Medio Rural abonou 26 millóns de euros como anticipo da PAC

Durante a primeira quincena de decembro, pagaranse outros 110 millóns de euros das axudas directas

Medio Rural abonou 26 millóns de euros como anticipo da PAC

O sector percibirá a práctica totalidade da PAC 2018 antes de fin de ano, segundo a Xunta.

A Consellería do Medio Rural anuncia que xa tramitou o pago de máis de 26 millóns de euros como anticipo das achegas agrogandeiras da Política Agrícola Común (PAC). Os pagos, segundo informa a Xunta, realizáronse nestas dúas últimas semanas de novembro e chegaron a 16.000 gandeiros beneficiarios das liñas de vacún de leite e de vacas nutrices. O resto das axudas destes e dos restantes beneficiarios da PAC en Galicia faranse nun único pago durante o mes de decembro.

Na primeira quincena de decembro, prevese o pago de máis de 110 millóns de euros de axudas directas correspondentes ao pago básico, pago verde, pequenos agricultores e pagos acoplados, o que eleva a cifra total de apoios a case 140 millóns de euros que, en total, beneficiarán a preto de 26.000 gandeiros e agricultores galegos.

Deste xeito, Medio Rural asegura que por primeira vez en Galicia se acometen a gran maioría dos pagos da PAC antes de que remate o ano. Estes pagos -precisa a Consellería- “son posibles grazas ao traballo realizado polos servizos centrais e territoriais do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que se esforzaron por levar a cabo todos os controis administrativos e sobre o terreo obrigatorios desde a presentación da solicitude única deste ano, para que o sector puidera dispoñer dos recursos económicos o antes posible, de acordo co compromiso da Xunta”.

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información