¿Que vai cambiar para os agricultores e gandeiros coa nova PAC?

Diversos expertos avanzan en Santiago que a nova PAC non entrará en vigor ata o ano 2022 ou 2023 cun orzamento, polo menos, entre un 5 e un 8% inferior. Máis esixencias medioambientais e máis poder de decisión para os Estados e as rexións sobre as axudas do primeiro piar ou pagos directos.

Publicidade
¿Que vai cambiar para os agricultores e gandeiros coa nova PAC?

Unha redución do orzamento comunitario de arredor do 10%, maior esixencia de cumprimento de medidas medioambientais e de benestar animal na gandería e na agricultura ou un novo modelo de xestión -delivery model- das axudas do pagos directos máis sinxelo, no que a UE só establecería obxectivos xerais e os estados membros ou mesmo as rexións como Galicia poderán deseñar as súas propias estratexias e criterios para conseguilos.

Estes son algúns dos moi probables cambios que terán as axudas da Política Agraria Común (PAC) a partir do ano 2020, segundo avanzaron este martes en Santiago destacados membros das institucións comunitarias na xornada sobre a repercusión da nova PAC en Galicia, unhas axudas que constitúen o primeiro capítulo de gasto do orzamento da UE, un 40% nestes momentos, aínda que nos anos 70 constituía o 70%-.

¿Que cambios se prevén?

Á espera da proposta concreta que presentará no mes de xuño a Comisión de Agricultura, unha vez que nos mes de maio se coñeza o marco financeiro ou orzamento plurianual da Unión Europea, os cambios que se aveciñan segundo os expertos participantes na xornada son os seguintes:

-Máis obrigas de protección do medio ambiente. Nunha consulta pública realizada o pasado ano pola Comisión Europea, na que se recibiron máis de 300.000 respostas, sobre cales deberían ser as prioridades da nova PAC, o 92% dos non agricultores e o 64% dos agricultores defenderon que as axudas deben estar ligadas á protección do medioambiente e á loita contra o cambio climático. É o que a Comisión Europea pretende implantar na nova PAC.

-Os Estados e as rexións terán máis poder nas axudas do primeiro piar ou pagos directos, dependendo menos de Bruxelas. É dicir, camiñarase cara unha maior subsidiariedade e simplificación das axudas, de forma que os estados membros e mesmo as rexións terán máis marxe de manobra para decidir como e en que invisten as axudas do primeiro piar da PAC ou pagos directos. Ata agora esta medida viña establecida por Bruxelas, pero a intención é que na nova PAC “a Comisión estableza uns obxectivos xerais, ligados a esa estratexia dunha agricultura máis sostible e máis resiliente, e a maneira en como se logren eses obxectivos e os criterios serán establecidos polos propios países”, explicou Carlos Martín Óvilo, responsable do mercado lácteo da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea.

¿Implicará esta maior subsidiariedade unha renacionalización e unha fragmentación do mercado común? En principio non, coincidiron os expertos que participaron na xornada.

Galicia poderá establecer o seu propio plan para as axudas do pago directo, aínda que Madrid quere centralizalo

O que si podería ser unha ocasión excelente é para que Galicia, e outras Comunidades Autónomas, podan establecer os seus propios plans con criterios para as axudas do primeiro piar, negociando directamente con Bruxelas medidas adaptadas para as súas condicións específicas. Así, César Cortes, Xefe da Unidade 1B de Desenvolvemento Rural do Consello da UE aclarou que “a Comisión dixo que os plans rexionais terán cabida na nova PAC en estados como Alemaña ou España nos que as competencias en medio rural son rexionais”. Sen embargo, recoñeceu que no caso de España o Goberno Central xa se adiantou para establecer un Plan Nacional: “En España non está claro como se integrará o primeiro piar nos 17 plans rexionais. É algo que se está a debater pero Madrid quere decidir sobre os pagos directos cun plan nacional”.

A este respecto, Carlos Cabanas, Secretario xeral de Agricultura e Alimentación do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama), recoñeceu que “imos elaborar unha Estratexia de Agricultura, Clima e Medioambiente”, ao considerar que os criterios para as axudas do primeiro piar da PAC “son dos Estados membros”.

