A privatización da auga no rural multiplica ata por dez o seu custo para os veciños

As comunidades de traídas veciñais advirten de que se lles está a denegar a renovación de concesións “para favorecer ó lobby empresarial”. Os primeiros problemas rexístranse no Baixo Miño

A privatización da auga no rural multiplica ata por dez o seu custo para os veciños

Obras nunha traída veciñal de augas. / Imaxe: Coxapo.

As comunidades de traídas veciñais, claves no abastecemento de auga no rural durante décadas, enfróntanse a un futuro incerto. En distintos concellos do sur de Galicia, como Tui, estáselles denegando ás comunidades veciñais a renovación das concesións de captación. O motivo, a posta en marcha no mesmo territorio de redes públicas, entregadas en concesión a empresas privadas.

“Queren impoñer a privatización da auga en Galicia”, advirte Rafael Carrera, da asociación Coxapo, que engloba a comunidades de traídas veciñais de toda Galicia. Desde Coxapo defenden a eficiencia da autoxestión das augas e advirten dos custos que terán para os veciños as redes públicas en concesión.

“Un veciño de Tomiño paga 50 euros ó ano coa autoxestión da auga. Coa rede municipal, unha vivenda do rural con gran consumo pode pagar 54 euros ó mes”

O colectivo pon o exemplo de Tomiño, un concello do sur de Pontevedra no que hai 37 traídas veciñais. “Agora mesmo o custo para os veciños do mantemento das traídas veciñais de Tomiño ronda os 50 euros ó ano. Coa rede pública que xestiona Aqualia, unha vivenda do rural que teña horta e animais para autoconsumo, cun gasto de 1.200 litros día, podería pagar ata 54 euros ó mes” -compara Carrera-. “Os sistemas de autoxestión son claramente máis eficientes e non estamos de acordo con que se queiran eliminar as traídas veciñais para beneficiar a un lobby empresarial”, cuestiona.

Normativa
A Confederación Hidrográfica Miño Sil ten previsto manter reunións informativas nos concellos do Baixo Miño para abordar a situación. O organismo advirte de que a normativa non permite que exista máis dunha concesión por usuario, polo que se o Concello, a través dunha traída municipal, pode dar servizo a usuarios que viñan usando outra traída, a petición de renovación da concesión desa traída será denegada.

A normativa non permite que exista máis dunha concesión por usuario

Só se permitiría a continuación da captación veciñal no caso de que por cuestións de orografía ou outras, o abastecemento municipal non puidese proporcionar suministro.

As comunidades veciñais, pola súa banda, cuestionan a normativa. Non entenden por que hai que priorizar as redes públicas fronte ás veciñais preexistentes. “As comunidades veciñais de augas encabezaron un proceso de modernización que se acometeu en Galicia a finais dos 60 e nos anos 70. As traídas fixéronas os propios veciños, con pico e pala, con man de obra propia e material propio”- reivindica Coxapo-. “Ás administracións correspóndelles en todo caso apoiar estas traídas, non tentar rematar con elas”, critican.

Accións
O malestar dos comuneiros de augas levou ó inicio dunha campaña de recollida de sinaturas, que xa leva recabados 15.000 apoios, e á celebración de asembleas de afectados e de reunións con partidos políticos. “Queremos que esta situación se aclare no Parlamento galego. Por que todo isto?” -cuestiona Rafael Carrera.- “Pensamos que se quere entregarlle a xestión da auga a un monopolio formado por catro ou cinco grandes empresas”.

Os problemas máis serios ata o de agora rexistráronse en Tui (Pontevedra), onde cinco comunidades veciñais xa viron denegadas a súa petición de renovación de concesión, con indicación de que deben conectarse á rede pública. “En Tui, Porriño, Mos e Salceda está en marcha o Consorcio do Louro, un organismo participado pola Xunta que está a extender as traídas municipais -xestionadas por unha unión temporal de empresas-. A Xunta di que a 100 metros desa rede, os veciños están obrigados a conectarse á mesma. Queremos que se modifique esa norma. Preocúpanos non só o caso de Tui, senón o precedente que senta a nivel de toda Galicia”, advirte Rafael Carrera.

A píntega rabilonga, barómetro da seca

As escasas precipitacións da primeira metade do ano fan prever un verán duro para os manantiais, se ben para Rafael Carrera, de Coxapo, non se trata dun problema inesperado. “Podemos ter uns problemas de seca similares ós do ano 2005” -valora-. “Nós contamos cuns vixilantes impresionantes que nos permiten detectar con antelación cando se aveciñan secas ou inundacións. Son as píntegas rabilongas”, sinala Carrera.

Os anfibios, presentes nos manantiais, semellan pronosticar a meteoroloxía por vir con gran antelación, segundo explica Rafael Carrera: “Cando van desovar á parte subterránea dos manantiais, en lugar de facelo nas zonas superficiais, vemos menos píntegas e dámonos de conta de que se aveciña un ano seco. Esta campaña, ademais, as crías comezaron a aparecer inusualmente cedo, en xaneiro, cando o normal é que non cheguen ata o verán” -advirte-. “Nós temos a píntega por un barómetro eficaz”, valora.

De cara a este verán, Coxapo recoñece que son previsibles os problemas, se ben sinala que na seca do 2005 moitas comunidades xa adoptaron medidas paliativas, como a creación de pozos de barrena de emerxencia para abastecer ós núcleos de poboación en casos extremos.

image_print

Una idea sobre “A privatización da auga no rural multiplica ata por dez o seu custo para os veciños

  1. IRENE (Comunera Auga)

    Paréceme mentira que se faga unha “normativa” con tanto morro!!!!. Estóu de acordo que un usuario teña solo un abastecemento, porque hay moito abusón en canto o consumo sin importarlles o resto de usuarios, pero NON ESTOU DE ACORDO en que a Administración obrigue a que teñas que conectarte a rede pública cando xa tés tí a túa propia. Meus pais, con tódolos veciños, cabaron as zanjas coas súas mans, e invertiron unha boa parte dos seus aforros en materiais e infraestructuras para que todos teñamos agua. E agora que xa está todo montado, e ben cuidado, a Administración QUERE ROUBARNOS AS NOSAS PROPIEDADES, E POR SI FORA POUCO QUE PAGUEMOS POR ELAS DOCE VECES MAIS DO QUE VIÑAMOS PAGANDO. Son ladróns “legales”.- Si xa está instalada unha rede de agua en funcionamento NON HAY CABIDA a que fagan outra no mesmo territorio, sexa o Concello, sexa a Administración, ou sexa o cura. Os veciños que o traballaron, e que o manteñen, saben perfectamente o que teñen que facer, sin abusar uns dos outros, e con unha xestión limpa e transparente. ¿ A Administración, vai a devolverlle ós veciños toda a inversión que fixeron nas infraestructuras (canales, pozos, maquinaria…) das que quere apoderarse?? ¿¿Vai a permitirlles os veciños seguir ca cuota que teñen hasta que se amortize o capital que está invertido?? NO, só pensan en como sacarnos máis cartos (ademáis de roubarnos a nosa agua). E cando o consigan virán a decirnos que crearon un montón de postos de traballo (os que van a malxestionar as nosas propiedades, e encima nos cobran por elas o mes, o que pagabamos por ano) UN ATUTENTICO ROUBO E ABUSO DAS ADMINISTRACIONS!!!!!

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información