Convenio entre a cooperativa CLUN e a Xunta para avanzar na igualdade da muller rural

Publicidade
Convenio entre a cooperativa CLUN e a Xunta para avanzar na igualdade da muller rural

O presidente de CLUN, José Ángel Blanco, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella

“Mulleres de Seu” o grupo para o empoderamento da muller no rural de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) vén de asinar un acordo de colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia para a posta en valor da súa actividade.

O acordo inclúe acceso a formación de alta cualificación dentro do VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2017-2020; ademais de difusión, colaboración activa con enfoque de xénero e asesoramento en cuestións de igualdade por parte do departamento da Xunta.

Asinaron o convenio o presidente de CLUN, José Ángel Blanco, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. O convenio supón un paso máis na colaboración histórica entre “Mulleres de Seu” e a Secretaría Xeral, conscientes ambas entidades da importancia de promover programas de igualdade entre homes e mulleres, favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nos contornos profesionais e dignificar o papel da muller no ámbito rural e o seu liderado en institucións e organizacións sociais.

Mulleres de Seu, a aposta de CLUN polo empoderamento feminino no rural

Fomentar o empoderamento feminino, o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural, é o obxectivo de “Mulleres de Seu”, unha iniciativa nacida ao amparo da Fundación Feiraco no ano 2013.

O grupo ten ido madurando nos últimos anos e será unha das liñas prioritarias das políticas de Responsabilidade Social Empresarial de CLUN para os vindeiros exercicios. Mulleres de Seu reuniu ata a actualidade a máis de 450 socias en máis dunha trintena de accións formativas, talleres e outras xornadas de traballo.

Para o 2018 está proxectado un intenso calendario de formación, con máis de 15 sesións, seis visitas complementarias a centros tecnolóxicos de referencia, en aspectos técnicos como inseminación artificial, técnicas de muxido, xestión de custes ou informática e uso de dispositivos electrónicos, complementado con sesións de ocio e convivencia.

Un comité de traballo, formado por 15 socias representativas das tres cooperativas, é o responsable hoxe en día de coordinar os proxectos deste grupo adecuándoos ás necesidades das tres cooperativas que conforman CLUN (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto), ás súas áreas de influencia e ás demandas de todas e cada unha das súas socias.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información