Unha das demostracións dunha edición anterior da Feira do Ferro

Os ferreiros volverán ser protagonistas o 14 de abril na Feira do Ferro de Riotorto

Demostracións ao vivo do oficio, exposición e venda de produtos do agro e unha xornada con multitude de actividades e animación para todas as idades daranse cita na edición número 13 da festa

A Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto volverá revivir o vindeiro domingo 14 de abril un oficio que se mantén neste concello da provincia de Lugo vivo coma o lume das forxas necesario para facer os coitelos, navallas ou fouciños que aínda saen da localidade.

Riotorto resístese a que o de ferreiro sexa un oficio en perigo de extinción e busca abrir novos usos e horizontes que permitan a pervivencia dunha tradición que ademais dun do sinais de identidade deste concello constitúe un dos seus principais reclamos e valores turísticos.

Veciños da localidade e dos concellos limítrofes, pero tamén cada vez máis persoas procedentes doutros puntos de Galicia e de Asturias, xuntaranse de novo nas Rodrigas nunha cita xa consolidada que chega á súa edición número 13 mantendo a aposta polas demostracións en vivo, o mercado de produtos de artesanía e do agro e a animación de rúa durante todo o día.

En Riotorto chegáronse a facer 15.000 fouciños por tempada e hoxe aínda hai media ducia de ferreiros en activo

A feira, organizada pola Asociación de Ferreiros en colaboración co Concello, conta ademais cunha gran cantidade de actividades complementarias que converten a xornada en moito máis que unha demostración do traballo que realizan os ferreiros. Daranse cita, coma todos os anos, grande cantidade de expositores de todo o municipio e os seus arredores e a exposición e venda tanto de artesanía como de produtos do campo alongarase durante toda a xornada desde a apertura da feira ás 11 da mañá.

Haberá tamén espectáculos de lecer, animación musical a cargo do Coro de Riotorto, da charanga Louband e dos gaiteiros da localidade e outras actividades destinadas aos máis pequenos como talleres infantís e espectáculos de animación. O programa deste ano incluirá tamén a presentación do libro A idade do Ferro, de Xosé Salgado, sobre a tradición dos ferreiros. O recinto feiral contará ademais con carpa á beira dos colexios de Riotorto e haberá postos de comida e pulpería, na que tamén se servirá unha pulpada popular o día antes pola noite.

O atractivo de ver traballar o ferro en directo

Distintos produtos creados polos ferreiros locais

Distintos produtos creados polos ferreiros locais

O lume da forxa, a cor vermella do ferro incandescente e o son rítmico dos martelos mazando no metal para darlle forma volverán ser os atrativos centrais da xornada. As demostracións ao vivo dos ferreiros locais, que teñen lugar tanto pola mañán coma pola tarde, serán coma sempre os actos máis concorridos do día e os que máis expectación levantan entre os asistentes. Xuntaranse un ano máis mestres do oficio de Riotorto pero tamén outros chegados da Fonsagrada, Oscos, Santiago de Compostela, O Corgo, Navarra ou Austria.

Aínda que o mundo do ferro e dos ferreiros é o eixo central da feira, na cita tamén haberá demostracións doutros oficios e técnicas artesás a cargo de profesionais chegados de distintos puntos de Galicia, como alfarería de Buño, cestería, torneado de madeira, pirogravado ou cristal tallado.

Empuxe económico para a localidade

A feira en si constitúe un importante evento de dinamización económica local. Este pequeno concello a camiño entre a Mariña e as comarcas de Meira e a Terra Chá multiplica ese día a súa poboación no que se considera tamén o mellor día do ano para a economía local pola pegada que deixan as visitas no comercio e a hostalería.

Riotorto pode presumir tamén doutras iniciativas empresariais vinculadas ao sector agrogandeiro que son fundamentais na vida do municipio, como Embutidos O Mazo no sector cárnico, Queixos Don Hilario no lácteo ou Hortícolas Javier Miranda no da horta.

A tradición dos ferreiros de Riotorto

Foto dos ferreiros de Riotorto nunha edición anterior da Feira

Foto dos ferreiros de Riotorto nunha edición anterior da Feira

A Feira da Artesanía do Ferro xurde no ano 2007 como unha iniciativa da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto. O obxectivo desta asociación é darlle pulo e recoñecemento ao oficio do ferro en Riotorto, xa que a vila conta cunha longa tradición de familias de ferreiros.

