xose manuel lopez tese sinistros

“Os accidentes no agro non son por mala sorte, débese xestionar a prevención”

Galicia rexistra cada día catro sinistros laborais contabilizados no agro. Falamos con Xosé Manuel López Gallego, autor dunha tese sobre os accidentes no sector agrario e forestal da comunidade

Xosé Manuel López Gallego, técnico superior en prevención de riscos laborais, analizou nunha tese doutoral a situación da siniestralidade laboral no agro galego. Escolleu para o seu traballo a década 2004-2014, a primeira de funcionamento dun sistema, o [email protected], que mellora a recollida de datos dos sinistros, pero que aínda presenta eivas. Durante esa década, Galicia tivo un total de 14.660 accidentes laborais ligados ó sector agrario e forestal, o que representa catro accidentes ó día.

Unha cuestión que subliña na súa tese é a insuficiencia de datos sobre a verdadeira dimensión dos accidentes de traballo no agro. A que se debe esta situación?
– En primeiro lugar, na agrogandeiría, ao ser en xeral un traballo por conta propia, unha persoa non sofre un accidente laboral salvo que pague. Só se computan como accidentes laborais os das persoas autónomas que pagan a cobertura por continxencias profesionais. Se non a pagas, eses sinistros cóntanse como accidentes, pero non laborais. Hai outros factores que tamén dificultan a contabilidade dos sinistros, como o elevado número de axudas familiares que adoita existir no agro, tanto de persoas xubiladas como de estudantes ou de persoas que traballan noutra actividade e botan unha man na casa.

Por último, tamén habería que incidir nun factor estrutural. A maioría dos pequenos accidentes non se notifican porque poden ser molestos pero non incapacitantes, e unha persoa autónoma non adoita darse o luxo de ter baixas.

Cal é o perfil máis habitual das persoas que sofren sinistros laborais no agro?
– Hai diferenzas marcadas en función do sector. En forestal, os accidentes danse sobre todo en persoas menores de 40 anos e con pouco tempo na empresa. Un dato significativo é que a metade dos sinistros do sector forestal rexístranse en persoas con menos de tres meses de antigüidade na empresa. O factor de risco é a falta de experiencia da persoa. Unha motoserra, que é un dos equipos que xenera unha maior accidentalidade, esixe destreza e que o operario saiba como executar os traballos do xeito correcto.

“A maioría de sinistros no sector forestal rexístranse en persoas novas con pouca antigüidade na empresa. No sector agrario sucede o contrario”

En cambio, no sector agrario os accidentes danse con maior frecuencia en persoas de máis de 44 anos e que levan máis de 5 anos traballando na explotación.

O maior número de accidentes mortais rexístranse co tractor. É a idade do tractor un factor claro de risco?
– Un tractor vello non ten por que ser inseguro necesariamente. O problema é se non se lle fai un bo mantemento. No agro hai un limbo normativo porque dentro da explotación, o tractor pódeo conducir calquera, aínda que non teña carné, e tampouco se esixe que ese tractor teña a Itv pasada se non sae fóra da explotación.

Os accidentes con tractores son os máis letais e os que teñen normalmente máis relevancia, pero algo que moita xente non se imaxinará é que os accidentes con animais son máis numerosos que os sinistros co tractor. En dez anos, atopei 1.024 sinistros con gando vacún, polos 978 que houbo con tractor.

Cos animais, detectaches que os maiores problemas rexistránse no muxido, ben por patadas, golpes ou aplastamentos. Destacas na tese que o muxido en praza xera un maior volume de accidentes que o muxido en sala.
– O muxido é o traballo que xenera máis volume de sinistros con animais, aínda que tamén hai que ter en conta que un 23% dos sinistros deste tipo prodúcese con becerros. En canto ó muxido en praza, é certo que hai un maior número de incidencias, xa que o 60% dos sinistros de muxidura danse neste sistema, pero fáltanos coñecer máis datos, igual que nos falta no muxido en sala saber o tipo de sala que é. As bases de datos deberían facilitar máis información, xa que é a vía para aprender do que lle pasou a outros.

O sistema de notificación de accidentes no sector agrario dá unha información moi limitada. Por exemplo, para as segadoras só hai un código. Dá igual que sexa unha segadora arrastrada, suspendida, un robot cortacéspede dun xardín ou unha ‘Bertolina’.

Volvendo ó tractor, ao rexistrarse a maioría de sinistros en persoas con experiencia, pensas que pode haber situacións de exceso de confianza?
– Todos os accidentes danse por erros humanos ou imprudencias. O tractor non é perigoso en si, o problema está no seu mal uso. Se non, como se explica que haxa unha alta porcentaxe de accidentes nos que a víctima caeu do tractor en marcha? Unha de dúas, ou non levaba o cinturón de seguridade ou estaba facendo algo que non debía.

“Sempre pensamos no envorcado, pero un terzo dos sinistros co tractor son por unha cousa tan tonta como subir ou baixar da cabina”

Sempre pensamos no envorcado do tractor, pero cando analizas os accidentes, atopas que un terzo dos sinistros co tractor prodúcense baixando ou subindo da cabina. Hai unha idea cultural de que se un baixa de cara ó tractor é un pouco novato e prefírese baixar de costas ó tractor, en plan ‘experto’, ou mesmo saltando. Pois unha cousa tan tonta como baixar mal do tractor está a provocar baixas prolongadas por danos en tobillos, pernas ou brazos.

É necesario tamén que os deseños dos fabricantes teñan en conta este tipo de sinistros, xa que tende a darselle moita importancia á cabina e pouca o seu acceso e saída.

Que cres que se pode facer no agro para mellorar a prevención?
– Un dato preocupante é que no 39% dos sinistros, o traballador recoñece que o seu posto de traballo non foi evaluado e no 20% dos casos non hai constancia da existencia dun sistema de xestión da prevención. A solución na xestión da prevención só pode vir da Administración, impulsando e mesmo tutelando a implantación de sistemas de xestión adecuados e adaptados ao sector, é o único xeito de que se xeneralice a prevención.

Unha modalidade que sería axeitada para o sector agrario son os servizos de prevención mancomunados. Unha cooperativa ou un conxunto de explotacións dun área determinada poden dotarse dun servizo propio que se encargue da seguridade laboral. Tamén se poderían crear cooperativas orientadas á seguridade.

“Os servizos de prevención mancomunidados serían axeitados para xestionar a seguridade laboral no agro”

Con frecuencia pénsase que os accidentes son cuestión de sorte ou unha fatalidade, como algo normal que che tocou, pero non teñen que ver con iso. Que por exemplo un neno poida ter un accidente por estar xogando no interior dunha explotación na que hai gando e máquinas non pode ser algo normal. A responsabilidade é da explotación, non do rapaz.

Falta concienciación sobre o problema que representan os sinistros no agro. Custan cartos e tempo, a parte do dano que supoñen para o afectado.