Medra un 8,4% o seguro agrario en Galicia, especialmente en viñedo

Publicidade
Medra un 8,4% o seguro agrario en Galicia, especialmente en viñedo

Ramón Martín e Belén do Campo

O capital asegurado polas pólizas agrarias en Galicia ascendeu en 2017 a algo máis de 661 millóns de euros, o que supón un incremento do 8,4% respecto aos 609 millóns de capital asegurados en 2016.

Así se puxo de manifesto nunha reunión de traballo celebrada en Santiago entre a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o director territorial da zona Noroeste de Agroseguro, Ramón Martín.

O maior incremento foi no capital asegurado da liña agrícola, que pasou de 30,6 a preto de 40 millóns de euros nese período, o que representa unha suba do 28,4%. Dentro deste grupo de cultivo son especialmente significativas as cifras de pólizas subscritas para uva de vinificación, que pasaron de 542 no ano 2016 a 731 en 2017 (un 35% de incremento), aínda que segue sendo moi minoritario en Galicia. Foi precisamente neste sector no que a Xunta e Agroseguro fixeron un especial fincapé, o pasado ano para fomentar a contratación de seguros, tras as calamidades climáticas, especialmente as xeadas de finais de abril.

Dentro do sector gandeiro, o número de animais asegurados medrou un 2% nos dous últimos anos, ao pasar de 24,9 millóns en 2016 a 25,4 en 2017. Dentro deste eido, destaca o incremento do 9,3% das cabezas de bovino aseguradas, que evolucionou desde as 315.000 ata as 345.000 no mesmo período.

Sen embargo, dende as organizacións agrarias critican a redución das axudas de ENESA á contratacións de seguros, a falta de adecuación dos seguros de viñedo á realidade de Galicia, e sobre todo, que case a metade dos 5 millóns de euros de axudas da Xunta á contratación de seguros, se destina ao seguro de retirada de cadáveres, o que consideran unha taxa e non unha póliza.

Colaboración

Polo demais, a directora xeral e o responsable territorial de Agroseguro valoraron estes datos e reafirmaron o seu compromiso de colaboración para continuar fomentando esta contratación, por considerar que é o mellor xeito de facer fronte ás incidencias que se presentan no agro. Así, Belén do Campo salientou que Medio Rural destina cinco millóns de euros este ano ás axudas para promover este tipo de pólizas.

No encontro de traballo, ambos avanzaron tamén na programación de xornadas e demais accións divulgativas.

Así mesmo, na reunión abordouse a cooperación entre a Consellería do Medio Rural e Agroseguro en materia de contratación de pólizas dentro do sector da castaña, para avanzar na cobertura deste eido produtivo, no que Galicia destaca como principal potencia nacional, sendo a única que conta, ademais, cunha Indicación Xeográfica Protexida propia, Castaña de Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información