A primera referencia histórica ao traballo dos ferreiros en Riotorto atopámola na documentación medieval do século XVI do mosteiro de Vilanova de Lourenzá. La tradición dos ferreiros de Riotorto parece provir de Euskadi. Aínda hoxe son moitos os apellidos vascos presentes en familias da localidade, como Chavarría, Legaspi, Lombardero ou Recalde e moitas os vocablos e palabras vinculadas ao oficio procedentes do euskera como aroza, aldabarra, arragua ou bandarria.

A feira pretende poñer en valor un oficio que se está perdendo pero que constitúe un recurso único que Riotorto quere aproveitar para o desenvolvemento turístico e para que a profesión perviva.

Buscando novos camiños para a profesión

En Riotorto chegáronse a facer 15.000 fouciños por tempada e na localidade chegaron a traballar 30 ferreiros. Hoxe son aínda media ducia os ferreiros en activo en Riotorto, e hai outro bo número deles que, xa xubilados, seguen a transmitir o oficio. Todos eles son herdeiros dunha tradición milenaria e sobre eles tamén recae actualmente a responsabilidade de evitar que o oficio desapareza transmitinto eses coñecementos e o valor etnográfico e patrimonial que encerra a profesión ás novas xeracións.

Na maioría dos casos o de ferreiro tratábase dun oficio herdado. Como lle pasa a José Mario Cabo (Jomaca), terceira xeración de ferreiros, a Manuel Alonso Fojaca (MAF) ou a Óscar Villada, unha das últimas incorporacións de xente ao sector, que decidiu continuar co oficio do seu avó e que aos seus 36 anos é o ferreiro máis novo da provincia de Lugo.

Os tres aplicaron ao traballo de ferreiro a innovación necesaria para permitir a supervivencia deste oficio nos tempos de hoxe, mais sen perder a súa esencia tradicional, que é o principal valor a explotar. Mais todos souberon nos últimos anos buscar outras aplicacións ao ferro e abrir novos camiños centrados na artesanía e a forxa decorativa para esta profesión que actualmente se atopa en perigro de extinción na súa vertente de facer unicamente ferramentas agrarias.

O Mazo da Fraga de Ferreiravella

O conxunto etnográfico recuperado do Mazo da Fraga, en Ferreiravella

O conxunto etnográfico recuperado do Mazo da Fraga, en Ferreiravella

Riotorto é un deses pobos con longa tradición de ferreiros. Desde o val de Ferreiravella até a zona de Carboeiro, en todas as parroquias quen máis quen menos tense adicado, en exclusiva ou como complemento á actividade agraria, á profesión de ferreiro. Fouciños, gadañas, coitelos ou aperos e ferramentas saían desta localidade para todo o medio rural galego e para parte da península.

A creación hai unha década da asociación que agrupa aos ferreiros que aínda manteñen vivo este oficio no municipio de Riotorto serviu para poñer en valor esta tradición e comezar a explotala como valor de futuro. Foron distintas as iniciativas postas en marcha nestes anos e Riotorto conta mesmo cunha ruta que discorre por mazos e ferreirías, seguindo o cauce da auga que coa súa forza axudaba ao ferreiro a moldear o ferro saído da forxa e a afialo despois na moa.

De xeito parello comezou unha recuperación do patrimonio etnográfico vinculado ao oficio de ferreiro que permitiu, por exemplo, a rehabilitación e a posta a punto do Mazo da Fraga. Este lugar, onde traballaban os antigos ferreiros, pode ser agora visitado por veciños e turistas de xeito gratuíto e coñecer este oficio e a forma de vida dos que o desenvolvían. O conxunto conta ademais con restaurante, co nome de O Mazo de Ferreiravella.

En Riotorto consérvanse dous mazos: o de Bastián en Espasande de Baixo e o da Fraga en Ferreiravella. Estes mazos, xunto con moas, muíños, centrais, etc, constitúen o centro ferreiro máis importante do Norte da Península, sumando un total de 46 artiluxios situados no curso do río de Ferreiravella, entre a parroquia deste nome e a de Espasande de Baixo: ademais dos dous mazos, hai 5 muíños, unha central hidráulica e 38 moas hidráulicas.

Programa completo da Feira do Ferro de Riotorto

cartel Feira do Ferro 2019

programa ferreiros

programa ferreiros