En todo caso, recoñeceu que “preocúpanos este modelo de delivery model, no que cada estado emprenderá distintos camiños para lograr os mesmos obxectivos e por iso pedimos máis información á Comisión”. “Podería provocar que haxa moitas máis correccións financeiras aos Estados membros por parte da Comisión Europea”, advertiu.

-Aumentarán os pagos por superficie, e menos por dereitos adquiridos.
É o que esixen os países do Leste para igualar as axudas que perciben os seus produtores coa media da UE.

-Máis axudas para a incorporación de mozos e mozas ao agro.

-Manterase o paquete lácteo e o Observatorio do Mercado Lácteo da UE, para seguir dotando de transparencia ao mercado.

¿Van baixar as axudas da PAC?

Dáse por descontado que si debido a que o Brexit provocará unha diminución duns 10.000 millóns de euros no orzamento comunitario e a que a Comisión Europea quere dedicar máis diñeiro a políticas de defensa, inmigración e fronteiras.

Todo se concretará cando se saiba de cantos cartos se vai dispoñer e iso será o día 2 de maio, cando se adoptará a decisión sobre o marco financeiro plurianual da Comisión Europea.

“A visión máis optimista é que o orzamento da PAC baixará entre un 5 e un 8%”

En todo caso, César Cortes subliñou que “ninguén cuestiona que haberá redución do orzamento para a PAC. O tema é o canto, e a visión máis optimista é a dunha redución de entre o 5 e o 8%”. Outras fontes próximas ás negociacións en Bruxelas apuntan a que un escenario realista sería unha redución do orzamento da PAC de entre un 10 e un 15%.

¿Cal é a posición de España?

Por parte do Goberno Español, Carlos Cabanas lembrou que “o Goberno está disposto a incrementar a aportación do Estado para paliar esta caída de orzamento, pero habería que convencer tamén aos demais estados membros”.

No que si hai unha posición clara é no rexeitamento á renacionalización da PAC a través da cofinanciación das axudas, tal e como defenden algúns estados que son contribuidores netos, caso de Holanda. España está a tecer alianzas cos países do Sur de Europa, aos que tamén se uniu Francia, para manter o actual modelo da PAC.

A posición de España resumiuna Carlos Cabanas nos seguintes puntos: “Pedimos un regulamento de transición mentres non entra en vigor a nova PAC, que non haxa atrasos nos pagos das axudas aos agricultores e gandeiros, uns orzamentos adecuados para máis medidas medioambientais, non á confinanciación e un menú amplo de medidas e manter os pagos acoplados, sobre todo para o sector lácteo”.

¿Cando se prevé que se comece a aplicar a nova PAC?

O feito de que haxa eleccións ao Parlamento Europeo no 2019 adiará o calendario de aprobación e aplicación da nova PAC, xa que haberá que agardar a que constitúa a nova Eurocámara e a nova Comisión para seguir cos traballos da nova PAC.

Prevese que a nova PAC non entre en vigor ata o 2022 ou 2023

Segundo Carlos Cabanas, “o razoable é que a nova PAC entre en vigor no ano 2022 ou no 2023”, de forma que no 2021 seguirase coa PAC antiga e co orzamento anterior.

O Comisario Europeo de Agricultura visitará Galicia nos próximos meses

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

A xornada sobre a repercusión da nova PAC en Galicia foi inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen adiantou que nos próximos meses visitará a comunidade o Comisario Europeo de Agricultura, Phill Hogan, para coñecer de primeira man a realidade do sector agrícola e gandeiro do país.

Tanto Alberto Núñez Feijóo como a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, manifestaron a súa oposición a renacionalización das axudas da PAC, xa que beneficiaría aos agricultores e gandeiros dos países máis ricos da UE. Ademais, reclamaron que se teñan en conta as singularidades de Galicia como son a importancia do sector lácteo e cárnico, a dispersión da poboación no rural ou o minifundismo, con 500.000 hectáreas de superficie agraria útil que están repartidas entre 15 millóns de parcelas.

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información