Diversificar as producións agrarias e apostar pola innovación, claves para o futuro do rural

O Foro Económico de Galicia presentou este martes en Santiago de Compostela un informe sobre as estratexias de futuro para o agro galego no que aposta pola diversificación e a innovación como fórmulas de futuro. Entre as propostas realizadas está crear un portal único para o emprendemento agroalimentario

Diversificar as producións agrarias e apostar pola innovación, claves para o futuro do rural

Presentación do estudo este martes en Santiago

“Desenvolver actividades que permitan unha diversificación da base económica dos espazos rurais, partindo do potencial de recursos existentes pero apostando pola diversificación e a innovación baixo unha estratexia de marca país”. Esta é a proposta xeral do estudo Novas demandas para o rural galego presentado este martes polo Foro Económico de Galicia no Centro Social Abanca de Santiago.

O documento elaborado polos economistas e profesores José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, e María Xosé Vázquez, membro do Grupo de Investigación Economía dos Recursos Naturais e Ambientais da Universidade de Vigo, analiza a situación actual do medio rural desde unha perspectiva global.

O estudo, explican desde o Foro Económico, céntrase nas temáticas da paisaxe, a biodiversidade, as actividades agroforestais, os servizos, as novas actividades e a loita contra o cambio climático para examinar “unha estrutura económica en plena transformación”. Os autores do informe afirman que “para manter un rural vivo que cumpra coa súa función tradicional e que ademais dea resposta aos novos usos e novas demandas sociais, é necesario manter a súa multifuncionalidade, mediante unha planificación pública axeitada e programas e medidas específicas”, xa que, sinalan, todo o relacionado coa calidade ambiental e a conservación do medio “son funcións non remuneradas e non comercializadas que porén son fundamentais para a xeración de valor no rural”.

Os autores do documento examinan nel as limitacións e as oportunidades das distintas áreas de actividade no rural galego para elaborar unha serie de propostas de actuación. Segundo explican, a economía agraria precisa “dunha decidida intervención da administración pública que permita a adaptación aos novos usos e unha diversificación empresarial axeitada ás demandas actuais do mercado en todos os campos: desde os usos turísticos ao aproveitamento enerxético”.

Propostas concretas

Algunhas das principais medidas propostas son a creación dun “portal único para o emprendemento agroalimentario”, capaz de asesorar e xestionar os principais trámites burocráticos dos emprendedores. Tamén propoñen “a conservación da paisaxe e o patrimonio natural e cultural implícitos, mellorando a planificación de base para a ordenación territorial” e “a conservación da biodiversidade, equilibrando os tipos intensivos e especializados de produción agrogandeira co apoio ao desenvolvemento de produtos diferenciados e de calidade, seguindo o exemplo das denominacións de orixe vinícolas”.

Horta ecolóxica, pequenos froitos ou plantas medicinais son algunhas das oportunidades de negocio

Entre as medidas incluídas están o fomento do emprendemento “para impulsar unha maior capacidade de transformación industrial e de xeración de valor engadido nas actividades do rural” e, paralelamente, “fortalecer a industria agroalimentaria para ocupar nichos de mercado como a produción ecolóxica en produtos hortícolas, pequenos froitos, plantas ornamentais, medicinais ou aromáticas, así como na produción animal e forestal”.

O desenvolvemento turístico, a partir da confluencia entre as actividades dos servizos privados e a xestión e o investimento públicos que poidan favorecer a súa competitividade na busca dun produto turístico desestacionalizado e de calidade é outra das ideas incluídas no informe.

Os economistas tamén destacan a importancia da mellora dos servizos para os habitantes do rural (desde o transporte ás telecomunicacións), prestando atención ao asentamento de poboación non agrícola “que ten un papel crucial na diversificación das actividades económicas”. Por último, salientan a necesidade de mellorar a absorción de CO2, tendo en conta que a prevención do lume, a aposta pola función ambiental e social do monte galego e o impulso de actividades de economía circular ou bioeconomía son “as tarefas máis urxentes”.

Descarga aquí o informe completo. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información