“A muller está gañando peso no agro como empresaria e directiva”

Dolores Calvo, presidenta da recentemente creada asociación Nós, as mulleres, cóntanos algunhas das claves nas que queren traballar dende o colectivo para conseguir unha situación máis igualitaria para as mulleres dentro das cooperativas agrogandeiras

Publicidade
“A muller está gañando peso no agro como empresaria e directiva”

Dolores Calvo, presidenta do colectivo 'Nós as mulleres', recentemente creado.

Este mes constituíuse en Compostela a asociación Nós, as mulleres, integrada por directivas de cooperativas agrogandeiras de Galicia. Falamos coa súa presidenta, Dolores Calvo que é tamén unha das poucas mulleres que preside unha cooperativa en Galicia, logo de 5 anos ó fronte de Condes de Albarei, e de varios anos na directiva desta entidade, ademais de formar parte da órgano reitor da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

-Cal é a situación das mulleres en Galicia en sectores como a agricultura e a gandería?
Hai estudos que amosan que arredor dun 49% das persoas socias de cooperativas e SAT en Galicia somos mulleres, representamos case a metade dos socios destas entidades. Porén, a presenza de mulleres nos consellos reitores ata hai uns anos era do 12% e os últimos datos actualizados amosan que supón o 22%. Xa fomos mellorando, houbo avances, pero a presenza de mulleres na presidencia destas entidades é só do 4%. Estas cifras fan que sexa cuantificable e medible a realidade. Aínda que estas porcentaxes son máis elevadas que a media española, consideramos que esta situación non é equilibrada con respecto ó que deberían representar. Quizais os consellos reitores e os órganos de dirección deberan ser máis equilibrados e equitativos.

“En Galicia, a porcentaxe de mulleres nas directivas de cooperativas é maior que a estatal, pero aínda debera ser máis equitativa”

-No seu caso, forma parte dese 4% que afronta unha presidencia…
Realmente en cooperativas de maior tamaño é máis complicado, pero cada vez vai habendo máis mulleres como presidentas, vicepresidentas, incluso en cooperativas con moito volume. Isto é unha ledicia e un indicativo de que a sociedade vai evolucionando.

Como xorde Nós, as mulleres?
Nace ó abeiro de que no 2013 se formase a Asociación de Mulleres en Cooperativas Agroalimentarias de España (Amcae), unha asociación de mulleres dependente de Cooperativas Agroalimentarias de España, que xurdiu co afán de traballar na igualdade e de fomentar a presenza de mulleres nos consellos reitores. De feito, dende Galicia xa formamos parte da directiva desa asociación nacional. Detectamos que aínda que a nivel nacional se fixeran iniciativas era máis difícil implicar ás socias e foi por iso que decidimos crear ‘Nós, as mulleres’, coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

“O maior impedimento para as mulleres é ter que asumir moitas responsabilidades: traballo na explotación, tarefas domésticas e coidados”

Agora mesmo, nas cooperativas de Agaca poden chegar a ser preto de 10.000 mulleres socias, polo que non resulta factible que o colectivo as agrupe a todas de xeito directo. Por iso, pensamos nunha estrutura na que a asociación a integren as mulleres que xa están en consellos reitores ou das administracións e xerencia das cooperativas, para que as reunións sexan máis prácticas e que logo cada unha de nós as leve ás cooperativas de maneira que impliquemos ás nosas socias.

-Con cantas socias conta o colectivo nestes momentos?
Agora mesmo estamos 41 mulleres que pertencemos a 18 entidades de distintos ámbitos, entre as que estamos 5 presidentas, que somos as que hai agora mesmo no sector agrogandeiro galego. O número de socias tamén está limitado a un máximo por entidade, coa intención de facilitar o traballo. Estamos abertas a que se sumen novas socias de cooperativas e poderían mesmo incluírse ata 8 mulleres de cada entidade, en función do tamaño da cooperativa. O máis habitual é que haxa ata 4 dun mesmo colectivo, pero hai cooperativas moi grandes como Coren, Clun ou Aira… que polo número de socias que teñen se lle permitiría sumar máis integrantes.

