“Emprego e máis igualdade son imprescindibles para que as mozas queden no rural”

Entrevista a Raquel Jares, Premio Egeria da Universidade de Vigo polo seu traballo “Proxecto piloto sobre o deseño dunha estratexia de incorporación da muller rural á vida profesional”.

“Emprego e máis igualdade son imprescindibles para que as mozas queden no rural”

Raquel Jares

Aproveitar as oportunidades de autoemprego no rural, sobre todo nos chamados empregos verdes, seguir mellorando na igualdade, paliar o déficit de servizos ou abrir máis o rural ao ámbito urbano son algunhas das propostas de Raquel Jares para que as mozas queden a vivir no rural. Así o plasma no seu traballo de fin de grado “Proxecto piloto sobre o deseño dunha estratexia de incorporación da muller rural á vida profesional”.

Esta estudante de Enxeñaría Forestal ven de ser galardoada pola Universidade de Vigo co premio Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao.

¿Que te levou a centrar o teu traballo no deseño de estratexias de incorporación da muller rural á vida profesional?
O medio rural é un medio de extraordinaria dureza, onde seguen a existir un gran déficit de servizos e onde a tradición e forma de facer seguen a representar un lastre para a poboación feminina. Debido a isto, as mulleres rurais non exercen de xeito pleno os seus dereitos laborais en igualdade de condicións que os homes.

Por outro lado, o medio rural posúe infinidade de recursos naturais que poden proporcionar servizos de produción, ambientais e culturais. Ademais, estes recursos poden ser explotados de forma sustentable, protexéndoos e conservándoos.

Unindo todas estas cuestións, nace a idea deste traballo, que busca como obxectivos principais, entre outros, os de contribuír ó desenvolvemento sustentable, evitar a despoboación do medio rural ou facer posible unha maior incorporación das mulleres á actividade económica a través do deseño de accións formativas dirixidas a elas, para compensar as desvantaxes que atopan no mercado laboral.

“Os empregos verdes son unha interesante fonte de autoemprego para a muller no rural”

No teu proxecto piloto, ¿Cales son as principais oportunidades de autoemprego que detectaches para a muller no rural galego?
As principais oportunidades de autoemprego detectadas son as relacionadas ca gandaría e agricultura, coas enerxías renovables, coa xestión de residuos ou de auga, co sector forestal, co turismo… os chamados empregos verdes.

¿Segue sendo a falta de oportunidades no eido laboral o principal motivo da emigración das mozas do rural ou tamén hai outros factores que inciden negativamente?
Segundo a miña opinión, esa falta de oportunidades representa o motivo principal da emigración das mulleres do rural. A muller rural vese obrigada a abandonar a súa terra para labrarse un futuro profesional, para buscar noutro lugar as oportunidades de medrar, profesionalmente falando.

En numerosos concellos, a poboación activa no rural, está masculinizada, é dicir, só quedan na gandería os mozos. ¿É distinta a situación de Galicia da doutras partes de España ou de Europa?
Por desgracia, o modelo repítese tanto en Galicia como en España. De xeito xeral, sen gustarme ter que xeneralizar, séguese perpetuando a hexemonía masculina en canto á gandaría, aínda que as cousas empezan a cambiar e o número de mulleres a cargo de producións gandeiras aumenta, pouco a pouco, iso si. En canto á situación no resto de Europa, o traballo non profundiza nese aspecto en cuestión.

¿Cres que as Administracións e a sociedade en xeral son conscientes da necesidade de que as mulleres mozas tamén queden no rural por libre elección para garantir o seu futuro?
Penso que se as Administracións e a sociedade fosen conscientes non só da necesidade, senón da importancia da permanencia da muller no rural, os esforzos para mantelas no rural serían maiores. Hai que pensar que unha sociedade que non aproveita o capital humano de toda a súa poboación, que só se aproveita a metade representada polos homes, por un lado recorta o seu potencial e por outro lado, perde competitividade neste mundo de economía globalizada no que vivimos.

Na túa opinión, ¿Cales serían as principais problemáticas que habería que afrontar para que o rural tamén resultase atractivo para as mulleres mozas, aínda que estas procedesen dun ámbito urbano pero decidisen facer a súa vida no rural?
Na miña opinión deberíanse seguir políticas de apertura do rural ao urbano, como facer visible o potencial que esconde o medio rural, posto que posúe infinidade de recursos naturais que poden proporcionar servizos de produción, ambientais e culturais, en definitiva, recursos que poden ser explotados de xeito sustentable, protexéndoos e conservándoos ao mesmo tempo.

¿Por parte dos gandeiros e agricultores tamén debería haber un cambio de mentalidade cara as súas parellas en canto a cotitularidade das explotacións, igualdade no disfrute do tempo libre….etc?
Por suposto, é a loita da que se fala no meu traballo: acadar unha igualdade efectiva e real, con mulleres e homes tratados por igual, librándonos de séculos de mantemento e práctica da desigualdade, perpetuando costumes para manter esa situación. Pensemos que incluso a través da linguaxe refléxase a realidade desigual na que vivimos e tamén se reforza: úsase o feminino para descalificar ou facer alusións pexorativas ou faise do masculino a orixe do feminino (a palabra nena deriva do masculino neno). Hai moito que cambiar.

“As cousas empezan a cambiar no rural e cada vez máis mulleres son titulares de explotacións”

En países como Francia hai organizacións agrarias que organizan xornadas de coñecemento para que mozas do ámbito urbano ás que lles gustaría ter unha parella do rural e mozos gandeiros ou agricultores se podan coñecer. ¿Como valoras estas iniciativas e velas trasladables a Galicia?
Por suposto que valoro a iniciativa, pero porque penso que dúas persoas se enamoren é algo fantástico. Pero ¿como imos conseguir que esas mozas urbanas se queden no rural sin ofrecerlles a oportunidade de traballar, de ter un futuro profesional?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información