Patrimonios ficticios no ‘catastrazo’ de rústica

Grupos da oposición e organizacións agrarias advirten do contrasentido de que os xubilados teñan que pagar por cortes que non utilizan e que non teñen valor de mercado no rural. Unións Agrarias reúnese hoxe coa Xunta polas becas de estudo dos fillos de gandeiros

Patrimonios ficticios no ‘catastrazo’ de rústica

O agro demanda solucións políticas ós problemas que introduce a renovación catastral de rústica.

A revisión catastral de rústica, que xa emprenderon un 70% dos concellos galegos, vai camiño de convertirse nun culebrón ó longo deste ano. O debate xa chegou ó Parlamento galego, onde os grupos da oposición demandaron solucións por parte da Xunta ós problemas derivados da revisión catastral, coñecida popularmente como ‘catastrazo’. A oposición cuestiona situacións como a que poden enfrontar os pensionistas, que se verán obrigados a pagar na contribución (IBI) por cortes e naves que xa non utilizan e que non teñen valor de mercado no rural, pois non hai a quen venderllas.

As propostas para que a Xunta interveña na cuestión catastral foron unánimes na comisión de Agricultura do Parlamento por parte do Partido Socialista, Alternativa Galega de Esquerda (Age) e Bloque. “O financiamento dos Concellos ten que vir por outro lado. Non se pode machacar á pouca xente que vive e traballa no rural”, expuxo Tareixa Paz (Bng). “Aquí é onde tiña que estar Feijoo para demostrar a súa filosofía de impostos cero no rural”, cuestionou Pablo García (PSdeG). “Dirán que non é competencia da Xunta, que lle corresponde a Catastro (Ministerio de Hacienda), pero este é un problema político de Galicia e teñen que actuar”, culminou Antón Sánchez (Age).

Os grupos políticos coinciden na necesidade de regularizar novas vivendas ou ampliacións, pero discrepan no resto

O representante de Age puxo como exemplo á situación á que se enfrontan os pensionistas. “Alguén que cobre unha pensión mínima e que teña que pagar por cortes que xa non usa, podería ter que abonar no IBI ó equivalente ó 5% da súa pensión anual” – sostivo Antón Sánchez.- “Se ese 5%, en lugar de recadalo de persoas en precario, llo aplicaran en impostos ás grandes fortunas, xa verían como habería recursos para a Administracións”, propuxo.

Piscinas no rural
Por parte do grupo popular, interviu na comisión de Agricultura do Parlamento Isabel García, que acusou de demagoxia política ós grupos da oposición. “A revisión catastral non se trata de afán recaudatorio nin de poñer atrancos no rural, senón de regularizar a situación. Hai vivendas non declaradas, ampliacións de vivendas que non se declararon e ata se atoparon 3.500 piscinas. Todo iso había que dalo de alta”, suliñou.

A oposición concordou co Partido Popular na necesidade de regularizar a situación das vivendas no Catastro, pero cuestiona a inclusión de galpóns, granxas e naves gandeiras no IBI. Isabel García, pola súa banda, lembrou que os Concellos poden establecer bonificacións e fixar tipos mínimos para o IBI de rústica, unha cuestión que, asegurou, non sempre fan os concellos gobernados por socialistas e nacionalistas.

Impacto nas becas de estudo

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, ten prevista hoxe unha reunión de traballo cos conselleiros de Medio Rural e de Educación para abordar o impacto da revisión catastral nas becas de estudo dos fillos de agricultores e gandeiros.

Esta mesma semana, a Xunta anunciou que lle trasladará ó Ministerio de Educación a necesidade de que o Catastro evite a catalogación de bens inmobles rústicos do rural (granxas, galpóns, naves) como bens urbanos. Tal práctica, que xa se verificou nalgúns concellos, ademais de xerar un recibo da contribución máis cuantioso, pon en risco as becas de estudo de fillos de gandeiros.

Unións Agrarias pide que a Xunta habilite a súa propia liña de becas se non se pode resolver o problema co Ministerio

Unións Agrarias está de acordo en que se corrixa este problema, pero advirte de que hai que resolver outras cuestións. A clave, mantén a organización agraria, está en eliminar o limiar marcado por Educación de 13.100 euros en valor de propiedades rústicas por membro da familia, xa que unha vez que remate o ‘catastrazo’, cando as granxas, galpóns e naves agrícolas se cataloguen como patrimonio rústico, serán “centos de familias” ás que aparecerán cun patrimonio que rebasará ese limiar.

Ese patrimonio, advirte Unións Agrarias, constituirá un “lastre insuperable” para acceder ás becas, cando en realidade trátase dun “patrimonio ficticio” sen valor de mercado, cuestiona. Unións pide que a Xunta intermedie para resolver esta situación e, no caso de que non fose posible, que habilite unha liña propia de financiamento para becas de estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información