Oitocentos proxectos preséntanse ás axudas do plan Leader

Os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) terán que resolver as peticións antes do 30 de xuño. Lugo é a provincia que acumula máis solicitudes, con 261

Publicidade
Oitocentos proxectos preséntanse ás axudas do plan Leader

Ángeles Vázquez, na xuntanza dos GDR.

O novo periodo de axudas do Plan Leader, ata o 2020, que se abriu este ano, recabou na súa primeira convocatoria 883 solicitudes. Ese volume de iniciativas representa un terzo de todas as que se presentaron no periodo anterior (2007-2013).

As iniciativas diríxense a cuestións como dotación de servizos no rural (centros de día, garderías), implantación de novas tecnoloxías de comunicación, rehabilitación de patrimonio ou creación e reforzo de todo tipo de empresas, segundo informa a Consellería do Medio Rural.

En principio, a Xunta fixo un reparto homoxéneo dos fondos dispoñibles para o Leader entre os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) comarcais que se crearon en Galicia, pero desde o ano que vén repartirá os fondos en función do grao de execución dos proxectos de cada GDR. “Os proxectos competirán para ser elixidos, co fin de garantir unha mellor asignación dos fondos públicos”, sinalou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nunha xuntanza cos 24 GDR.

Os Grupos de Desenvolvemento Rural están agora na fase de avaliación dos proxectos presentados -o prazo de presentación rematou o 31 de marzo- e terán que resolver esa primeira convocatoria antes do 30 de xuño.

Reparto provincial
Lugo é a provincia que acumula máis solicitudes, con 261. Desa cifra, 47 foron do GDR de Miño Ulla (Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, Portomarín, Sarria e Taboada) e outras tantas solicitudes do de Terras de Miranda (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove).

En Ourense destaca con 63 solicitudes o grupo A Limia Arnoia (Allariz, Baltar, Bande, Baños de Molgas, A Bola, Os Blancos, Calvos de Randín, Celanova, Entrimo, Lobeira, Lobios, Maceda, Muíños, A Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, Trasmiras, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo da Limia e Xunqueira de Ambía).

En Pontevedra o Condado Paradanta (Arbo, A Cañiza, O Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra do Miño) presentou ata 53 solicitudes seguido das 50 de Baixo Miño (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).

Na provincia da Coruña o grupo máis activo foi o de Seitura 22, que inclúe os concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior. Este GDR presentou ata 53 solicitudes, seguido polo das Mariñas-Betanzos (Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne e Sada), con 40 proxectos presentados.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información