os mellores animais de Galicia”, lembra o presidente de A Capela. O ano pasado os vencedores na modalidade de velocidade foron Adrián Mariño, co seu cabalo Sal Alem, e Adrián Arias, con Rayo de Luna. Kacique, de Iván Ríos, fíxose co premio de beleza. Nas categorías de andadura impuxéronse Bruno Lomba , Javier Gómez e Roberto Lage. Dylan Lafuente, de dez anos, e Javier Gómez, de 60, foron galardonados por seren o xinete máis novo e o máis veterano, respectivamente.

A carreira de burros é outro dos puntos fortes do día e un dos momentos que logra máis animación. En Vilar de Donas celébrase a segunda das carreiras deste tipo creada na provincia de Lugo, a máis veterana xunto coa que ten lugar durante as festas de Escairón, no Concello do Saviñao. Este ano súmouse a esta modalidade Guitiriz, que a incluíu dentro do programa da Feira de Cantería, Callos e Artesanía de Parga celebrada a pasada fin de semana. Na carreira de burros o gañador en Vilar de Donas o ano pasado foi Andrés Pérez, con Melendi.

Actividades vinculadas ao medio ambiente e á loita contra o lume

Feira Cabalo Vilar de Donas1A asociación A Capela, que ten ademais de veciñal carácter cultural e deportivo, realiza máis actividades ao longo do ano, vinculadas moitas delas ao medio ambiente e a manter as actividades de convivencia entre os veciños do medio rural. Durante máis de 20 anos celebraron, por exemplo, unha marcha cicloturista pola comarca en defensa da Galicia verde e fan actividades de concienciación e loita contra os incendios forestais onde tratan de involucrar aos máis novos.

A próxima iniciativa que van poñer en marcha consistirá nunha plantación de árbores autóctonas no entorno do circuito de carreiras, unha actividade que servirá tamén como campaña de concienciación contra o lume entre os máis pequenos. “As pistas foron feitas no monte. Ao lado hai unha área recreativa con sombra, pero arredor do circuito de carreiras collen máis árbores. A idea é apadriñar as árbores, que participen os colexios da comarca e que cada neno ou nena plante unha árbore, que levará o seu nome para que logo vaian todos os anos o día da Feira a velo”, explica Raúl. Unha interesante iniciativa que conta tamén co apoio do Concello de Palas.

Un lugar con historia en pleno Camiño de Santiago

Palas de Rei atópase en pleno corazón do Camiño de Santiago e parroquias como a de Vilar de Donas atesouran un importante valor patrimonial. A igrexa de Vilar de Donas foi declarada Ben de Interese Cultural no ano 1931 dentro do catálogo de monumentos do patrimonio histórico de España. Situada en pleno Camiño de Santiago, está considerada un dos exemplos da arte románica.

Formaba parte do couto medieval de Vilar de Donas, do que aínda se conservan varios marcos históricos de pedra que delimitaban o seu perímetro. Trátase de fitos de pedra, coa cruz de Santiago en baixorrelevo nunha das súas caras, que delimitaban o perímetro do priorato santiaguista de Vilar de Donas. O couto estaba formado polos terreos explotados directamente polo mosteiro, froito dunha doazón de 1194.

Este feito histórico mesmo deu lugar á creación da Asociación de Cabaleiros Santiaguista do Priorato de Vilar de Donas coa intención de aunar o mundo do cabalo co Camiño de Santiago e coa defensa do patrimonio.

FEIRA DO CABALO DA COMARCA DA ULLOA 2019

ImprimirImprimirImprimirImprimir

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información