A Comisión Europea propón a renacionalización da PAC

A proposta da Comisión prevé maior autonomía aos Estados Membros, que poderán transferir ata un 15% de fondos entre pagos directos e medidas de desenvolvemento rural. Un 40% da PAC destínase a axudas de medioambiente e clima

A Comisión Europea propón a renacionalización da PAC

A Comisión Europea (CE) presentou este venres 1 unha proposta para a Política Agrícola Común (PAC) a partir de 2020 cun recorte do orzamento do 5% -a prezos correntes- e un teito máximo de axudas de entre 60.000 e 100.000 euros por explotación para garantir unha distribución máis equitativa dos pagos.

No contexto do primeiro orzamento ‘postbrexit’, a PAC sufrirá un recorte do 5% -un 12% a prezos constantes, tendo en conta a inflación-.

De cara ao próximo período da PAC, a Comisión asegura que os Estados membros disporán de maior flexibilidade e responsabilidade para elixir como e onde investir os importes que lles correspondan da PAC co fin de responder os obxectivos establecidos a nivel da UE, tanto a nivel ambiental como climático.

As principais características das propostas da Comisión para unha PAC modernizada e simplificada son estas, segundo expón a propia Comisión:

1. Unha nova forma de traballar: Os Estados membros terán máis flexibilidade en canto á forma de utilizar as súas asignacións de financiamento, coa posibilidade de deseñar programas a medida que respondan máis eficazmente ás preocupacións dos agricultores e das comunidades rurais máis amplas. Os Estados membros terán ademais a opción de transferir dos pagos directos ao desenvolvemento rural, e viceversa, ata un 15 % das súas asignacións da PAC para garantir o financiamento das súas prioridades e medidas. A igualdade de condicións entre os Estados membros conseguirase da seguinte maneira:

Adoptaranse plans estratéxicos que cubran todo o período, nos que se especifique como ten previsto cada Estado membro cumprir os obxectivos económicos, ambientais e sociais a escala da UE, utilizando para iso tanto os pagos directos como o desenvolvemento rural. A Comisión aprobará cada plan para garantir a coherencia e a protección do mercado único.

A Comisión seguirá de preto o rendemento de cada país e os progresos cara ás metas acordadas.

2. Un trato máis xusto a través dunha mellor orientación da axuda: Os pagos directos seguirán sendo unha parte fundamental da política, garantindo a estabilidade e a previsibilidade para os agricultores. Darase prioridade ao apoio ás pequenas e medianas explotacións, que constitúen a maioría do sector agrícola da UE, e a axuda aos novos agricultores. A Comisión mantén o seu compromiso de lograr unha distribución máis equitativa dos pagos directos entre os Estados membros a través da converxencia externa.

Ademais:
– Os pagos directos aos agricultores reduciranse a partir de 60 000 EUR e limitaranse no caso dos pagos superiores a 100 000 EUR por explotación. Os custos laborais teranse plenamente en conta. O fin perseguido é garantir unha distribución máis equitativa dos pagos.

– As pequenas e medianas explotacións recibirán un nivel máis elevado de axuda por hectárea.

3. Ambicións máis elevadas en materia de medio ambiente e acción polo clima: O cambio climático, os recursos naturais, a biodiversidade, os hábitats e as paisaxes, todo isto abórdase nos obxectivos a escala da UE que se propoñen. A axuda á renda dos agricultores xa está vinculada á aplicación de prácticas respectuosas co medio ambiente e co clima, e a nova PAC imporalle aos agricultores alcanzar un maior nivel de ambición a través de medidas tanto obrigatorias como baseadas en incentivos:

– Os pagos directos estarán condicionados ao cumprimento duns requisitos reforzados en materia de medio ambiente e clima.

– Cada Estado membro terá que ofrecer réximes ecolóxicos para axudar aos agricultores a ir máis aló dos requisitos obrigatorios, financiando tales réximes cunha porcentaxe das súas asignacións nacionais para pagos directos.

– Polo menos o 30 % de cada asignación nacional para desenvolvemento rural dedicarase a medidas ambientais e climáticas.

– Espérase que o 40 % do orzamento total da PAC contribúa á acción polo clima.

– Ademais da posibilidade de transferir o 15 % entre alicerces, os Estados membros terán tamén a opción de transferir un 15 % adicional do alicerce 1 ao alicerce 2 para o gasto en medidas sobre o clima e o medio ambiente (sen cofinanciamento nacional).

4. Maior uso do coñecemento e innovación: A PAC modernizada aproveitará a totalidade das últimas tecnoloxías e innovacións, axudando así aos agricultores no campo e ás administracións públicas.

Próximas etapas
A Comisión considera que é esencial alcanzar un acordo rápido sobre o orzamento xeral da UE a longo prazo e as súas propostas sectoriais para garantir que os fondos da UE empecen a dar resultados sobre o terreo canto antes e que os agricultores dispoñan da necesaria certeza e previsibilidade para poder tomar decisións sobre as súas actividades e investimentos.

Rexeitamento á renacionalización da PAC

A organización agraria COAG, en liña co expresado por outras organizacións, manifestou o seu rexeitamento á renacionalización da PAC, xa que “provocaría serias distorsións nas rendas dos agricultores, que variarían entre distintos países, e pon en perigo o valor engadido dun mercado único”.

A Coordinadora de Organizacións de Agricultores de Agricultores e Gandeiros (COAG) cualifica de “grave erro estratéxico de consecuencias imprevisibles” a proposta de textos lexislativos da PAC post-2020, presentada onte polo Comisario de Agricultura, Phil Hogan. Esta organización considera que os ‘Plans Estratéxicos’ nacionais, principal cambio na arquitectura da PAC, sentan as bases para dinamitar a única política común da UE ao habilitar aos Estados Membros a establecer o seu propio marco legal para a concesión das axudas agrarias. Levado ao extremo, este cambio podería desembocar en centos de ‘mini-PAC’ rexionais.

Para COAG este enfoque resulta inaceptable porque erosiona gravemente o principio do carácter comunitario da PAC e pode provocar serias distorsións entre rendas agrarias e agricultores de distintos países.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información