Unións insta á Xunta a liberar os pagos pendentes das axudas da PAC

A organización agraria calcula que a Administración aínda debe abonarlle máis de 100 millóns de euros ás explotacións agrarias. Sostén que Medio Rural ten autorización comunitaria para ese pago desde o 1 de decembro

Unións insta á Xunta a liberar os pagos pendentes das axudas da PAC

O sector cobrou un primeiro anticipo da PAC no mes de novembro.

Unións Agrarias solicita que Medio Rural proceda a completar os pagos da PAC, pois a organización agraria calcula que aínda quedan sen abonar arredor da metade dos cartos, máis de 100 millóns de euros dun total de 210. Desde Unións aseguran non entender como a Administración aínda non liberou os cartos, pois sostén que conta con autorización comunitaria para iso desde o 1 de decembro.

“Temos unha acumulación de crises de baixos prezos, lumes e seca que levou contra as cordas ao medio rural de Galicia, polo que o cobro de axudas é imprescindible para aportarlle certa liquidez ó sector primario”, advirte a organización agraria en nota de prensa. Unións lembra que en sectores como a castaña ou o viñedo, houbo familias que perderon a totalidade da súa colleita, en tanto a gandería de carne viuse moi afectada pola seca e as xeadas.

A organización agraria reitera as demandas do sector de axudas directas para afrontar as dificultades, “se ben Medio Rural preferiu negar a evidencia e seguir cunha política de propaganda, no canto de afrontar a realidade”, cuestionan.

Unións incide tamén na falta de interlocución que atopan na Consellería e critican, por último, a campaña de requerimentos fiscais que se está a dirixir contra as explotacións que fixeron cesións de dereitos do pago único da PAC, “a pesar de que esas accións non tivesen carácter económico”, sinalan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información