Novos altos cargos na Consellería de Medio Rural

Novos altos cargos na Consellería de Medio Rural

Silvestre Balseiros e María Jesús Lorenzana co conselleiro José González

O Consello da Xunta deste xoves aprobou os decretos polo que nomean os novos altos cargos da Consellería de Medio Rural, uns cambios que seguen ao relevo de Ángeles Vázquez como conselleira por José González.

Así, aprobouse o nomeamento de Silvestre José Balseiros Guinarte como director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e director do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Silvestre Balseiros era ata o de agora deputado autonómico polo Partido Popular, vocal da comisión especial do forestal e de incendios e portavoz desta mesma área dentro do grupo parlamentario popular. Diplomado en Lingua Administrativa e Xurídica Galega e técnico informático na especialidade de aplicacións para a Administración Local, a súa experiencia profesional e carreira política estivo sempre moi vinculada ao ámbito municipal, tanto en calidade de empregado público na Delegación Provincial de Estatística en Pontevedra como, posteriormente, no Concello de Cerdedo.

Neste municipio pontevedrés exerceu primeiro de tenente de alcalde e logo de rexedor, entre xaneiro de 2005 e outubro de 2016. Posteriormente desempeñou a vicepresidencia do concello de Cerdedo-Cotobade. Foi tamén deputado provincial por Pontevedra na lexislatura 2007-2011 e vicepresidente do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar, dende xuño de 2006 ata novembro de 2017. Xa como deputado no Parlamento galego, onde accedeu en novembro de 2016, estivo como vocal en diferentes comisións, entre elas a de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, sendo tamén membro da Deputación Permanente da Cámara.

José Balseiros Guinarte toma o relevo de Belén do Campo Piñeiro, que pasar a ocupar o cargo de directora xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, substituíndo a Ana María Díaz. O seu maior coñecemento da problemática que causa no agro a fauna salvaxe, debería ser un factor positivo á hora de tomar medidas que permiten a súa xestión para que conviva coas actividades agrogandeiras.

María Jesús Lorenzana Somoza, nova secretaria xeral técnica de Medio Rural

Ademais, o Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o decreto polo que se dispón o nomeamento de María Jesús Lorenzana Somoza como secretaria Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e que ata o de agora e dende outubro de 2015 ocupaba este mesmo posto na Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Anteriormente, foi tamén secretaria Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña en xuño de 2004, María Jesús Lorenzana é, desde o ano 2007, letrada da Xunta de Galicia. Letrada nivel 28 da asesoría xurídica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e posteriormente da Consellería de Traballo e Benestar desde 2007 ata 2010, compaxinou durante o primeiro ano funcións consultivas con funcións xurisdicionais en defensa da Administración autonómica. Desempeñou o labor de letrada nivel 28 da Asesoría Xurídica Xeral —Gabinete de asesoramento e apoio á actualización normativa— desde marzo de 2010 a novembro de 2011. Desde esa data e ata o seu nomeamento como secretaria xeral en febreiro de 2013, traballaba na asesoría xurídica da Presidencia da Xunta. María Jesús Lorenzana Somoza ten impartido cursos de formación dirixidos a empregados públicos no ámbito da contratación pública, de procedemento administrativo e en materia de técnica de redacción de informes, así como cursos de teleformación sobre os aspectos legais de creación, reutilización e difusión de contidos dirixidos a persoal docente da Xunta.

Ademais, Lorenzana Somoza é tamén secretaria de tribunal en diferentes procesos selectivos da Administración autonómica e publicou artigos na revista da Asesoría Xurídica da Xunta.

Substitúe na secretaría xeral técnica de Medio Rural a Carmen Bouso, que pasa a ocupar o anterior posto de María Jesús Lorenzana Somoza como secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información