Os tractores causan o maior número de accidentes mortais no agro

Unha tese de Xosé Manuel López Gallego analiza as condicións laborais no rural galego

Os tractores causan o maior número de accidentes mortais no agro

Xosé Manuel López, autor da tese sobre siniestralidade laboral no agro.

Os vehículos de motor, especialmente o tractor, son os equipos de traballo que presentan unha maior taxa de sinistralidade letal nas explotacións agropecuarias de Galicia, en tanto as motoserras son o equipo que causa a maior taxa de sinistros, moitos deles tipificados como leves, aínda que propician longos períodos de baixa. Estes datos figuran entre as conclusións da tese de doutoramento presentada polo enxeñeiro agrícola e técnico superior en Prevención de Riscos Laborais Xosé Manuel López Gallego na Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago).

O traballo, que leva por título ‘Condicións de traballo, riscos e sinistralidade nas explotacións agropecuarias de Galicia. Análise de situación e propostas de mellora’, foi dirixido polos profesores Martín Barrasa, da área de Proxectos de Enxeñaría, e Xoán Carlos Carreira Pérez, de Enxeñaría Agroforestal. A tese analiza os datos obtidos a través dos partes de accidente de traballo rexistrados durante o período 2004-2014 no sector agrario en Galicia, facilitados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

Estrutura
A primeira parte do estudo avalía a integridade e fiabilidade dos datos de accidentes contidos nas bases de datos mediante unha dobre auditoría, cuantitativa e cualitativa, mentres que o segundo bloque analiza os datos solicitados tras o proceso de corrección e unificación das bases de datos. A terceira parte componse de catro estudos de detalle centrados accidentes mortais rexistrados no sector, os accidentes relacionados cos traballos de muxidura, os accidentes relacionados co tractor agrícola e os accidentes de traballo nos que interveñen as motoserras (serras de cadea portátiles).

A investigación de doutoramento realizada por López Gallego permitiu identificar unha alta porcentaxe de rexistros que non conteñen información, que foron cumprimentados de forma incorrecta ou que conteñen valores que non se corresponden cos datos especificados na descrición do accidente, causas e circunstancias. Esta situación leva á conclusión de que cómpre introducir cambios e melloras no actual sistema de notificación, incluíndo novos códigos e campos cunha información máis detallada de lugares de traballo, actividades e axentes materiais implicados.

Tribunal de tese e cualificación
O catedrático da área de Proxectos da Universidade de Oviedo, Francisco Ortega, presidiu o tribunal encargado de avaliar a investigación de doutoramento presentada por Xosé Manuel López Gallego. Antonio Brasa, profesor da área de Proxectos da UCLM, e Manuel Marey, catedrático do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría d USC, completaron o tribunal, que resolveu conceder a máxima cualificación académica á citada tese doutoral.

Datos

Accidentes mortais. O 0,34% dos accidentes rexistrados son mortais, deles o 66% prodúcense no subsector forestal, sendo pólas e troncos os axentes materiais asociados á lesión nun 30% dos casos.

Muxidura. Os traballos relacionados coa muxidura representan o 7,09% dos accidentes rexistrados no subsector agrogandeiro, na súa maioría relacionados con animais.

Tractores. Os accidentes con tractores supoñen o 11,33% dos accidentes do subsector agrogandeiro e o 84,09% dos accidentes nos que interveñen máquinas agrícolas, ocorrendo na súa maioría ao subir ou ao baixar do posto de condución. O uso imprudente dos tractores agrícolas, a non utilización de cintos de seguridade, a presenza de pasaxeiros ou a execución de traballos desde o vehículo son outras das causas de sinistros.

Motoserra. É un equipo de traballo que intervén activamente no 5% dos accidentes no agro, un 15,53% no subsector agrogandeiro e un 84,47% no forestal. As prácticas inseguras, procedementos de traballo incorrectos e o escaso emprego de equipos de protección individual e de prendas anti corte agravan notablemente as consecuencias deste tipo de sinistros.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información