Inaugurada en Cerceda unha planta que producirá fariñas cárnicas para fertilizantes

Gestora de Subproductos de Galicia (Gesuga), participada polo Grupo Coren, prevé elaborar 5.600 toneladas anuais con destino o seu uso en abonos

Inaugurada en Cerceda unha planta que producirá fariñas cárnicas para fertilizantes

Acto de inauguración da nova planta de Gesuga.

A empresa Gestora de Subproductos de Galicia (Gesuga), con sede en Cerceda (A Coruña) traballa desde o 2005 na xestión de subprodutos animais da Categoría 1, susceptibles de transmitir enfermidades. Esta semana vén de inaugurar unha segunda planta, orientada a subprodutos animais de Categoría 2, que non presentan perigos.

Coa nova planta, Gesuga prevé producir arredor de 5.600 toneladas de fariñas cárnicas, que se destinarán a fertilizantes, segundo a empresa. A planta conta con 2.200 metros cadrados e representou un investimento de 3,5 millóns de euros.

Gesuga xa viña procesando na actualidade arredor de 60.000 toneladas de subprodutos de categoría 1 ó ano, como por exemplo as vacas mortas nas explotacións. Eses subprodutos transfórmanse nunhas 8.000 toneladas de fariñas cárnicas e de óso, con destino a cementeiras, e extráense tamén máis de 5.000 toneladas de graxas animais, que se empregan na fabricación de biocombustibles.

A nova planta, anexa á actual, procesará animais mortos baixo medicación, peles, estercos e outros subprodutos que non presenten perigos para a saúde humana.

Gesuga

A sociedade Gesuga está participada polo Grupo Coren, Visecorsa y Sarval Bio-Industries Noroeste. Conta cunha facturación anual de 15 millóns de euros e emprega a 81 persoas.

A empresa ten en Cerceda instalacións que miden 40.600 metros cadrados. A compañía dispón ademais de centros de transferencia en Vilamarín (Ourense) e en Outeiro de Rei (Lugo). A súa actividade comezou no 2005 e desde o 2015 é adxudicataria do servizo de recollida, transporte e eliminación dos animais mortos nas explotacións gandeiras galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información