O agro mobilízase para advertir das consecuencias do abandono do rural

Os sectores agrario, forestal e da caza organizan unha manifestación que se celebrará o próximo 3 de xuño en Compostela. Arredor de 50 entidades apoian a convocatoria, que leva por lema ‘Creamos vida no rural, non somos o problema, somos a solución’

O agro mobilízase para advertir das consecuencias do abandono do rural

Cartel da protesta.

O mundo rural galego vén de convocar unha manifestación conxunta para o próximo 3 de xuño en Santiago. Arredor de 50 entidades subscriben a protesta, con presencia importante do sector agrario, do forestal e da caza e pesca. A mobilización preséntase como unha marcha “que non vai contra ninguén”, senón contra o abandono do rural. Os convocantes piden un recoñecemento social ás persoas que viven e traballan no rural, “que non son recoñecidas como merecen”.

A marcha celebrarase o domingo 3 de xuño a partir das 11.00 horas, con saída da Alameda de Santiago e chegada á praza da Quintana, onde se lerá un manifesto conxunto a favor da actividade no medio rural. A protesta nace do descontento que se foi fraguando nos últimos anos entre os distintos colectivos que apoian a convocatoria.

Propietarios forestais, cazadores e gandeiros perciben descoñecemento e un certo desprestixio social das súas actividades

Gandeiros, propietarios forestais e cazadores perciben que existe descoñecemento e un certo desprestixio social de parte das súas actividades, non atopando tampouco un recoñecemento suficiente por parte das Administracións. “Cómpre que a sociedade tome conciencia de que se persiste o abandono do rural galego, só é cuestión de tempo unha catástrofe social e medioambiental”, advirten os convocantes en nota de prensa.

A organización da mobilización corre por conta de arredor de medio cento de entidades e colectivos. Entre os máis coñecidos figuran no ámbito agrogandeiro Unións Agrarias ou a Asociación Agraria de Galicia (antiga Xóvenes Agricultores), e no ámbito forestal o Clúster da Madeira, Promagal ou a Asociación Forestal de Galicia. Son numerosos tamén os colectivos e entidades de caza e pesca que apoian a marcha, caso da Mesa Galega pola Caza.

“Se persiste o abandono do rural galego, só é cuestión de tempo unha catástrofe social e ambiental”, advirten os convocantes

Os convocantes da protesta reivindican o papel das persoas que viven e traballan no rural, “custodios do 90% do noso territorio” e que manteñen un “patrimonio natural e cultural en beneficio do conxunto da sociedade”.

Coa manifestación do domingo 3 de xuño, búscase o recoñecemento da sociedade galega ao “gran esforzo que supón desenvolver unha actividade no rural”. “Necesítase un apoio decidido de toda a sociedade para que os máis novos vexan perspectivas de futuro, para aproveitar a oportunidade que supón a bioeconomía, o coidado do medio ambiente e os novos usos do territorio, cambiando así, o abandono por unha fonte de riqueza e orgullo”, defenden.

Servizos
Os distintos ámbitos que conforman a mobilización queren ademais poñer en valor os servizos que lle prestan ó conxunto da sociedade. Desde o sector agrario, lémbrase o papel trascendental que xogan as pradeiras e terras de cultivo na protección dos núcleos de poboación ante os lumes. “Son cortalumes gratis que, se desaparecesen, levarían a unha transformación do territorio, que quedaría máis exposto a catástrofes medioambientais”.

O sector forestal, pola súa banda, reivindica o seu papel na produción sostible de madeira e destaca a función dos bosques na captación de gases de efecto invernadoiro e na mitigación do cambio climático.

En canto ó sector da caza, destácase o papel que xoga como ferramenta de xestión de especies, equilibrando as poboacións, “sobre todo nas de caza maior, que provocan grandes perdas no agro e máis de dez accidentes de tráfico á semana”. Por último, os pescadores lembran o seu papel na conservación dos ríos e no achegamento á natureza da xente nova.

Os convocantes da protesta convidan á sociedade galega a participar na marcha, que terá lugar o próximo 3 de xuño. “Que se amosen orgullosos das xentes e do traballo que se desenvolve no rural, como gardiáns da nosa cultura,do noso futuro e do coidado e salvagarda do noso medio ambiente”, conclúen.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información