Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (VIII): o trigo

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) presentou este ano unha serie de fichas de cultivos forraxeiros que poderían empregarse para cumprir cos requirimentos de diversificación do chamado pago verde. Seguimos a serie de cultivos de inverno co trigo.

Publicidade
Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (VIII): o trigo

Trigo da variedade Callobre

O trigo branco ou panificable (Triticum aestivum L.) é un dos cultivos de máis arraigo na historia de Galicia para alimentación animal pero, sobre todo, humana. Hoxe en día o seu cultivo concéntrase principalmente na comarca ourensá da Limia. Dende o ano 2008 experimentouse unha recuperación do cultivo da variedade tradicional Callobre, grazas a un convenio asinado daquela entre a Consellería do Medio Rural e a Federación Galega de Panadeiros (Fegapan) para diferenciar o pan galego mediante o emprego de fariña de trigo de variedades autóctonas.

O proceso de selección e de mellora xenética da variedade Callobre foi realizado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) que no seu banco de xermoplasma conta con 87 variedades locais de trigo procedentes de 44 concellos de toda Galicia.

Os requirimentos do pago verde da PAC abren tamén unha oportunidade para a recuperación deste cultivo. Presentamos a guía de cultivo elaborada polo CIAM.

Calendario de sementeira:

TRIGO_CADRO_01

Requirimentos edafoclimáticos e de fertilización:

Recoméndanse solos con PH superior a 5 (entre 5,5 e 7,5), xa que o contrario levaría a unha insolubilización dos fosfatos presentes no solo ou engadidos coa fertilización e, polo tanto, poderían producirse deficiencias de fósforo para a planta de trigo. Os solos máis idóneos son os de textura media a pesada e boa estrutura, que permitan unha boa drenaxe.

Esixe máis humidade edáfica que o centeo. O trigo non soporta o asolagamento, polo que se teñen que evitar solos nos que se produza o estancamento da auga ou que teñan un nivel freático moi alto.

O trigo precisa solos con boa estrutura pero ben drenados

Os mellores rendementos obtéñense en solos arxilo-limosos ou arxilosos. Nos terreos lixeiros o trigo pode padecer deficiencias nutricionais e estrés hídrico no período de maduración do gran.

A efectos de cálculo de fertilización, as producións medias de gran de trigo están comprendidos entre as 6 e as 8 toneladas por hectárea. Para un solo con niveis medios de fósforo e potasio e para unha produción estimada de 6 tn/ha de gran de trigo, deben aplicarse sobre 180 kg/ha de Nitróxeno, 80 de fósforo e 150 kg de potasio. O abonado de fondo incluirá todo o fósforo e o potasio, e un 25-30% do nitróxeno. O resto aplícase entre o afillado e o encanado.

Se a finalidade é obter forraxe, para unha produción de 5 toneladas de materia seca por hectárea de forraxe ao inicio do espigado, a recomendación é aplicar 100 kg de nitróxeno, 60 de fósforo e 130 kg de potasio. O abono nitroxenado repartirase nun 30% na sementeira e un 70% na saída do inverno.

Con respecto á acidez do solo, recoméndase ter un solo con menos dun 10% de aluminio. Para doses de encalado consultar o díptico “A fertilización dos cultivos”.

Variedades:

Se o aproveitamento do cultivo é para forraxe en verde, deberíanse escoller variedades de ciclo medio. Se o obxectivo é colleita en gran leitoso-pastoso ou gran seco, deberíanse escoller variedades de ciclo máis longo e que se adapten ben ás condicións agroclimáticas da zona de sementeira, con boas producións e baixas susceptibilidade ás enfermidades foliares.

Sementeira e preparación do solo:

O laboreo tradicional consta dunha labor profunda, a 20 ou 30 centímetros, para alzar a terra, enterrando os restos do cultivo anterior, e unha labra superficial cunha fresa, cun cultivador ou unha grade de discos en pase cruzado, para enterrar os fertilizantes e obter unha cama de sementeira axeitada.

Para obter unha boa nacenza, necesítase sementar nun leito fino e húmido. A preparación do terreo será máis coidadosa canto máis tarde se realice a sementeira.

