Creado o Observatorio Eólico de Galicia

A Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo crean unha entidade de investigación, asesoramento e consulta para todos os axentes interesados na enerxía eólica

Creado o Observatorio Eólico de Galicia

Tres institucións veñen de crear o Observatorio Eólico e Galicia, que nace con fins principais de promover a investigación, a formación e o asesoramente a todos os axentes ligados á enerxía eólica en Galicia. A iniciativa xurdiu dun convenio de colaboración asinado por Joaquín Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Manuel Meixide, presidente da Fundación Isla Couto, e Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega.

O observatorio terá por obxecto realizar investigacións sobre o sector eólico en Galicia co obxectivo de transferir coñecemento entre os axentes participantes, ademais de favorecer a transparencia dos procesos de ocupación de terreos destinados a parques eólicos e amosar os impactos positivos que a enerxía eólica xera no mundo rural.

Para iso, o Observatorio terá tres ámbitos de traballo. Servirá como repositorio de información legal, económica e ambiental dos parques eólicos, configurándose como un espazo aberto no que se poderá consultar información actualizada sobre os distintos aspectos ligados á enerxía eólica en Galicia, como a potencia instalada e a súa evolución, proxectos industriais vinculados, emprego e riqueza xerada na Comunidade. Neste ámbito tamén se prestará especial atención á recollida de información cualitativa e cuantitativa (prezos, prazos, cláusulas de contratos, expropiacións…) sobre os procesos de negociación entre propietarios de terreos eólicos e promotores, así como sobre o uso dado polos axentes rurais ás rendas xeradas dos parques eólicos.

O Observatorio tamén realizará estudos e análises socioeconómicas e institucionais da enerxía eólica, sobre todo relacionados cos procesos de negociación cos propietarios de terreos eólicos e a comparativa cos antecedentes galegos e con outros contextos xeográficos. Isto permitirá identificar boas prácticas que contribúan a mellorar os impactos sociais e económicos directos da enerxía eólica nas áreas rurais, contribuíndo a dinamizalas economicamente.

Por último, prestará asesoramento gratuíto aos axentes rurais que se atopen en procesos de negociación con promotores eólicos como mecanismo para fortalecer a súa posición negociadora e favorecer o incremento das rendas derivadas da actividade eólica nos espazos rurais. Todos os contactos co Observatorio Eólico de Galicia poden facer a través do email [email protected]

En Galicia, cómpre lembrar que desde hai máis dunha década funciona tamén a asociación Ventonoso, promovida por Unións Agrarias, que leva máis de dez anos de labor de asesoramento a propietarios implicados nas negociacións de parques eólicos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información