premio aresa estandar

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica gaña o Premio Aresa

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural recaeu este ano no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) polo seu papel multisectorial no agro e no desenvolvemento da produción bio en Galicia. Concurrían a esta edición do premio un total de dez candidaturas, nas que o xurado avaliou cuestións como a xeración de postos de traballo no rural, a posta en valor dos produtos da terra ou a innovación en produtos e procesos produtivos.

O certame, que está convocado pola empresa Aresa conxuntamente coa Universidade de Santiago, tivo este ano como xurado ó reitor da USC, Antonio López, á vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montse Valcárcel, ó exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva; ó director de Capsa Food, José Armando Tellado; e ó presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez.

O xurado, que se reuniu onte, desvelou a continuación en rolda de prensa o nome da candidatura gañadora, a do Craega, “elixida por unanimidade por cumprir con todos os requisitos do premio”, segundo expuxo Montse Valcárcel.

Pola súa banda, José Manuel Silva destacou as tres razóns principais polas que se decantaron por este galardoado: “Facer que a agricultura ecolóxica sexa un dos motores do desenvolvemento rural, cunha especial resposta á demanda de consumo en Galicia; defender un proxecto de control e regulación da produción de maneira multisectorial, e lograr que a agricultura ecolóxica sexa unha das causas principais para unha maior implantación de mozos no mundo rural e agrario”.

O presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, agradeceu a todos os membros do xurado o seu traballo e esforzo para tomar a decisión acertada. Resaltou a presenza por primeira vez do reitor da USC e da vicerreitora do Campus de Lugo e agradeceu de maneira especial que José Manuel Silva e José Armando Tellado aceptasen a proposta de estar no xurado desta edición.

López Díaz respondeu que “foi toda unha satisfacción participar desta experiencia” e subliñou que “iniciativas como as do Premio Aresa responden perfectamente á relación que debe ter a Universidade coa sociedade”.

Ademais, o reitor da Universidade recoñeceu a calidade do resto de propostas presentadas: Asoporcel, Galo Celta, Atelier Bisqato, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida DOP Cebreiro, Miceltia, o Sistema de deshidratación alimentado por enerxía solar para produtos agroalimentarios, a Cátedra do pan e do cereal e o Proxecto H2GZ Raising Water.

O Craega será dotado con 10.000 euros e recibirá o seu diploma e os honores correspondentes nunha gala que terá lugar o 8 de marzo de 2019.