Unha maior simplificación proporciónana as máquinas combinadas, que realizan varias labores nun mesmo pase, ou a sementeira directa, na cal non se realiza laboreo, e tan só se aplica un herbicida total contra as malas herbas, seguida da sementeira cunha sementadora especial.

“En altitudes baixas a sementeira debe facerse entre o 15 de outubro e o 15 de novembro”

O momento da sementeira é esencial para acadar unha boa produción. Por tanto, recoméndase en altitudes baixas realizar as sementeiras entre o 15 de outubro e o 15 de novembro, xa que as sementeiras máis tardías poderían minguar os rendementos ou producirse danos por xeadas en estado de plántula. A sementeira deberase adiantar antes do 15 de outubro canta máis altitude teña a zona, xa que se alonga o ciclo.

A maquinaria que se debe utilizar na sementeira é unha sementadora de liñas, con separación entre 12 e 18 centímetros e profundidade de 2 a 4 centímetros. A dose de semente recomendada é de 400 sementes por metro cadrado.

Utilización de herbicidas:

Trigo variedade Callobre

Trigo variedade Callobre

Débese utilizar un herbicida específico para trigo. Os herbicidas autorizados máis utilizados para o control das malas herbas de folla ancha e de folla estreita no período de nacenza do cereal son: iodosulfuron-metilsodio, clotoluron 50%, isoproturón 50%, profulfocarb, sulfosulfuron, binefox + isorproturon, clortoluron + diflufenican, diflufenican + isoproturon. É importante eliminar a competencia nos primeiros meses.

Manexo fitosanitario: enfermidades e pragas

Existen catro enfermidades foliares que afectan ao desenvolvemento do trigo: oídio, septoria, roia parda e roia amarela. As dúas primeiras non adoitan producir gran diminución do rendemento en variedades cunha resistencia media. As roias débense tratar se producen ataques severos, xa que poden producir importantes perdas na produción. Neste caso, os tratamentos principais son: epoxiconazol, tebuconazol, propiconazol, ciproconazol, triadimenol, azoxistrobin, piracolostrobim, que son moi efectivos.

Recoméndase deixar pasar entre 2 e 3 anos antes de volver a sementar trigo no mesmo terreo

O funxicida aplicarase a partires do momento do espigado, en roia parda, e incluso antes en roia amarela, xa que se desenvolve con temperaturas máis baixas.

Tamén existen catro enfermidades de fungos do solo: mal do pé, fusariose, mancha ocular e ryzoctonia. A rotación con outros cultivos que non sexan cereal é a mellor solución, deixando pasar entre 2 e 3 anos antes de volver a sementar trigo no mesmo terreo.

Praga da babosilla

En canto ás pragas, a que adoita dar en Galicia unha perda de produción é a babosilla (Oulema melanopus). Pódese tratar con cipermetrin 50% ou esfenvalerato 5%.

No caso de sementeiras temperás tamén poden darse casos de ataques de lesmas grises ou do zabro dos cereais (Zabrus tenebrioides) que produzan dano na implantación do cultivo. Existen outras pragas que non adoitan facer grandes danos en Galicia, caso do mosquito e os chinches do trigo. Considérase que o sistema de loita máis eficaz contra o zabro e o mosquito do trigo é o enterrado profundo das restrebas para que os adultos non poidan emerxer.

Colleita, rendemento e valor nutritivo:

O trigo produce menor materia seca para pastoreo que os demais cereais de inverno, polo que non se adoita cultivalo específicamente como forraxe. Sen embargo, cando é posible, sole se pastoreado no inverno e despois déixase para gran. Neste caso, é mellor facer sementeiras e pastoreos temperás, antes de que encane o trigo, pois senón redúcese bastante o rendemento en gran.

No caso de facer ensilado, o mellor momento de corte é o inicio de gran pastoso, cun rendemento de ente 9 e 12 toneladas de materia seca por hectárea. Xeralmente, o seu uso principal é a súa colleita en gran seco, cun rendemento de entre 6 e 8 toneladas, para engadir como penso á ración dos animais.

O valor nutritivo e o rendemento varían coa época de corte, fertilidade do solo e variedade. Na seguinte táboa preséntanse os valores nutricionais medios do ensilado de trigo, e do gran seco, extraídos do FEDNA:

TRIGO_CADRO_02

Descarga aquí o díptico sobre o cultivo do trigo elaborado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información