Solicítanlle á Xunta que as indemnizacións por danos do lobo se cobren nun máximo de 6 meses

O-Xan solicita tamén que se actualicen as indemnizacións e que se cubran os custos da eutanasia ao gando malferido

Solicítanlle á Xunta que as indemnizacións por danos do lobo se cobren nun máximo de 6 meses

Ovella vítima do ataque do lobo

O-Xan, un grupo de opinión sobre a xestión dialogada do lobo en Galicia, solicítalle á Xunta que as indemnizacións por danos deste cánido se cobren nun prazo máximo de 6 meses. Actualmente os gandeiros chegan a tardar ata máis de 2 anos en cobralas.

O pasado 28 de Decembro a Consellería de Medio Ambiente publicou as axudas para paliar os danos producidos polo lobo en Galicia. Dende o Xan salientan que “por primeira vez en máis de 4 anos a Consellería de Medio Ambiente tenta de poñer fin ao manifesto atraso de máis de dous anos no pago destas indemnizacións que os gandeiros levan sufrindo todo este tempo”.

Solicitan que se actualicen as indemnizacións e que se cubran os custos da eutanasia ao gando malferido

Para que isto non volva a acontecer, dende O-Xan propoñen que a Xunta estableza un prazo máximo de 6 meses dende a data de solicitude para o pagamento das indemnizacións. “Entendemos que este é un prazo asumible por ambas partes e que non existen motivos para repetir a situación actual”, subliñan.

En canto ós importes, dende O-Xan lembran que non se modificaron dende o ano 2009 e que os custes veterinarios para a práctica da eutanasia ao gando non están cubertos. “Estes deberían ser puntos a mellorar nas seguintes convocatorias”, reclaman. Por outra banda, para axilizar os trámites propoñen que se engada na Oficina Agraria Virtual un sistema de solicitude rápida.

Ademais, o colectivo considera que “o énfase débese poñer na prevención e dende O-Xan estamos xa a traballar en propostas que faremos públicas en breve”.

Por último, O-Xan considera que a situación actual, na que os gandeiros tardan ata máis de dous anos en cobrar, “pode levar a unha desafección dos gandeiros na reclamación dos danos e a un incremento da conflitividade”.

O-Xan

O-Xan é un grupo de opinión aberto de opinión para a xestión dialogada do lobo en Galicia. Está integrado por agrupacións gandeiras (ACRUGA, OVICA, PURAGA, SGPF) e gandeiros a título individual, cazadores (UNAC, UNITEGA), entidades conservacionistas (AGCT), investigadores (CIAM, USC, Universidade de Oviedo) e técnicos vinculados coa xestión e conservación do lobo en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información