Mastín Leonés vixiando o rabaño Pastor- Beealia

O-Xan considera “urxente” mellorar as axudas para a prevención dos danos do lobo

O-Xan (Grupo de Debate e Opinión sobre a xestión do lobo en Galicia), valora positivamente a convocatoria de axudas para á prevención de ataques ao gando. Por segundo ano consecutivo se recuperaron estas axudas, que son a principal medida para compatibilizar a presenza do lobo coa gandería extensiva.

Segundo este grupo, os aspectos positivos desta orde de axudas son “a súa convocatoria regular ano tras ano cun importante orzamento de 180.000 euros, así como a inclusión da raza Mastín do Pirineo como can de garda, unha raza de can moloso empregada na defensa do gando e orixinaria de Aragón.

O-Xan tamén valora que “se melloran os criterios de prioridade, dando unha alta puntuación aos gandeiros que sufriron ataques nos seus rabaños nos últimos anos, así como priorizando a implantación de medidas de prevención nos rabaños maiores e nos de gando ovino e cabrún, os máis afectados polos ataques do lobo”.

Do mesmo xeito, valora positivamente que se corrixiran erros na descrición das características técnicas dos pastores eléctricos e se ampliaron as axudas a aqueles conectados á rede eléctrica e os que están alimentados só por baterías (mantendo os de placa fotovoltaica).

Sen embargo, dende O-Xan consideran que malia estes avances na redacción das axudas “aínda queda moito por facer”.

En concreto, critican que “a maior parte das propostas de mellora para a convocatoria destas axudas, que lle presentamos directamente no mes de abril nunha reunión coa Directora Xeral de Patrimonio Natural, non se tiveron en conta”.

Propostas de mellora 

Estas propostas, que segundo o colectivo “son imprescindibles para que estas axudas sexan eficaces na prevención dos ataques do lobo ao gando”, son as seguintes:

1- “Para unha correcta planificación das solicitudes de axuda deberían terse publicado a comezos de ano e permitir a solicitude das mesmas durante varios meses para non condicionar a realización dos investimentos por parte do peticionario a un período reducido de tempo, que non ten porque axustarse ás súas necesidades temporais reais. Novamente o principal motivo é a planificación nas explotacións da implantación das medidas preventivas, xa que ademais Agosto non é o mellor mes para realizar trámites administrativos”.

“É urxente incluír nas axudas os peches fixos con malla ovelleira e arames electrificados”

2- “Cómpre engadir outros investimentos que agora non están contemplados e que son imprescindibles para a protección do gando como son os peches fixos con malla ovelleira e arames electrificados (este investimento estaba contemplado na orde de axudas de 2012 e, aínda que se nos asegurou a súa inclusión en 2017, non entendemos que non estea contemplado). A redución dos métodos de prevención que presenta esta convocatoria de axudas (en comparación a última de 2012) preocúpanos na medida en que estase a esquecer un elemento fundamental no sistema de prevención de ataques de lobo, os peches fixos”.

3- “En canto aos investimentos asignados a cans de garda e protección, non compartimos a inclusión de razas de pastoreo ou “careo” como son o Carea Leonés ou o Can de Palleiro. Consideramos que estas son razas de pastoreo que serven para guiar o gando e non para protexelo. Sendo estas unhas razas importantes no manexo do gando, non son cans de protección contra os ataques do lobo nin se poden deixar co gando sen a presenza do gandeiro/a”.

Peches fixos electrificados propostos por O-Xan - Beealia

Peches fixos electrificados propostos por O-Xan – Beealia

Por norma xeral, a Federación Cinolóxica Internacional, clasifica as razas de cans en función das súas características morfolóxicas que, tradicionalmente, se seleccionaron para diferentes usos. No grupo I temos os Cans pastor e cans boieros, entre os que se inclúen o Pastor Alemán, o Husky Siberiano, o Pastor Belga, o Border Collie e o Pastor Leonés e o Can de Palleiro. Estas razas empréganse para a guía do gando baseando a súa función no medo que ten o gando ao “ataque simulado” e dirixido polo gandeiro do can. Son razas con gran obediencia, axilidade e de gran utilidade tanto en traballos de pastoreo como en concursos de Agility.

“O Can de Palleiro e o Carea Leonés non serven para protexer o gando do lobo”

Por outra banda, a FCI clasifica no grupo II as razas Molosas e cans de montaña. Neste caso son cans de grande tamaño empregados para a defensa, non para o ataque. Son razas como o Mastín Español (tamén dito Mastín Leonés, en Galicia), o Mastín dos Pirineos, o Montaña de los Pirineos (ou Gran Pirieo), o Can de Castro Laboreiro (en Portugal) entre moitas outras. Estas son razas de cans de cabeza grande e orellas caídas. Entre elas, os Mastíns son razas afables e tranquilas co gando e coa xente coñecida, pero defensores do seu rabaño diante dos animais salvaxes ou de xente estraña.

Polo tanto non ten ningún sentido, apostar polo financiamento público destas razas de cans de manexo dentro da liña de protección do gando, porque non están a cumprir co obxectivo último da orde de axudas e ao mesmo tempo se lle reduce asignación de recursos a outros investimentos de eficacia contrastada, polo que o efecto é dobremente negativo. Neste senso, sería máis razoable recuperar liñas retiradas no seu día para a cría e reparto de cadelos de razas de garda como o mastín leonés e fomentar a difusión e formación entre os gandeiros destas medidas”.

Dende O-Xan tamén consideran primordial a inclusión dos custes de mantemento dos cans de garda (alimentación, sanidade, etc…) xa que constitúen un atranco á hora da súa implantación.

Por último dende O-Xan aseguran que solicitarán formalmente unha reunión urxente coa Conselleira de Medio Ambiente para trasladar as súas propostas e tratar de seguir mellorando esta liña de axudas.