Vázquez viaxa a Bruxelas para trasladar as súas ideas sobre a reforma da PAC

A conselleira reuniuse co director xeral adxunto da Dirección Agri da Comisión Europea. Anuncia que a Xunta agarda ter antes do verán o visto bo da UE para o decreto de artesanía alimentaria

Vázquez viaxa a Bruxelas para trasladar as súas ideas sobre a reforma da PAC

Reunión de Ángeles Vázquez en Bruxelas.

A titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Gandería, Belén do Campo, desprazáronse a Bruxelas para participar en diversos actos. Un dos obxectivos da viaxe era a reunión que mantiveron co director xeral adxunto da Dirección Agri da Comisión Europea, Rudolf Moegele, a quen a expedición galega lle trasladou as ideas da Xunta sobre a futura reforma da PAC, agora mesmo en negociación entre os 28 Estados membros da UE.

Vázquez avogou na xuntanza por unha futura Politica Agraria Común (PAC) ben dotada de presupostos e que manteña os seus dous piares básicos, axudas directas e medidas de desenvolvemento rural. A conselleira lembrou que as axudas son fundamentais para manter “rendas dignas” nas explotacións.

No encontro, a titular de Medio Rural trasladoulle tamén ós responsables comunitarios o contido do borrador de decreto de artesanía alimentaria que prepara o seu departamento. Tras a reunión, Vázquez amosou a súa confianza en que a Comisión Europea lle dea o seu visto bo ó decreto antes do verán. O texto irá proximamente ó Consello da Xunta, segundo sinala Medio Rural en nota de prensa.

Foro de Arepo
Á tarde, a conselleira participou nun foro organizado pola Asociación de Rexións Europeas para os Produtos de Orixe (Arepo), no que tamén interviron o presidente de Agaca, José Montes, e o presidente da Asociación Española de Denominacións de Orixe (Origen España), Jesús González, que é ademais presidente do consello regulador das indicacións xeográficas protexidas de carne de vacún de Galicia.

Vázquez lembrou neste foro que Galicia conta con 33 denominacións e indicacións xeográficas protexidas, o que sitúa á comunidade como terceira no ámbito español en selos de calidade, tras Cataluña e Andalucía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información