SLG e a Deputación de Lugo buscan mellorar a formación agraria

SLG e a Deputación de Lugo buscan mellorar a formación agraria

Isabel Vilalba, Xabier Gómez Santiso e Darío Campos

A secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, e o coordinador dos sectores gandeiros do Sindicato Labrego Galego, Xabier Gómez Santiso, mantiveron este luns unha xuntanza de traballo co presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, para abordar a problemática do que consideran “baleiro deixado pola Xunta de Galicia na formación profesional de labregos e labregas a causa dos recortes”.

O encontro enmárcase nunha rolda de contactos iniciada pola organización agraria, na que se están a manter xuntanzas con outras institucións (concellos, deputacións, etc.) “de cara a conseguir apoios para o desenvolvemento de actividades formativas indispensables para o desenvolvemento profesional no eido agrario”, mediante a sinatura de convenios de colaboración.

Neste sentido, o Slg critica que “a formación que antes era gratuíta ou subvencionada, agora debe ser custeada integramente polas persoas interesadas, unha problemática que se agudiza no rural, xa que o dispendio económico agrávase pola obriga do alumnado a desprazarse longas distancias, cando non pola imposibilidade de asistir presencialmente aos cursos”.

Un bo exemplo disto que foi amplamente tratado no encontro entre Isabel Vilalba e Darío Campos son os cursos de incorporación de xente moza á actividade agraria. Trátase dunha formación obrigatoria con grande demanda na provincia de Lugo que permite acceder ás axudas de primeira instalación de agricultoras e agricultores mozos. “Evidentemente, este tipo de formación é moi completa e custosa e non é posible sen un apoio económico que permita impartir os cursos de maneira gratuíta ou a prezos populares”, advirten dende o Sindicato Labrego.

Fomento da agroecoloxía e dun modelo agrario alternativo ao dominante

Para o Sindicato Labrego Galego, a formación non só é necesaria para que os e as profesionais do agro teñan as aptitudes suficientes para levar a cabo competentemente a súa profesión. “Ademais diso, -aseguran- a nosa proposta formativa supón unha alternativa ao actual modelo agrogandeiro e forestal dominante, que se basea en criterios produtivistas cuxo obxectivo é proporcionar materia prima barata ás industrias alimentarias e forestais e que é extremadamente vulnerable a crises de prezos como a que padecemos na actualidade”.

Pola contra, dende o Slg destacan que a súa aposta é “por uns contidos formativos baseados en criterios como a sustentabilidade, a extensificación das producións, a vinculación e conservación do territorio onde se desenvolva a profesión agrogandeira ou forestal, e o aproveitamento dos recursos locais”. “É dicir, formamos labregos e labregas dende o punto de vista da agroecoloxía, ofrecendo unha formación alternativa ao discurso máis común nas zonas agrogandeiras do país”, subliñan.

Como expresión de todo isto o Slg salienta a súa oferta formativa en agricultura ecolóxica, gandería ecolóxica, produción de forraxes, elaboración de fitosanitarios naturais ou recolección e conservación de sementes, entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información