-En que liñas pretenden traballar?
O obxectivo fundamental que nos marcamos é o desenvolvemento integral da muller e a promoción da igualdade nas cooperativas e nas SAT das que forma parte. Buscamos intentar visibilizar á muller empresaria, directiva, traballadora e profesional. Cando falamos de cooperativismo e do mundo rural, a muller como socia sempre estivo presente, traballando na explotación ou mesmo acudindo ás reunións, pero precisamos que tamén haxa unha visión da muller nesa faceta como empresaria e directiva profesional dentro do cooperativismo e do mundo rural. Tentamos facer actividades que fomenten esa implicación.

-Que programación teñen a curto prazo fixada?
Acabamos de nacer como colectivo e xa nada máis constituírnos fixemos unhas xornadas en Santiago que foron encamiñadas a amosar os obxectivos que tiñamos e como imos funcionar, como a pór en contacto ás socias con proxectos que se están levando a cabo e que son iniciativas emprendedoras no rural que creemos é importante que se coñezan. Son propostas que poden servir de inspiración para outros produtores e que poden combinarse con outras actividades. Agora temos que agardar a ter algo de fondos para ir facendo máis propostas. A nosa idea é seguir nesa liña e ir achegando as cooperativas ó proxecto e traballar no apoderamento das mulleres.

-Que frea que as mulleres ocupen postos en cooperativas e entidades agrogandeiras?
Dende Agaca xa se teñen feito estudos nos que se observa que o maior impedimento é o ter que asumir moitas responsabilidades. As mulleres realizan o traballo na explotación, o traballo doméstico e logo súmaselle o coidado de dependentes, tanto maiores coma nenos. Esa función de coidadoras seguimos a asumila as mulleres, polo que teñen falta de tempo para poder afrontar eses cargos e responsabilidades nun ámbito máis público. Realmente nestas enquisas vese que moitas mulleres non teñen nin tempo de ocio para elas, o que repercute que non poidan realizar esas tarefas. Hai tamén quen non quere, por falta de interese, encargarse desas responsabilidades.

Ademais tamén temos detectado que algunhas acusan unha falta de formación, aínda que nalgúns casos é máis unha inseguridade ca realmente falta de capacitación. Logo, en mulleres de máis idade esa faceta pública e de representación parece que lla asignen máis ós homes, como se esa función non fose ben vista que correspondese á muller. Detectadas as limitacións e atrancos comezamos a ver como resolver esta situación.

“Hai que mentalizar á poboación, non só ás mulleres, para evitar estes atrancos, botando man da corresponsabilidade”

-Como barallan afrontar dende a asociación problemáticas como a carga de traballo derivada de estar adicadas tamén ó coidado de persoas dependentes no fogar?
Creemos que segue habendo necesidade de mentalizar á poboación, non só ás mulleres, para evitar estes atrancos botando man da corresponsabilidade. Se asumimos tarefas comúns e que os dependentes son responsabilidade tanto de homes como de mulleres, chegando a distribuír tarefas de xeito equilibrado, é a maneira de que a muller poida participar na cooperativa de forma máis activa. Tamén é preciso que as mulleres comecen a delegar máis nos homes esas tarefas do fogar que levan anos asumindo. Ademais tamén queremos ofrecer formación para que as mulleres poidan acceder a estes postos de dirección coa maior formación posible e que non sintan que non poden levar a cabo esas responsabilidades.

-Como pretendedes mentalizar sobre estas cuestións?
A idea é ir facendo xornadas e obradoiros nas que se traballen estas temáticas. Tamén queremos darlle a coñecer outras experiencias para que sirvan de exemplos, como o caso de CampoAstur , que xa levan tempo empregando un sistema de substitución de persoal especializado nas ganderías para que poidan ter dispoñibilidade de tempo libre e favorece unha maior autonomía das mulleres.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información